arco
(< lat arcu)
-
[MAT]
-
s
m
Porción dunha curva. As características dun arco (lonxitude, corda, frecha) dependen da curva á que pertenza. No caso dunha circunferencia, mídense os arcos en unidades de ángulo e un arco vale igual ca o ángulo no centro que limita. O principal problema que se determina a propósito dun arco é o do cálculo da súa lonxitude. No caso dunha circunferencia de radio r, a súa lonxitude é s = rnπ /180 onde n é o ángulo en graos sesaxesimais. Na práctica, o cálculo da lonxitude dun arco dunha curva calquera de ecuación coñecida redúcese a unha integración.
-
arco capaz dun ángulo dado
Lugar xeométrico dos puntos P do plano polos que as semirrectas PA PB que os unen aos extremos AB dun determinado segmento AB = l, forman todas un mesmo ángulo dado α. A construción do arco capaz fundaméntase nas propiedades dos ángulos inscritos.
-
arcos concéntricos
Arcos pertencentes a circunferencias concéntricas.
-
función de arco
Designación das funcións inversas das funcións circulares: arcoseno, arcocoseno, arcotanxente e arcocotanxente.
-
s
m
-
[ANAT]
-
s
m
Formación anatómica, natural ou patolóxica, do organismo en forma de arco, como o anastomótico, o branquial ou o dental.
-
arco angular
Arco formado por dúas rectas que se cortan no vértice.
-
arco aórtico
Cada un dos vasos circulatorios en forma de arco que se orixinan a partir da aorta ventral e que se reúnen para formar a aorta dorsal nos embrións dos vertebrados. Nos animais adultos perduran só nos peixes.
-
arco cigomático
Óso da meixela formado pola unión da apófise cigomática do óso temporal e o malar; é o punto de articulación do maxilar inferior.
-
arco crural
Cinta fibrosa forte e resistente, estendida oblicuamente no home dende a espiña ilíaca anterior e superior ata a espiña do pube. Tamén se chama ligamento de Paupart.
-
arco papilar
Tipo de dermatoglifo en forma de arco.
-
arco supraorbitario
Relevo óseo situado por riba das órbitas oculares.
-
arco visceral
Cada unha das pezas esqueléticas (cartilaxinosas ou óseas) en forma de arco que, en número de sete pares, están situadas na parte anterior do tronco, aos lados da farinxe, dos vertebrados acuáticos (agnados, peixes e larvas de anfibios) e terrestres; dos vertebrados terrestres están moi transformadas, e a súa función é diferente segundo os grupos.
-
s
m
-
[ARQUIT]
-
s
m
Estrutura arquitectónica que, mediante o uso de formas curvas, serve para cubrir un espacio. A construción de arcos é unha das solucións para cubrir un edificio con elementos construtivos de medida inferior á súa luz. O arco define etapas moi marcadas na evolución da arte de construír. Gracias á súa forma, desvía as cargas verticais que gravitan sobre a súa parte superior aos extremos e cara ás paredes ou piares onde descansa. En todos os casos, as cargas verticais transfórmanse en forzas inclinadas, a súa resultante vertical é, en último termo, soportada polos elementos dereitos da construción (piar ou paredes) e a horizontal debe ser absorbida por algún dos tres procedementos seguintes: primeiro, nos arcos tensados, os dados do arranque están unidos con tirantes que equilibran os pulos iguais e de sentido contrario; segundo, o esforzo de resistir o pulo horizontal é confiado ao terreo onde descansa a fundamentación; terceiro, faise unha disposición combinada de arcos de maneira que os esforzos horizontais resulten iguais, de signo contrario e queden compensados. Modernamente, os arcos son habitualmente de formigón armado. Cando son de pedra, podemos distinguir os elementos seguintes: a clave ou doela central, a contraclave ou doela contigua á clave, o estribo ou macizo de obra, a imposta ou pedra situada no arranque do arco, e o salmer, doela que descansa directamente sobre a imposta. Hai outros elementos, desligados da súa mecánica e que, en consecuencia, non son constantes, entre os que están as xuntas, ou porción de parede en forma triangular que descansa sobre o lado do arco e a arquivolta ou faixa esculpida que segue a curvatura do arco. Xeometricamente podemos sinalar: a liña de arranque, que é a recta horizontal que une os puntos onde se inicia a curva do arco; a luz que é a anchura de espazo cuberta polo arco; o ollo que é o espazo baleiro situado entre a liña de arranque e o intradorso; a frecha, que é a distancia vertical entre o punto máis alto e a liña de arranque; o vértice ou punto máis alto; os riles, zonas intermedias entre o vértice e o arranque. O extradorso é a superficie formada pola cara superior que habitualmente queda oculta pola enxoita. O intradorso é a superficie cóncava formada pola cara inferior das doelas. Se o arco cobre unha apertura dunha parede, as cabezas desta parte chámanse montantes ou ramais. Malia que os romanos foron grandes construtores de arcos, empregándoos en numerosos edificios públicos, semella que os primeiros en utilizalos foron os etruscos e gregos. Durante a época medieval o arco foi un elemento estrutural e ornamental fundamental da arquitectura.
