Arabia Saudí

Arabia Saudí
Nome científico: [Nome oficial: Reino de Arabia Saudí; ár: al-Mamlaka al-’Arabīyya as-Sa’ūdīyya]

Estado de Arabia que ocupa a maior parte da península e que limita con Xordania, Iraq e Kuwait ao N, co Golfo Pérsico, Qatar e os Emiratos Árabes Unidos ao NL, con Omán ao L e ao S, con Iemen ao S e SO e co Mar Vermello ao O (2.240.000 km2; 19.072.000 h [estim 1997]). A capital é Al-Riyād.
Xeografía económica

Conxuntura económica
A economía saudita baséase, maioritariamente, na obtención do seu principal recurso natural: o petróleo, do que posúe o 26% das reservas mundiais e é o primeiro produtor mundial. Os cultivos son difíciles debido á falta de auga, polo que se concentran nos oasis e nas áreas litorais. O trigo é o principal cultivo, aínda que teñen grande importancia os dátiles, os produtos da horta (tomate e sandía) e a cebada. Durante a década de 1980 leváronse a cabo numerosas obras de irrigación co obxecto de aumentar a área cultivada, buscáronse novas fontes hídricas, concedéronse axudas financeiras aos agricultores e fixéronse notables esforzos para aumentar o grao de mecanización da agricultura (entrega gratuíta de maquinaria e aparellos). Na gandería destacan especialmente os ovinos e caprinos, a cría de camélidos e de aves; sen embargo, é un sector que está en decadencia. A pesca é un recurso apenas explotado; sen embargo, Arabia Saudí está a incrementar moderadamente a súa actividade pesqueira na área do Índico occidental. O principal subsector dentro da economía saudita, logo do abandono dos recursos mineiros tradicionais (ouro e prata), é o petróleo, que supón a terceira parte do seu PNB. Entre os seus campos petrolíferos pódense destacar os de Ṣ āffanīya, Ḡ awar e Abū Hadriya. A exportación de petróleo cru realízase a través do gran porto de Ra’s Tannūra ou dos tres oleodutos internacionais: o primeiro e máis curto é o que ten por destino a illa de Bahrain, que refina unha pequena parte do petróleo saudita; o segundo é o da Tapline (Trans-Arabian Pipeline inaugurado en 1950), que chega ao Mediterráneo por Ṣ ayota despois de atravesar 2.000 km e varias fronteiras, sen embargo, xa non é moi utilizado pola súa proximidade coa fronteira de Israel; o terceiro, o máis importante, é o hoxe chamado Transarábico, que desde 1981 une o xacemento de Ḡ awar co novo porto industrial de Yanbu’. As reservas de gas natural, normalmente asociadas ao petróleo, son tamén moi representativas, aínda que se destina preferentemente para consumo interno. Ademais da explotación destes recursos, existen outras industrias extractivas (xeso, pedra caliza e arxilas) e ten unha forte presenza o subsector da construción e enerxético (electricidade de orixe térmica); así mesmo, cómpre salientar a actividade industrial química (fertilizantes nitroxenados e produtos petrolíferos) e a busca de recursos hídricos no subsolo e a súa explotación, que contribúen tamén a reactivar e diversificar a economía saudita. Dende 1970 a economía saudita ordénase por plans quinquenais, que trazan dúas liñas mestras fundamentais: unha, a construción de grandes factorías, outra, a utilización ao máximo dos recursos naturais do país. Por conseguinte, os proxectos petroquímicos, siderúrxicos, de refinado de petróleo e de transformación teñen primacía. Foi o II Plan (1975-1980) o que preparou o relevo do petróleo na economía saudita. Así mesmo, no transcurso do III Plan (1980-1985) o obxectivo fundamental era a saudización da maior parte da xestión económica nacional. A Guerra do Golfo (1990-1991) tivo importantes repercusións na economía saudita: o custo da guerra foi de 30.000 millóns de dólares; sen embargo, debido ás doazóns ou condonacións de débeda que fixo a certos países árabes participantes na coalición militar anti-iraquí (Exipto e Siria), así como ao envío de armas aos seus aliados internacionais, os gastos totais de Arabia Saudí ascenderon a 55.000 ou 60.000 millóns de dólares. A dimensión do gasto foi tal que, por primeira vez na súa historia, tivo que solicitar un empréstito de 3.500 millóns de dólares en febreiro de 1991. Así mesmo, todos os proxectos de investimento, tanto os públicos como os privados, conxeláronse; o Banco Central Saudí (SAMA) tivo que intervir para evitar un crack e gran parte da poboación estranxeira emigrou. O aumento dos prezos do petróleo durante o conflito e a ausencia do petróleo iraquí e kuwaití permitiu duplicar os seus ingresos petrolíferos; sen embargo, o afundimento do prezo do petróleo en 1991, logo do remate do conflito, non foi suficiente para que Arabia Saudí recuperase a súa estabilidade económica. Só a partir de 1994 a economía comezou a evolucionar: medrou un 10,1% con respecto a 1993, crecemento que consolidou nos seguintes anos con porcentaxes máis moderadas (2,7% en 1997); o déficit orzamentario descendeu ao longo dos últimos anos; desconxelou o pagamento aos provedores de servicios ao estado; coa oposición dos sectores relixiosos máis ortodoxos comezou a privatización da economía, instaurou a fiscalidade directa e subiu determinadas tarifas. A renda per cápita de Arabia Saudí, que acada os 7.040 $/h (1995), é unha das máis elevadas. A moeda oficial é o rial.
