aquitano -na
(< topónimo Aquitania)
-
adx
Relativo ou pertencente a Aquitania ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante de Aquitania.
-
s
[ETN/HIST]
Individuo dun populus prerromano do O de Occitania, situado entre os Pireneos, na marxe esquerda do Garona e o Atlántico. Dividíanse en numerosos pequenos grupos: nos vales pirenaicos estaban os sibuzates, oscidates, onesii, campani, ademais dos tarbeli que se estendían tamén por Chalosse, e os garumni, que vivían entre o Val de Arán e a parte da conca alta do Garona; nas planicies subpirenaicas atopábanse os bigerriones, vernani tarusates; en Armagnac, os ausci elusates; en Lomagne os lactoratenses; ao N de Condamés, os sotiates e en Landes os cocosates, boii vesates. No ano 56 a C Publio Craso, enviado por Xulio César para rematar a conquista das Galias, comezou o proceso romanizador da Aquitania.
-
s
m
[LING]
Lingua prerromana falada, segundo os testemuños de César, entre os Pireneos e o Garona. Os poucos coñecementos que se teñen chegaron a través dos nomes persoais e relixiosos -en inscricións latinas- e da toponimia. O aquitano podería ser unha lingua intermedia entre o éuscaro e o galo.