-
arco abatido/deprimido
Arco que ten un número impar de centros.
-
arco abucinado
Arco que posúe máis luz nun paramento que no oposto.
-
arco agudo/apuntado/oxival
Arco formado por dous arcos de circunferencia que se cortan no vértice formando un ángulo curvilíneo. Pola posición que teñan os centros respectivos con respecto ás interseccións do arco da circunferencia, distínguense entre: de lanceta (exterior), de medio punto roto (interior afastados), de todo punto (sobre un triángulo equilátero) ou trespuntado (interior achegados). Os diferentes tipos de arco apuntado son característicos da arquitectura gótica.
-
arco alanceado
Arco apuntado moi agudo.
-
arco alintelado/dexenerado
Arco con intradorso horizontal e despezado radial nas doelas.
-
arco angular/de frontón/de mitra/roto
Arco de intradorso formando ángulo, con despezado radial.
-
arco avanzado
Arco no que un dos paramentos inicia a curvatura dunha volta.
-
arco botarel
Arco exterior que describe un cuarto de circunferencia e que ten como misión soportar os pulos das bóvedas das naves.
-
arco cairelado/polilobulado
Arco co intradorso ornamentado con pequenos lóbulos que se cortan formando picos.
-
arco capialzado
Arco que cobre unha porta ou fiestra e ten no paramento interior máis alzada e máis anchura que no exterior, para permitir que poidan abrirse os batentes da apertura.
-
arco carpanel
Arco de forma semellante a unha elipse e que, para facilitar o trazado, está composto dun número impar de arcos de circunferencia tanxentes entre eles. Adoita empregarse, dende o s XVIII, para cubrir vans de moita luz, normalmente pontes.
-
arco cego
Arco que ten tapiada a súa luz.
-
arco con támara/escarpado
Arco no que un paramento é vertical e o outro inclinado.
-
arco conopial
Arco formado por catro cuartos de círculo tanxentes entre eles, dos que dous son convexos e dous cóncavos e teñen os centros situados nos catro vértices dun cadrado. Empregouse habitualmente nas construcións dos s XV e XVI. Derivan deste arco o de lombo de asno, de quilla e escocés (invertido).
-
arco coxo/de volta de escala/por tranquil/rampante
Arco que ten as dúas impostas a niveis diferentes.
-
arco de cruceiro/diagonal
Arco que vai en diagonal de ángulo a ángulo nas voltas de crucería.
-
arco de descarga
Arco no que o intradorso non é visible e queda oculto por un lintel postizo.
-
arco de ferradura
Arco de circunferencia de máis de 180° co centro situado sobre a liña de arranque. É característico da arquitectura visigoda, asturiana, árabe e mozárabe, aínda que a súa orixe parece ser bizantina. A súa difusión constátase en Capadocia, Armenia e Siria, de onde parece que o recolleron os árabes.
-
arco de ingreso/triunfal
Arco toral ou básico situado na entrada do presbiterio, que marca a separación entre a zona reservada ao culto e a estancia dos fieis. Deriva do arco de triunfo romano.
-
arco de marxe
Arco que sobresae do intradorso dunha volta; refórzanse as partes que sofren maiores penalidades.
-
arco de medio punto
Arco semicircular que ten o centro na liña de arranque. É característico da arquitectura románica e renacentista.
-
arco de obra
Arco de ladrillos, colocados de canto.