Comunicacións
A rede de transportes é insuficiente, aínda que mellor ca as outras infraestruturas: hai un total de 151.530 km de estradas (1993) dos que 67.900 están asfaltados. Onde non hai estradas, o transporte realízase en camelo. Só hai unha autoestrada, a de Ǧ idda a Medina. O ferrocarril aínda non está desenvolvido (1.390 km de vía férrea en 1993) e está infrautilizado en relación co avión. Os catro grandes aeroportos internacionais atópanse en Ǧ idda, Medina, Al- Ẓ ahrān e Al-Riyād. O principal porto marítimo é o xigantesco de Ra’s Tannūra (exclusivamente de saídas), terminal dos oleodutos procedentes dos grandes pozos petrolíferos da provincia Oriental. O transporte de mercadorías, en xeral, realízase a través doutros portos, principalmente o de Ǧ idda, no Mar Vermello, e o de Al-Dammām, no Golfo Pérsico, que totalizan o 97% das importacións.
Relacións comerciais
As principais importacións son a maquinaria, os materiais de transporte, os téxtiles e os metais (como materia prima ou manufacturados), e proveñen principalmente dos EE UU e Xapón. As exportacións son fundamentalmente de petróleo, gas natural e produtos químicos e diríxense sobre todo a EE UU, Xapón e o Reino Unido. Malia que Arabia Saudí está pechada ao turismo internacional, só está permitida a entrada aos invitados oficiais, aos homes de negocios e aos peregrinos, é un dos países árabes que máis beneficios obtén do turismo, principalmente debido ás peregrinacións á Meca. Ao mesmo tempo, converteuse nunha potencia emisora de turismo rico.
Xeografía humana e sociedade
A poboación calculada de Arabia Saudí en 1997 era de 19.072.000 habitantes, dos que o 91,6% son árabes (82% sauditas e 9,6% iemenís); sen embargo, os fluxos migratorios, sobre todo os procedentes dos países asiáticos, están a incrementar constantemente esa cifra. O crecemento anual da poboación é elevado (2,4%, 1994) debido á alta natalidade (37,8‰) e á baixa mortalidade (4,4‰). O grupo humano predominante en Arabia Saudí é o sudoriental, que é unha variedade local do grupo humano xantodermo. Na Antigüidade había unha presenza moi importante de nomadismo, pero actualmente (1995) o 80,2% da poboación é urbana. A lingua oficial é o árabe. O 95,5% da poboación é de relixión musulmama sunita da seita ortodoxa wahhabita, fronte a unha minoría musulmá xiíta (3,3%). O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1995 situaba a Arabia Saudí entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 73º posto cun índice 0,774). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacemento é de 70,7 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 37,2% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 57%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 8.516 $ USA. O ensino é gratuíto, pero non obrigatorio, e o ensino do Corán é parte esencial del. Na escola rexe a segregación de xénero; así mesmo, as mulleres teñen moitas dificultades para acceder ao ensino superior. Hai sete universidades. Arabia Saudí é un reino independente proclamado o 23.9.1932 como resultado dunha unión persoal dos reinos de Al- Ḥ i ǧ āz, Na ǧ d e dos emiratos de ‘Asir, Najran e Al Hasa. É unha monarquía absoluta heriditaria: o soberano exerce os poderes executivo e lexislativo. Por consecuencia da Lei fundamental (1.3.1992) creouse o Consello consultivo (Majlis ash-Shoura), un órgano composto por 60 membros que asesoran ao Rei. Non existen os partidos políticos nin se celebran eleccións. A lei é a coránica (xaria) e está administrada por tribunais relixiosos. Está en vigor a pena de morte para algúns delitos (asasinato, tráfico de droga, apostasia ou adulterio); segundo Amnistía Internacional en 1997 foron executadas cando menos 122 persoas, na súa maioría cidadáns de países en desenvolvemento, despois de xuízos que non reuniron as condicións esixidas pola normativa internacional. Arabia Saudí non está adherida a ningún dos convenios ou tratados que rexen en materia de Dereitos Humanos. A soberanía que exerce sobre as tres provincias do sudoeste (‘Asir, Najran e Al Hasa) é fonte recorrente de disputas con Iemen. Dende 1995 os dous estados iniciaron negociacións de delimitación de fronteiras. Ademais hai un litixio con Kuwait en razón da delimitación da fronteira marítima. Arabia Saudí é membro da Organización das Nacións Unidas (ONU), da Liga Árabe, do Consello de Cooperación do Golfo (CCG) e da Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP).
