apillar

apillar
v t [MAR/ETN]

Dirixirse, principalmente os rapaces, nas zonas con porto de mar, aos peiraos, ramplas ou praias onde se descargaba o peixe con cadanseu caldeiro, cesto ou calquera outro recipiente para recollelo. Esta actividade precisaba dun labor de vixilancia previa dende os lugares mellor situados e cando os aparellos ían ser enxaugados acudían en masa ata o lugar de descarga dende onde o peixe era levado á fabrica ou á lonxa. Este transporte facíase nuns caixóns aburatados que dous mariñeiros levaban ao lombo colgado dun varal e que sufrían a escolta dos rapaces que agardaban que algunha sardiña escorregase e caese ao chan (isto sucedía cando os mariñeiros non levaban ben o paso). Requiría dunha certa habilidade para coller a sardiña no aire e fuxir a un mesmo tempo. Outro xeito de apillar era o de introducirse no mar cando o aparello estaba sendo arrastrado a terra polos mariñeiros e sacar o peixe por entre as mallas sen que o patrón puidese facer nada para impedilo ao estar ocupado na manobra de recollida.

Palabras veciñas

apífugo -ga | apigarado -da | apiína | apillar | apiltrado -da | apiltrar | apiñado -da