-
arco de triunfo
Monumento típico da arquitectura romana, sen precedentes coñecidos. A maioría das veces non foron elevados para conmemorar vitorias militares, senón como entrada monumental a cidades e pontes. Os máis habituais son dun arco, os máis grandes, de tres; son raros os de dous ou os de planta cadrada. Orixinarios de Roma, a maioría foron construídos durante os ss I, II e III a C. Os máis antigos están en Italia: Aosta, Aquino, Rímini, Pompeia e Susa; en Roma destacan o de Tito, o de Sétimo Severo e o de Constantino, de tres arcos, que tamén é o máis moderno, e o de Kasserina en Tunicia, dun arco; nas provincias orientais o de Salónica, Gerasa e Palmira; ao norte de África os catro de Timgad e os de Tazoult (Lambese), Dkamila, Thessa e Trípoli; nas provincias occidentais, o de Sant Romeig de Provenza e o de Aurenja; na Península Ibérica consérvanse en Caparra, Medinaceli e en Berà, Martorell e Cabanes. A construción dos arcos de triunfo foi retomada no Renacemento e cómpre destacar a portada do Castelo Novo de Nápoles, as portas de Saint-Denis e Saint Martin, en París; a porta de Alcalá, en Madrid; e a porta de Brandenburgo, en Berlín. Napoleón I fixo construír en París os arcos do Carrousel (1808) e de l´Étoile, comezado en 1806. O arco de triunfo de Barcelona serviu de pórtico á Exposición Universal de 1888.
-
arco deprimido rectilíneo
Arco formado por cuadrantes unidos por unha recta.
-
arco diafragma
Arco perpiaño que separa treitos dunha nave, ten por obxecto aliviar os muros laterais ou as armazóns das cubertas de madeira.
-
arco diminuído
Arco no que os paramentos son verticais, pero non paralelos, é dicir, a parede é máis grosa dunha banda que da outra.
-
arco dobrado
Conxunto de dous arcos sobrepostos, o de maior rosca recibe o nome de dobradura do primeiro. Adoita empregarse no Románico.
-
arco elíptico
Arco que ten forma elíptica.
-
arco en cortina/estrelado
Arco de dúas porcións de curva con centros exteriores que forman ángulo no vértice.
-
arco en gola
Arco que ten as súas pólas formadas por golas.
-
arco escarzano
Arco formado por un só arco de circunferencia de 60° de apertura, co centro situado baixo a liña de arranque.
-
arco falso
Arco formado por fileiras graduadas de perpiaños que chegan a unirse tapando a apertura.
-
arco faixón/perpiaño/toral
Arco disposto en sentido transversal en relación coa lonxitude da nave e que, nas voltas de canón, é puramente un reforzo da volta.
-
arco festonado
Arco no que o intradorso está decorado con ondulacións convexas ou festóns.
-
arco formeiro
Arco reducido a simple nervio, situado na intersección dunha volta co muro. Arco disposto ao longo dunha nave, que soporta as voltas. Son os arcos que poñen en contacto a nave central coa lateral.
-
arco galgado
Arco formado con ladrillos acuñados con serra.
-
arco lobulado
Arco formado por unha sucesión de lóbulos.
-
arco mixtilíneo
Arco formado por liñas mixtas.
-
arco oblicuo
Arco que ten apoios oblicuos con respecto á planta.
-
arco peraltado
Arco de frecha maior ca a semiluz.
-
arco realzado
Arco de altura superior á que tería un arco do mesmo trazado.
-
arco rebaixado
Arco de altura inferior á que tería un arco do mesmo trazado. É característico da arquitectura renacentista.
-
arco terciario
Arco secundario ou terciario que serve para suxeitar un arco principal nas voltas de crucería.
-
arco trevolado
Arco composto por tres lóbulos que se cortan formando ángulos agudos e saíntes.
-
arco Tudor
Arco apuntado de catro centros. Foi empregado acotío durante o reinado de Enrique VII e da familia Tudor.
-
arco túmido
Arco de ferradura apuntado.
-
s
m
-
[ASTRON]
-
s
m
Parte da traxectoria aparente dun astro baixo a esfera celeste.
-
arco diurno
Arco dun paralelo de declinación dun astro que se atopa sobre o horizonte. No caso de que un astro non teña máis que arco diurno, recibe o nome de circumpolar.
-
arco nocturno
Arco dun paralelo de declinación dun astro, que se atopa baixo o horizonte.
-
s
m
-
s
m
-
[BÉL]
Arma ofensiva formada por unha vara xeralmente de madeira ou dunha materia elástica, e por unha corda tirante fixada aos dous lados. Tensando a corda ata curvar o arco, este adquire a forza necesaria para disparar frechas. A precisión, o alcance e a forza de tiro do arco sinxelo refórzanse con certos aditamentos que dan lugar a numerosas variantes de arco. Apareceu no Paleolítico Superior e o seu uso perdurou ata a actualidade entre os pobos primitivos. Modernamente adoptouse como práctica deportiva na modalidade de tiro con arco.
-
Calquera elemento en forma de arco tensado.
Ex: O arco ben debuxado das súas cellas.