Historia
A creación do Estado de Arabia Saudí está estreitamente ligada á historia do movemento relixioso wahhabita, fundado por Mu ḥ amed ibn ‘Abd al-Wahhāb no s XVIII. En 1902 o imán ‘Abd al-’Azīz Ibn Sa’ūd apoderouse de Riad e restableceu a soberanía da casa Sa’ūd sobre o Na ǧ d. Así mesmo, trala Primeira Guerra Mundial, a Paz de Sèvres (1920) obrigaba os turcos ao abandono forzoso dos territorios árabes e concedía ao Reino Unido o protectorado de Arabia. A proclamación do califato da Meca polos hachemitas provocou a invasión do Al- Ḥ i ǧ āz polos sauditas e coa caída de Yidda, en 1925, a rexión pasou ao dominio do Nağd. En 1926 ‘Abd al-’Azīz Ibn Sa’ūd proclamouse Rei do Al- Ḥ i ǧ āz e de Na ǧ d. En 1932 constituíuse definitivamente, logo da anexión dos territorios de ‘Asir, Najran e Al Hasa, o Reino de Arabia Saudí, que se asentaba nas leis relixiosas do Islam. A descuberta de grandes reservas de petróleo (1936), iniciou a súa explotación polas compañías transnacionais norteamericanas, feito que propiciou que logo da Segunda Guerra Mundial se asentasen as bases do actual poderío económico e político do Estado e se afianzasen os seus lazos cos EE UU e os aliados en xeral. A súa política exterior foi panarabista, contribuíndo activamente á fundación da Liga Árabe; así mesmo, en 1948 participou na primeira guerra árabe-israelí. En 1953, logo da morte de ‘Abd al-’Azīz Ibn Sa’ūd, ascendeu ao trono Sa’ūd Ibn ‘Abd al-’Azīz, quen promulgou unha Constitución (1958), que nunca foi aplicada, e promoveu a abolición da escravitude (1962). En 1964, a raíz dunha crise orixinada polo conflito co Iemen, foi obrigado pola familia real a abdicar en favor de Fay ṣ āl, quen xa gobernara co seu irmán. O Rei Fay ṣ āl realizou diversas reformas sociais orientadas á educación do pobo, puxo as bases para a sedentarización das tribos de beduínos e iniciou as reformas económicas precisas para converter o país na maior potencia económica do Islam. Así mesmo, en política exterior fomentou o panislamismo en oposición ao panarabismo e negociou a retirada do exército exipcio do Iemen. Durante o seu reinado, marcado polos golpes de estado, producíronse as Guerras Árabe-israelís. A raíz da vitoria de Israel en 1967, Arabia Saudí aumentou a súa axuda financeira a Exipto, Xordania e Siria. Así mesmo, a crise do 1973, significou o embargo das exportacións de petróleo aos EE UU, Canadá e Holanda. Logo do asasinato do Rei Fay ṣ āl en 1975, foi nomeado Rei o seu irmán Halid. As realizacións do seu reinado foron contraditorias: en tanto que se afirmaba a importancia do país como factor esencial na estabilidade política do Oriente Medio e se acometía o II Plan de Desenvolvemento (1975-1980), medraba a oposición relixiosa interna. En 1982 sucedeuno Fahd ibn ‘Abd al-’Aziz quen, en política exterior, promoveu o proxecto de pacificación de Oriente Próximo coñecido como Plan Fahd. Na década dos oitenta, Arabia Saudí confirmouse como unha gran potencia no seo da Liga Árabe e da Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP). Durante o conflito irano-iraquí (1980-1988) prestou unha grande axuda a Iraq; interveu activamente na solución dos conflitos entre Marrocos e Alxeria (1988) e do Líbano (1989); facilitou o regreso á Liga Árabe de Exipto (1989) e foi un dos grandes impulsores da Conferencia de Madrid (1991), que sentaron as bases da paz no Oriente Medio. Despois da invasión de Kuwait por parte de Iraq, en agosto de 1990, a Arabia Saudí temeu que as tropas iraquís penetrasen no seu territorio, polo que acolleu as forzas que os EE UU enviaron á rexión. O reino saudita formou parte do grupo de doce países da Liga Árabe que decidiron destacar tropas para obrigar a Iraq a retirarse de Kuwait. En 1993, a consecuencia das protestas do integrismo musulmán, creouse un ministerio de Asuntos Islámicos e o cargo de Gran Mufti. En 1996, o Rei Fahd veuse obrigado a traspasar os seus poderes a Abdulah ibn ‘Abd al-’Aziz, quen manifestou unha vontade de independencia respecto aos EE UU: oposición á política de Washington en relación con Israel, dinamización do Consello de Cooperación do Golfo (CCG) para que os estados ribeiráns se fagan cargo da súa seguridade e reanudación das relacións diplomáticas con Teherán (1998).