aquelarre
(<éusc akelarre ‘prado do cabrón ’ < akerr ‘macho cabrío’ + larre ‘prado’)
-
s
m
[ESOT]
Xuntanza nocturna de bruxas e bruxos, presidida polo demo en forma de castrón, para a práctica de ritos máxicos e transgresores. Este feito, implícita ou explicitamente, reflicte un pensamento antisocial e anticristián ao realizar o bruxo ou bruxa un pacto co demo e xuntarse con el nos aquelarres. Nunha sociedade campesiña de arraigada tradición pagá, eran probablemente actos comunitarios nos que se eliminaban temporalmente os tabús sexuais e relixiosos. Os bruxos e bruxas acoden a estas sesións, polo xeral voando, para dar conta das accións realizadas dende a xuntanza anterior, polas que son premiados segundo a súa calidade, ao artellaren os males que ocasionarán ata a seguinte. A opinión máis xeneralizada é que nestas xuntanzas celebran misas negras, enchentas, orxías sexuais con apoloxía da sodomía e o incesto, todo tipo de sacrilexios, e o ritual de bicarlle o cu ao demo, quen, logo de recibir a submisión dos presentes, os posúe sexualmente e lles comunica palabras e rituais de maxia negra. A maxia e mais a bruxería arraigaron na Galicia dende antano perdurando crenzas sobre estas prácticas ata a época contemporánea, sobre todo no ámbito rural. Está documentada a celebración de agregacións deste tipo con fins maléficos e nocturnidade xa dende a época romana, a miúdo presididas por divindades femininas. En certos sitios de Galicia asegúrase que os actos do aquelarre teñen lugar todos os sábados; noutros lugares dise que os venres, coincidindo case todos en sinalar as noites de san Xoán, san Pedro e san Silvestre ou Cabodano, así como aquelas dalgunhas festividades marianas importantes. É costume realizar as xuntanzas en puntos concretos das comarcas, con fogueiras a carón de fontes e ríos ou encrucilladas de camiños; en varias zonas de Galicia rexístrase o topónimo Eira das Meigas para indicar lugares nos que se celebran aquelarres segundo a tradición. Para chegar voando ata os lugares de xuntanza, as bruxas untan con ungüentos os dedos dos pés e das mans rezando frases rituais, adoito de semellante estrutura (“por riba de silveiras, e por valos e pedregas”, “por riba de silveiras, e carballos e pedregas”, “por riba de silveiras, por baixo de carqueixas”) saíndo logo polas chemineas ou os furados das pechaduras cunha vasoira ou un lareiro enfeitizados, a miúdo transformadas en gato, e espallando mal por onde pasan. Son coñecidos documentalmente unha chea de procesos inquisitoriais a mulleres galegas acusadas de bruxería por se congregaren en conciliábulos nocturnos con fins maléficos, denunciadas en moitos casos polos propios veciños. Salientaron en Cangas do Morrazo os procesos a María Soliño (1621) e Elvira Martínez e Catalina da Igrexa (1626), acusadas de levar ao cabo rituais satánicos na praia de Areas Gordas. Nos aquelarres da Galicia adoitábase encomendar aos asistentes o estragamento de árbores, froitos e demais elementos vencellados coa mantenza subsistencial. Para protexerse das bruxas confórmanse toda unha serie de supersticións, recorréndose a abundantes amuletos e talismáns, tales como as figas, dóminas, dentes de allo ou de porco, ou a castaña de Indias.
-
s
m
[RELIX]
Misa negra ou Sabbat que se leva a cabo durante un aquelarre, na que se lle rende culto ao demo.
-
s
m
Lugar onde se leva a cabo un aquelarre.
-
s
m
Noite na que se desenvolve un aquelarre.