apocalipse
(
-
s
f
[RELIX]
Revelación dos acontecementos da fin do mundo presente na tradición relixiosa xudeu-cristiá. O mito da apocalipse, que culmina coa Gloria de Deus, é propio da mentalidade do pobo xudeu, que debido ao seu carácter nómada vivía na espera do seu establecemento final na Terra Prometida. Así, se os padecementos individuais sufridos durante a vida terrea serían recompensados coa permanencia despois da morte a carón de Deus, os da humanidade toda rematarán despois da Apocalipse. Os textos que configuran a literatura apocalíptica teñen, xa que logo, un carácter consolador, contrastando o feito do advenimento do mal co triunfo final da Gloria de Deus e a Salvación. Nunha linguaxe simbólica e escura, fálase de revelacións divinas e acontecementos que han suceder nun futuro afastado. Fundamentalmente é unha visión optimista da historia: o futuro será mellor porque a vitoria será de Deus, do ben fronte do mal, e porque se establecerá un mundo mellor e definitivo. A literatura apocalíptica cristiá amplía a doutrina xudía. Carácter común nas descricións da apocalipse é o catastrofismo dos acontecementos que se narran, así como a reiteración de elementos simbólicos (año, dragón, serpe, numeroloxía). Os textos apocalípticos anteriores ao Novo Testamento son, entre outros, o Libro de Henoc, o Libro dos Xubileos, a Asunción de Moisés, a Asunción de Isaías, a Apocalipse, o Testamento de Abraham e a Guerra dos fillos da luz contra os fillos das tebras. No Novo Testamento atópanse os grandes discursos escatolóxicos contidos nos denominados Evanxeos sinópticos, pero o único libro que pertence ao xénero apocalíptico é o da Apocalipse de san Xoán. Segundo a tradición dos ss II e III este Xoán sería o mesmo apóstolo autor do cuarto evanxeo, polo que a súa Apocalipse quedou inserida na Biblia como derradeiro libro do Novo Testamento. O escrito profético, enviado en forma de carta ás igrexas da provincia romana de Asia, divídese en dúas partes desiguais: a primeira refírese á situación que se daba nas comunidades cristiás de Asia; a segunda, á insidiosa persecución que estaba a piques de comezar. Nel, san Xoán relata as revelacións outorgadas por Deus sobre a fin do mundo, presentando despois da introdución as visións que lle foron dadas co obxecto de enaltecer a Gloria divina e o triunfo da Igrexa. Escrito en época de persecucións contra os cristiáns, tenta elevar a súa moral ao lles asegurar a salvación depois da apocalipse, que considera próxima, animándoos a manterse na fe. Durante os primeiros tempos de dominio musulmán na Península Ibérica a Igrexa, que precisaba da unidade e do fortalecemento do ánimo crente, revitaliza os textos apocalípticos; neste contexto, o beato de Liébana, do mosteiro burgalés de Valcabado, manuscribe as súas mediacións sobre a revelación de san Xoán nos Comentarios á Apocalipse (776), inspirando durante séculos a numerosos predicadores, que axiña atopan en Galicia ecos das súas verbas. Á marxe do Novo Testamento, cómpre así mesmo citar Apocalipse de Pedro, Apocalipse de Paz, Apocalipse de Tomás, e Apocalipse de María. Os anteditos textos foron, así mesmo, o soporte literario da arte apocalíptica. As máis notables representacións que se fixeron da apocalipse foron plásticas e localizábanse preferentemente nos pórticos decorados das igrexas, onde podían ser visualizadas polo pobo. Destaca sobre todos o Pórtico da Gloria, obra do mestre Mateo, que reproduce no seu arco central as imaxes e os símbolos relatados por san Xoán e nos laterais, outras pasaxes bíblicas apocalípticas. Así, no arco central represéntase a visión da Xerusalén Celeste con Cristo sedente coroado e arrodeado dos catro evanxelistas cos seus símbolos; sobre o dintel, varios anxos portan os instrumentos da Paixón e baixo as arquivoltas sitúase a multitude de benaventurados; na arquivolta represéntanse os vinte e catro anciáns músicos; nas esquinas, os catro anxos trompeteiros que durante a fin dos días ocuparán as catro esquinas do mundo. Na arcada esquerda, Cristo descende ao limbo para liberar aos xudeus infieis e na dereita aparece como Xuíz. Da mesma escola que o pórtico compostelán son o do Paraíso da Catedral de Ourense, San Martiño de Noia, San Lourenzo de Carboeiro, Santo Estevo de Rivas de Miño e San Nicolás de Portomarín, aparecendo en todos eles iconografías apocalípticas nas que a representación da Gloria do Cristo tal como se descrebe na Apocalipse é motivo constante: como Xuíz Supremo, enmarcado na mandorla e arrodeado dos anxos cos instrumentos da Paixón, tal como figura na parte alta do presbiterio da Igrexa de Vilar de Donas. Outra manifestación artística que cómpre salientar é a Tapicería da Apocalipse, unha serie de noventa tapices sobre o tema da apocalipse, que se conservan aínda no Castelo de Angers sesenta e nove enteiros e nove fragmentados. Foron feitos en 1376-1400 nos obradoiros de París, polo tapiceiro Nicolás Bataille, sobre cartóns de Jean de Bruges.
-
s
m
Estado catastrófico, tremendamente problemático, ou de moi difícil resolución.