Appendix Probi

Appendix Probi

[Apéndice de Probo] Apéndice do tratado gramatical do Pseudo-Probo onde o autor transcribe unha lista de formas latinas, de acordo co xénero “Non digas... di...”, que se escribían incorrectamente ou ben que se consideraban vulgares. Esta listaxe, de grande importancia para o estudo do latín vulgar, cataloga e corrixe 227 palabras, pronunciacións ou fórmulas latinas consideradas como incorrectas. Algunhas destas observacións convén tratalas con precaución, pois o autor non sempre as enmenda conforme ás regras clásicas. Cara ao ano 700, uns monxes da abadía fundada por San Columbano en Bobbio, ao norte de Italia, rasparon un pergameo con textos bíblicos para copiar nel un tratado do gramático Probo, ao que lle engadiron cinco apéndices ou suplementos, o terceiro dos cales é este repertorio de correccións que se deu en chamar Appendix Probi aínda que se descoñece o seu autor. Algúns estudiosos pensan que foi escrito en África e outros, pola contra, inclínanse por Italia, quizais na propia Roma. No que atinxe á cronoloxía, tampouco hai acordo; se nun principio se supuña escrito entre o 200 e o 320 da nosa era, máis recentemente hai quen o adianta aos séculos cristiáns, baixo os lombardos, é dicir, non antes do 568. O seu maior interese radica na incorporación de palabras latinas no seu tratamento vulgar fronte á forma escolar ou “correcta”. Por esta razón, este texto resulta unha ferramenta indispensable para ilustrar as pequenas diferencias que comezaban a agromar xa na lingua latina da época e que supuñan un crecente afastamento da norma clásica, do latín tradicional que continuaba, sen embargo, sendo o modelo a seguir. Este afastamento, do que é testemuño este texto, revela un incremento da tensión sempre existente entre a lingua escrita, o latín estándar fixado por literatos e gramáticos, e a lingua oral viva e, como tal, susceptible en todo momento de experimentar variacións. Cando ambas as dúas tendencias, oral e escrita, se afastan de xeito especialmente sensible por mor da evolución da propia lingua e da inadaptación da norma, as transgresións a esta última aumentan de forma considerable, descubrindo, de modo máis claro, trazos da lingua falada que continuará evolucionando inexorablemente ata desembocar nun sistema lingüístico novo e independente: a lingua romance. Non hai que esquecer o importante papel que xogou neste proceso evolutivo o declive da escola antiga, que foi esmorecendo xunto co Imperio Romano, ao tempo que se ían formando os estados bárbaros. Esta institución, tradicional e normativa, apoiábase no estudo dos autores clásicos de tal xeito que, ao desaparecer, esvaece con ela o último obstáculo que se podía opoñer ao cambio lingüístico. Tamén tivo moita importancia a expansión do Cristianismo; con el chegou a instrumentalización do idioma como medio para estender a evanxelización; no púlpito preferíase empregar a fala vulgar co fin de conectar máis facilmente cun pobo que xa comezaba a ter dificultades para entender o latín e, dese xeito, captar maior número de fieis. O Appendix Probi ocúpase fundamentalmente de analizar os problemas fonéticos e morfolóxicos, non os sintácticos nin os léxicos. Entre os máis relevantes pola súa frecuencia están, por exemplo, a síncope ou desaparición dun son no interior dunha palabra. Das 227 “incorreccións”, 25 refírense á síncope, seguramente porque é este un fenómeno común nunha fala rápida e descoidada como a linguaxe familiar. Así, entre as recomendacións do apéndice figuran, por exemplo: “speculum non speclum” (espello), “vetulus non veclus” (vello), “oculus non oclus” (ollo) ou “viridis non virdis” (verde). Tamén aparecen outros exemplos como: a) redución dos grupos de consoantes entre vocais: “mensa non mesa” (mesa) e “autor non autor” (autor); b) casos de confusión entre b e v: “baculus non vaclus” (báculo) ou “tolerabilis non toleravilis” (tolerable); c) numerosas alteracións no vocalismo, como a redución de ditongos “caelebs non celeps” (célibe) e “auris non oricla” (orella), ou o cambio de timbre dalgunhas vocais debido á súa posición “vinea non vinia” (viña), “senatus non sinatus” (senado) e “formica non furmica” (formiga). En canto ás alteracións no terreo morfolóxico, o máis salientable é que xa se empeza a percibir un novo proceso de reestruturación no cada vez máis caduco sistema de declinacións. Así, por exemplo, vese que a primeira e a segunda declinacións tenden a captar aqueles substantivos e adxectivos que se refiren a seres femininos e masculinos respectivamente, en detrimento da paulatina desaparición da terceira, cuarta e quinta declinacións: “socrus non socra” (sogra), “acre non acrum” (agre), “pauper mulier non paupera mulier” (muller pobre). Abonda con estas pequenas mostras para ilustrar a enorme riqueza deste documento que, a pesar da súa pequena extensión, posúe un inxente valor filolóxico, pois non só é básico para o estudo en profundidade do chamado latín vulgar, senón tamén para afondar no coñecemento da xénese das linguas romances.