arao
(
-
s
m
[ANIMAL/ORNIT]
Aves mariñas mergulladoras e robustas de coloración negra por riba e branca por baixo, con manchas brancas nas ás, e peteiros de forma variable. As patas, de dedas unidas por unha membrana, están nunha posición moi atrasada, o que facilita o mergullo pero dificulta o desprazamento en terra; ao mesmo tempo obrígaas a unha posición característica ergueita cando están pousadas. As ás son curtas e empréganas como remos baixo a auga. O voo é rápido e de baixa altura. Son boas mergulladoras que se alimentan principalmente de peixes, crustáceos e moluscos. Trátase de aves coloniais que poñen un ou dous ovos de gran tamaño en relación ao adulto. Son preto de 22 especies, propias de augas frías do hemisferio norte, que ecoloxicamente teñen o seu equivalente nos paxaros bobos e petreis mergulladores do hemisferio sur.
-
arao alibranco
[ANIMAL/ORNIT]
Arao de 33 cm de longo, co peteiro moi fino e grandes manchas brancas nas ás. Aniña en Escandinavia, Islandia, Grenlandia, Gran Bretaña e Irlanda. En Galicia é visitante ocasional.
-
arao carolo
[ANIMAL/ORNIT]
Arao de 42 cm de longo, co peteiro comprimido lateralmente, con franxas transversais brancas e o pescozo groso. De distribución holártica, en inverno chega ao Mediterráneo e á costa norte e noroeste.
-
arao común
[ANIMAL/ORNIT]
Arao de 41 cm de longo, co peteiro fino e os flancos listados. Aniña en pequenas repisas en cantís de illotes rochosos e habita principalmente no norte dos oceános Atlántico e Pacífico. Estímase a poboación mundial en 9 millóns de parellas. Na Península Ibérica a súa distribución actual está limitada a Galicia e ás illas Berlengas portuguesas. A poboación galega que a mediados do século XX acadaba preto das 2.000 parellas repartidas en nove colonias (Estaca de Bares, Aguillóns, Cabo Ortegal, A Gabeira, Illas Sisargas, Cabo Vilán, Illas Ons, Costa da Vela e Illas Cíes) ao longo deste século reduciuse, pola mortalidade das aves, pola contaminación mariña, debido a certas artes de pesca e cambios na distribución dos peixes que lle serven de alimento, a non máis dunha decena de parellas nas Sisargas e Cabo Vilán. No litoral galego están especialmente vinculadas ao traballo dos mariñeiros, que lle dan o nome de piros cando aínda son novas. A pesca tradicional galega identifica os araos dentro do grupo de aves indicadoras dos bancos de peixe, especialmente da sardiña.
-
arao de Brünnich
[ANIMAL/ORNIT]
Arao de 41 cm de longo, de peteiro fino e flancos sen listas. De distribución ártica, ocasionalmente chega ata Galicia en inverno.
-
arao papagaio
[ANIMAL/ORNIT]
Arao de 30 cm de longo, co peteiro grande, triangular e de vivas cores. En Europa aniña no litoral Atlántico dende Islandia ata a Bretaña. En Galicia é un invernante regular.
-
arao pequeno
Arao de 20 cm de longo, co peteiro curto e groso. Aniña en Islandia, Grenlandia e nas illas do Círculo Polar Ártico chegando ata a Península Ibérica na invernada.