-
[BÉL]
-
[FÍS]
-
s
m
Nun gas ionizado, tipo de descarga que se produce entre dous electrodos cando o cátodo está próximo á temperatura de emisión termoiónica; hai un paso elevado de corrente e unha irradiación de luz. Diferénciase da chispa porque ésta é disruptiva, transitoria e, ademais de luz, emite ruído; e do efluvio porque este é posible co cátodo frío. O arco presenta unha característica tensión-corrente decrecente, é dicir, que a tensión u diminúe cando a intensidade i aumenta; segue a lei de Ayrton u = a + (b/i), onde a e b son constantes. Por iso o arco é inestable cando se alimenta de tensión constante e para funcionar correctamente necesita un dispositivo que o estabilice. Emprégase como fonte de enerxía na industria química e como fonte de calor, na metalurxia; como fonte luminosa, na luz de arco (arco voltaico) e nos tubos fluorescentes e outras luces de descarga gasosa. Pero é moi temible nas instalacións eléctricas: se se produce unha chispa pode ionizar o aire e cebar o arco. Igualmente, abrindo un interruptor, hai que controlar que a chispa non se transforme en arco.
-
arco de contorno
Arco que bordea un illador e que non ameaza a integridade pola elevación da temperatura.
-
arco voltaico
Arco luminoso que se forma entre dous electrodos de carbón lixeiramente afastados, producido por unha corrente eléctrica de intensidade e diferenza de potenciais axeitados. Para acender o arco póñense os carbóns en contacto e sepáranse un pouco. Ofrece unha luz de grande intensidade cunha temperatura elevadísima; durante moito tempo foi unha fonte luminosa imprescindible. O carbón positivo desgástase formando unha pequena cavidade ou cráter, mentres que o carbón negativo medra pola agregación de partículas que proveñen do positivo; con corrente alterna isto non pasa. Para que o arco sexa estable, hai que dispoñer unha resistencia en serie (ou unha reactancia en corrente alterna) e ir achegando os carbóns a medida que se desgastan, mediante un dispositivo regulador.
-
s
m
-
[METEOR]
-
arco anticrepuscular
Banda luminosa de cor púrpura duns 3° de amplitude vertical, que se forma no crepúsculo exactamente enriba do antisol.
-
arco crepuscular
Arco que aparece ás veces antes da saída do Sol e despois da posta na parte do ceo oposta ao astro.
-
arco da vella/arco iris
Fenómeno consistente na aparición dun ou máis arcos coloridos, concéntricos ao redor do antisol, cando unha cortina de gotas de auga en forma de chuvia, néboa ou orballo está iluminada polo Sol. Cada un dos arcos está formado pola gama de radiacións visibles dispostas no espectro, pero menos nítidas ca neste. Prodúcese ao reflectirse na superficie interior das gotas os diversos raios producidos ao descompoñerse por refracción a luz branca cando esta atravesa a superficie anterior das gotas. Se os raios solares efectúan unha soa reflexión interna producen un arco principal, vermello no bordo exterior e violeta no interior. Se efectúan dúas reflexións internas dan lugar a un segundo arco, arco secundario, coas cores invertidas con respecto ao principal. En casos moi especiais aumenta o número de reflexións e ás veces prodúcense máis arcos concéntricos ca os anteriores e cada vez máis febles chamados arcos supernumerarios. Este fenómeno obsérvase cando chove na parte do ceo oposta á do Sol, tomando como referencia o observador, e adopta as diversas cores do espectro: vermello, laranxa, amarelo, verde, azul, anil e violeta. En Galicia o arco da vella recibe tamén outros nomes, entre eles: arco das novas (Amandi, Xinzo, Cotobade), arco de bruxas, arco de colores (Arzúa), arco de lúas (Vilalba-Muras), arco do ceo (Lugo), arco do trono (Arbo), barco da vella (Ordes, Santa María de Oia), circo da vella (Cariño, Viana do Bolo), contrasol, gancho da vella (Mondariz), marco da vella (Allariz, Monterroso), marco das vellas (Xinzo, Vilalba), risco da vella (Carril), seña da auga (Agolada), etc. O arco da vella está presente tamén no refraneiro: “Arco da vella pola mañá, auga á tarde”, “arco da vella ao mediodía, chuvia para todo o día”, “arco da vella ao poñente, solta aos bois e vente”, “arco da vella ao anoitecer, bo tempo ao amañecer”, “arco da vella, auga na terra”.
-
arco da vella branco
Arco da vella producido pola luz da lúa.
