Ares

Ares

Concello de Ferrolterra, na península de Bezoucos, ao NO da comunidade autónoma. Limita ao N co concello de Mugardos, ao L co de Fene e ao S coa ría á que lle dá nome, no golfo Ártabro. Situado por estrada a 16 km de Ferrol, 44 da Coruña e 134 de Santiago, localízase a 430 25’ 40’’ N- 80 14’ 30’’ O. Ocupa unha superficie de 18,3 km2 nos que se asenta unha poboación de 4.576 persoas (1996), distribuídas nas parroquias de Ares (3.239), Caamouco (758) e Cervás (579). A capital municipal está na vila de Ares. Pertence ao partido xudicial de Ferrol, á provincia da Coruña e á diócese de Santiago.


Xeografía física
O territorio municipal de Ares correspóndese co dominio climático oceánico húmido. Na beira setentrional dunha ría en dirección O-L, recibe as precipitacións que lle achegan os ventos de compoñente SO. A extensión maioritariamente chá do concello fai que os rexistros de precipitación se reduzan a unha media de 970 mm anuais, cunha distribución estacional do 33% no inverno, fronte ao 14% dos meses do verán, mentres que as estacións de transición (primavera e outono) se comportan como tales co 26% e 27%, respectivamente. A temperatura media anual fica nos 13,30 °C, sendo a media do mes máis frío (febreiro) de 8,80 °C e a do máis cálido (agosto) de 18,10 °C. O número de días ao ano libre de risco de xeada é de 220. O relevo do concello amosa un perfil suave debido á litoloxía xistosa sobre a que se sustenta, o que facilitou a acción erosiva, da que un dos principais axentes teñen sido as transgresións mariñas. No extremo occidental, na parroquia de Cervás, un filón de granodiorita eleva a cota altimétrica ata os 262 m do monte Bailadoira. No litoral alternan os acantilados rochosos coas enseadas, onde se localizan depósitos de praia como a enseada de Ares coas praias de Raso e da Campa ou a praia de Chanteiro na enseada homónima. Polo que respecta á rede fluvial, os ríos e regos que drenan o municipio teñen un curso moi pequeno, son de réxime pluvial e desaugan directamente no mar agás os regos que, xunto co río Novo, conflúen no Xunqueira, que desemboca no porto de Ares.


Xeografía humana
A poboación municipal de Ares dende 1887 a 1996 medrou nun 14,68% (3.990 h en 1887 fronte aos 4.576 en 1996). Non obstante , convén ter en conta que o moderado crecemento se verifica ata a cata censual de 1940, na que se acadou o máximo demográfico con 5.671 persoas. A partir de entón entrouse nunha dinámica alternante, cun drástico descenso da orde do 16,69% no período intercensual 1940-1950, para recuperarse nas dúas décadas seguintes, e sufrir unha nova recesión a partir da década de 1970, que parece detida no último rexistro (1996). O resultado é unha poboación na que os maiores de 65 anos representan o 18,66% fronte aos menores de 20 que constitúen o 20,12%. A composición por sexos está equilibrada, cun 50,45% de mulleres e un 49,54% de homes.
Economía
O concello de Ares ten unha taxa de actividade do 41,1%, unha taxa de ocupación do 31,0% e rexistra un paro do 24,4%. A distribución por sectores de actividade da poboación ocupada amosa un predominio dos servicios co 48,44% dos empregos, radicados na maior parte dos casos nos concellos veciños, ao abeiro da área urbana de Ferrol, na que Ares se atopa integrado. A agricultura, co 2,85% dos ocupados, quedou relegada a ser un complemento das economías familiares. A pesca, cun porto sen lonxa, proporciona o 7,02% dos postos de traballo. O sector industrial dá traballo ao 28,51%, tamén fundamentalmente en empresas dos concellos veciños, principalmente Fene e Ferrol, mentres que a construción acolle ao 13,15%. A comunicación, pola súa situación na península de Bezoucos, é polo tanto, periférica e redúcese a vías locais.


Historia
Ares, no golfo ártabro, foi lar deste pobo prerromano, intensamente romanizado a posteriori. A súa accesibilidade marítima reportoulle a desventura das razzias viquingas. Foi na Idade Media feudo da casa de Andrade. No XVIII Ares asistiu á chegada dos industriais cataláns que comezan o negocio da conserva e salgadura do peixe, actividade que entraría en decadencia no século seguinte. Ao establecerse a división municipal no 1812, as parroquias do actual concello, que no Antigo Réxime pertencían á xurisdición de Ares, na provincia de Betanzos, formaron dous concellos: o de Ares (parroquias de Lubre e Cervás) e o de Caamoucos, que foron incluídos no de Pontedeume ao crearse os partidos xudiciais. En 1836 o concello de Caamouco integrouse no de Ares, adscrito á nova provincia da Coruña. A capitalidade no lugar de Ares, da parroquia de Lubre, fixo que esta mudase de denominación. O pulo que adquiriu a cidade de Ferrol ao converterse en capital de departamento marítimo, conseguiu insertar o municipio de Ares na súa dinámica metropolitana, exercendo unha influencia total en todos os aspectos e trasmitíndolle as súas crises e bonanzas conxunturais e cíclicas.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Ferrolterra
Extensión 18 Km2
Poboación Total 5598 h
Poboación Homes 2785 h
Poboación Mulleres 2813 h
Densidade de poboación 311 h/Km2

Parroquias

Ares
Caamouco
Cervás
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias