Archaeopteryx
Xénero de aves fósiles da subclase dos arqueornitas, de ata 35 cm de longo, de cabeza pequena e ollos grandes, mandíbulas finamente dentadas e cola ósea longa. As extremidades superiores son longas e delgadas con tres dedos e as patas son semellantes ás das aves corredoras actuais. Como características propias das aves modernas, presentan unha estrutura típica orixinada pola unión das dúas clavículas e unhas longas plumas nas ás e na cola. De vida insectívora e propia de bosques abertos, tiña capacidade para desprazarse entre as árbores mediante o voo. Foi descuberta en 1861 en Alemaña, nos xacementos xurásicos da formación Solnhofen de Baviera. Estes animais, que comparten coas aves actuais antecesores comúns, constituíron un importante apoio para a teoría da evolución, ao ser descubertos poucos anos despois de saír do prelo On the origin of the species (A orixe das especies, 1859) de Darwin e interpretarse como unha “especie elo”, ou de transición, entre os réptiles e as aves.