aprendiz -za

aprendiz -za

(< lat apprehendix ‘o que colle’)

  1. s

    Persoa que aprende algún oficio. Trátase normalmente dun menor de idade que traballa para un empresario, a cambio de que este ou un representante capacitado lle ensine un oficio ou un traballo industrial.

    Ex: Antes de ser oficiala, Paula vai traballar como aprendiza de perruqueira.

  2. s

    Persoa que ten pouca experiencia nunha materia.

    Ex: Alexandre é un aprendiz no que á pintura se refire.

  3. s m [HIST/OFIC]

    Mozo que traballaba para aprender un oficio baixo da tutela dun mestre co que convivía durante un tempo variable segundo a idade e a capacidade do aspirante. O patrón proporcionáballe alimento e vestido e, nalgúns casos, un pequeno salario. Inscrito no gremio correspondente, unha vez rematado o contrato de aprendizaxe, non cotizaba nin tiña dereito a voto, nin podía cambiar de amo máis de tres veces. Acompañado do mestre, era examinado polos homes do gremio, ante os que debía realizar un traballo propio do oficio, a chamada “obra mestra”. Superada a proba, era inscrito na categoría de mancebo ou oficial.

  4. s m [HIST]

    Primeiro dos tres graos básicos da francmasonería.

Refráns

  • Aprendiz de moitas ciencias, mestre de poucas sabencias.
  • Quen polo aprendiz deixa o ferreiro, gasta o ferro e perde diñeiro.
  • ¡Deus me garde de aprendiz novo e de barbeiro vello!

Palabras veciñas

apremar | apremedeiras | aprender | aprendiz -za | aprendizaxe | apresamento | apresar