-
arco tanxente
Nome xenérico co que se designan certos tipos de arcos de halo formados ás veces tanxentes a outros halos, especialmente o de 22°.
-
arco anticrepuscular
-
[MÚS]
-
s
m
ara de madeira curvada ao lume, que ten dous extremos que manteñen tensada unha mecha de crinas de cabalo, que coa súa fricción fai vibrar as cordas dos instrumentos chamados precisamente cordófonos de arco. Introducido en Europa polos árabes cara ao s VIII, evoluíu na súa forma e nas súas posibilidades. Entre os máis célebres arqueteiros cómpre mencionar o francés François Tourte (1747-1835), que estableceu definitivamente a lonxitude dos arcos de violín, viola e violoncelo e perfeccionounos en moitos aspectos. A técnica de pasar o arco é moi importante porque disto depende a calidade do son do instrumento, a graduación da intensidade, o fraseo e moitos detalles da interpretación.
-
s
m
Aparello que se utiliza para facer soar un instrumento de corda fretándoo contra estas.
-
arco musical
Instrumento primitivo, antecesor da arpa.
-
golpe de arco
Xesto do músico ao pasar o arco sobre as cordas do instrumento. Segundo o efecto que se queira en cada momento da interpretación, cómpre facer uso dun determinado golpe de arco.
-
s
m
-
s
m
[OFIC]
-
Instrumento empregado dende tempos prehistóricos para furar madeira, óso ou pedra, e tamén, posiblemente, para facer lume. O arco primitivo consistía nun bastidor ríxido que tiña unha corda tensada entre os seus extremos, e constituía o elemento de transformación da forza do home sobre a mesma ferramenta. Constitúe un dos primeiros intentos logrados de transformar un movemento rectilíneo en rotativo.
-
Peza do torno primitivo coñecida máis xeralmente por bésta.
-
-
s
m
[TECNOL]
Dispositivo de toma de corrente empregado en certos sistemas de tracción eléctrica, constituído por unha peza en forma de arco que esborrexe debaixo da catenaria e que é soportada polo pantógrafo.
-
s
m
[TECNOL]
Bastidor metálico da serra de arco formado por unha ou por varias pezas, que debe ser alongable, que presenta forma arqueada para poder manter tensada entre os seus extremos unha folla de serra e que está provisto dun mango.
-
s
m
[TRANSP]
Cada unha das variñas arqueadas, de madeira ou de ferro, que forman a armazón que sostén o toldo dun carro ou dun camión.
-
arco de acción
[TECNOL]
Segmento de arco da circunferencia primitiva dunha engrenaxe comprendida entre os radios correspondentes aos puntos de contacto inicial e final de dous dentes conxugados. O segmento deste arco comprendido entre o comezo do contacto e o punto primitivo denomínase de aproximación, e o comprendido entre este punto e o final do contacto, de arredamento.
-
[XEOG]
-
arco de illas/arco insular
Ringleira de illas que a miúdo bordea as fosas oceánicas, e que habitualmente é convexa cara ao océano aberto. Distínguese un arco externo ou frontal, sen volcáns activos, e un arco interno, con volcáns activos. Os arcos de illas cóntanse entre as estruturas xeolóxicas máis activas da Terra.
-
arco volcánico
Arco interno dos arcos de illas.
-
sistema de arco e fosa
Estrutura xeolóxica cortical formada por un arco de illas e unha fosa oceánica paralela.
-
arco de illas/arco insular
-
arco de moreas
[XEOG]
Depósito de rochas detríticas na fronte dunha lingua glaciar dispostas de xeito máis ou menos radioconcéntrico. A súa forma débese á maior velocidade de desprazamento no centro da lingua que nos bordos.
-
arco mariño
[XEOG]
Abertura natural con forma de arcada que se produce nas rochas do litoral como consecuencia da acción continuada das ondas que as fura por completo. O derrubamento destes arcos dá lugar ás agullas mariñas, presentes no litoral cantábrico de Galicia.
-
arco senil
[PAT]
Opacidade da córnea do ollo, de forma circular e cor azul agrisada, que se presenta a miúdo nos anciáns por dexeneración adiposa das células córneas.
-
luz de arco
[TECNOL]
Aparello de iluminación no que a fonte luminosa é un arco voltaico entre carbóns.
Refráns
- Arco da vena ao anoitecer, bo tempo ao amañecer.
- Arco da vena ao mediodía, chuvia para todo o día.
- Arco da vena ao poñente, solta os bois e vente.
- Arco da vena ao raiante ¡ei, boi! ¡ei, para adiante!
- Arco da vena, auga mi terra.