arañeira
(< araña)
-
s
f
[ZOOL]
Tecido que elaboran diversos arácnidos co fío, ou seda, producido polas fieiras das glándulas sericíxenas e que serve de trampa para cazar as presas das que se alimentan e tamén como habitáculo, como vehículo, etc. Cada especie ten un deseño propio. Algunhas son só unha serie de fíos de fibroína que irradian do tobo do animal; outras son estruturas irregulares, e outras constitúen formas xeométricas. Na maioría das especies só fan arañeiras as femias.
-
arañeira mundial
[INFORM]
Está constituída por un grupo de ordenadores que transmiten e reciben información cunha mesma linguaxe, a HTML, Hypertext Markup Language. Creada dentro da rede Internet no ano 1993, a arañeira mundial coñécese como WWW, W3 ou simplemente Web, a partir do termo inglés World Wide Web. A súa popularidade débese á simplicidade do manexo. Os únicos coñecementos de informática que se lle piden ao usuario é saber premer o rato. O receptor da información pode recibir na súa pantalla todo tipo de datos dixitalizables: información textual, gráfica, sonora e audiovisual. Cada páxina adoita ter numerosas ligazóns a outras páxinas, en ordenadores próximos ou moi distantes, de tal xeito que o usuario pode ir navegando a través de numerosos ordenadores de todo o mundo sen decatarse practicamente diso, pois só executa ordes co rato. A súa enorme aceptación fixo que cando se fala da Internet se aluda case exclusivamente á Web. Por este motivo, Internet deixou de ser unha rede informática para fins científicos para estender o seu uso ás empresas e poboación en xeral. A arañeira mundial supón a segunda fase da expansión de Internet. En 1964 Paul Baran, da Rand Corporation, ideou unha rede informática na que todos os ordenadores estivesen conectados entre si coa intención de recibir e enviar información. O sistema permitía ao departamento de Defensa dos EE UU coa intención de salvagardar os datos dos seus ordenadores espallados polo mundo no caso dun ataque. Os datos que envía un ordenador son esmiuzados en paquetes illados, que levan o identificativo do ordenador de destino. En canto un equipo conectado á rede considera que un paquete de datos leva o seu identificativo de destino introdúceo na súa memoria. No ano 1969 púxose en marcha unha rede mínima destas características, denominada ARPAnet (Advanced Research Projects Agency Net), usada sobre todo para enviar mensaxes entre os usuarios, isto é, para o correo electrónico. Nos anos setenta, ARPAnet medrou a gran velocidade e instaurouse un protocolo de intercambio de datos moi aberto e transparente, denominado TCP/IP (Transmission Control Protocol/Internet Protocol). Facilitou a conexión de ordenadores de diferentes tipos e marcas sempre que puidesen traballar co TCP/IP. Nos EE UU naceron outras redes sen fins comerciais, como a UUCP, para o sistema operativo UNIX; a UseNet, para grupos de discusión mundial, integrados na rede como grupos de noticias; ou a Bitnet, que conectaba equipos da marca IBM entre si. O primeiro proceso de fusión de redes, precedente directo da actual arañeira mundial, foi a creación da rede NSFNET (National Science Foundation Network) no ano 1986. Este sistema permitía a interconexión das diferentes redes mediante potentes ordenadores e liñas de datos. As redes de datos acabaron por concentrarse só nunha. Creáronse seis dominios principais ou áreas especializadas, sinaladas por abreviaturas:.com para as empresas comerciais;.edu para as institucións educativas;.gov para os organismos de goberno federal;.mil para os organismos militares;.net para as compañías de apoio e soporte na Internet; e.org para as organizacións non gubernamentais e sen ánimo de lucro. No resto dos países instauráronse dispositivos formados por dous caracteres, no caso de España.es. Galicia non ten dominio propio aínda que existen diversas campañas para que obteña un propio entre os dous propostos,.ga ou.gz. ARPAnet disolveuse definitivamente en 1989, e deu lugar coa súa expansión á aparición da WWW. Constitúe un medio de comunicación mundial onde a distancia entre o emisor e o receptor da información non é relevante, polo que os custos se reducen. A rede funciona como unha especie de cooperativa mundial na que cada socio asume só os gastos de mantemento e conexión ao nodo local máis próximo. O software relacionado coa rede comercialízase tamén a prezos baixos, ou incluso de forma gratuíta. Isto convértea nunha ferramenta de transmisión de información moi económica. A maioría dos programas de acceso ofrecen versións para todas as plataformas informáticas. A web conseguiu tamén a estandarización no intercambio da información. Entre os aspectos criticados, débese salientar unha desorientación xeral no acceso á información. A gran densidade de páxinas enlazadas crea certa desorientación na navegación, que só pode superarse coa experiencia e co emprego de ferramentas como os buscadores e os centros de recursos. No ámbito galego están polarizados por Vieiros, Galiciacity e Enxebre. Ademais, a vida real dunha páxina na web pode chegar a ser moi curta, polo que o usuario ten dificultades ao acceder a determinada información cando a páxina desapareceu ou cambiou a súa ubicación na arañeira mundial. Na WWW predomina o inglés como lingua patrón, de aí as dificultades de uso para as persoas que non dominen este idioma. O galego ocupa un lugar pequeno na web, aínda que vai aumentando o número de páxinas no noso idioma e está a xurdir a conciencia dunha comunidade galega virtual que permita o espallamento e mantemento da lingua na rede. O número de páxinas web realizadas en Galicia está situado o redor das tres mil. Fronte ao uso para fins ilegais ou pouco éticos da web, como pode ser a pornografía, a venta de drogas ou as ideas racistas e xenófobas, son maioría as páxinas dedicadas á ciencia, á cultura, aos pobos e á solidariedade. A web estase a converter, tamén, nun punto clave para o comercio nacional e internacional, con protocolos cada vez máis seguros. Para acceder a todos estes servicios é preciso instalar no ordenador un navegador, programa que permite viaxar entre as páxinas ubicadas na web. O primeiro que existiu chamábase Mosaic, e os máis populares son o Netscape Communicator e o Microsoft Explorer. En Galicia, un grupo de internautas, programadores, xornalistas e lingüistas, co apoio dalgunhas empresas, construíron o primeiro navegador en galego, denominado Xis e baseado no código fonte do Netscape Communicator. O nome das páxinas na arañeira mundial estableceuse co estándar URL (Universal Resource Locator), que consta dun formato de transferencia (http ou ftp, por exemplo), seguido dun separador (://), o servidor ou host, cada un dos directorios e o nome do ficheiro. Algúns exemplos de URL son: http://www.elcorreogallego.es ou http://xis.vieiros.com. En España existe outra web paralela construída e xestionada pola empresa Telefónica e denominada Infovía Plus.
-
teorema da arañeira
[ECON]
Teorema que explica os mecanismos de axuste entre a curva de oferta e a de demanda cando entre as decisións de producir e as de mercar hai un espazo de tempo considerable. Este mecanismo, especialmente aplicable aos mercados de produtos agrícolas, actúa da seguinte forma: o prezo do produto nun momento determinado condiciona a cantidade que sufrirá no período seguinte, e esta determinará a cantidade demandada e o prezo correpondente, e así sucesivamente.