aristocracia
(< gr ἀριστοκρατία‘goberno dos mellores’)
-
[HIST/SOCIOL]
-
s
f
Forma de goberno na que o poder (kratos ‘dominio’) reside nun grupo social reducido e privilexiado por razóns de liñaxe, poder económico ou circunstancias persoais (moralidade, intelixencia, nivel cultural, heroicidade e esforzos pola comunidade, etc), identificados como os mellores (aristoi). O concepto, de cuño aristotélico, defínese como o ‘goberno de máis dun’, e distingue entre aristocracia, na que a finalidade que dirixe o goberno é a procura do ben xeral, e a aristocracia impura ou oligarquía, na que o goberno se dirixe ao ben particular. Stricto sensu, denomínase deste xeito a forma de goberno da sociedade grega da época Arcaica. O poder estaba en mans de terratenentes constituídos en castes hereditarias, como consecuencia tanto dos feitos bélicos causados polas invasións dorias como por afortunadas acumulacións de propiedades. Aínda que a natureza desta forza se alicerzaba no económico e no militar, a xustificación do seu poder era moral: nomeábanse ‘ben nados’, (eupatrídai) e ‘cabaleiros’ (hippéis). Dedicábanse ao ocio, ao deporte e á guerra, procurando acadar o areté (‘virtude’). Constituíron os consellos das cidades, quedando ao cargo da administración de xustiza. Nun senso xenérico, moitas outras formas históricas poden ser denominadas ‘aristocracia’ (superposición dun grupo conquistador á poboación sometida, ascenso dun grupo pechado que polas súas funcións acapara o poder político e económico, son só casos dos máis frecuentes). O goberno de Roma do primeiro período republicano, exercido polos patricios, era de tipo aristocrático. Nas sociedades europeas medievais, ben que xerarquizadas, as clases nobres exerceron un poder que cómpre denominar aristocrático. Nalgunhas cidades mercantís (Venecia, Xénova) as familias patricias tenderon a constituírse en aristocracia. Co desenvolvemento mercantil e industrial dos ss XVIII e XIX, a maior mobilidade social diluíu aínda máis a aristocracia tradicional, que no s XX perderá todo estatus de privilexio na repartición do poder político e económico no tocante ás democracias occidentais, nos que xa se fala das ‘novas aristocracias’ como daqueles grupos sociais que seguen o modo de vida das clases máis privilexiadas da metrópole (grandes financeiros, brokers, yuppies, etc). Son abundantes as fontes que documentan en Galicia unha evolución histórica na que se dá unha xerarquización social, que terá o seu cumio na definición dunha aristocracia como grupo diferencial. Durante a Idade do Bronce e na cultura castrexa semella configurarse unha aristocracia indíxena de carácter masculino, vencellada ao militar. Co proceso de romanización e o nacemento das villae apareceu a figura do gran propietario terratenente cun elevado nivel de vida e ben adaptado á cultura romana. Trataríase dunha aristocracia indíxena romanizada, propietaria duns recursos dos que depende unha gran parte da poboación; colaboran co poder imperial na recadación de impostos e subministro de soldados. A chegada á Gallaecia de pobos xermánicos, a conformación do Reino Suevo e a integración de Galicia na monarquía visigoda durante os ss V-VII, foi impoñendo no seu tecido social unha xerarquización dos grupos cada vez máis definida en función da propiedade da terra. Outro elemento decisivo nas dinámicas sociais destes anos será o complexo proceso de cristianización da Galicia, do que xurdirá unha poderosa aristocracia eclesiástica. Os ss VIII e IX caracterizaranse polo protagonismo dos diferentes grupos aristocráticos galegos, en estreita relación co proceso de unificación do espazo dos reinos cristiáns do noroeste peninsular, fundamentalmente, durante a conformación dun reino ástur estable. Os aristócratas galegos, tanto leigos como eclesiásticos, rematarán por asumir a autoridade dos reis ástures como herdeiros da monarquía visigoda, o que sinala a existencia dunha certa idea de continuísmo e pervivencia da anterior estrutura de base romano-xermánica. A definición dos grupos aristocráticos durante o período altomedieval vén dada polo patrimonio e o parentesco. Ser aristócrata nesta época é unha condición social que aínda non se establece nun estatuto xurídico transmisible aos descendentes. O sistema hereditario xerará na aristocracia unha permanente inestabilidade, xa que implicaba a actuación dun elemento disgregador do patrimonio e dos recursos, o que a levará a buscar mecanismos de defensa: chegarase ao casamento entendido como instrumento de intercambio e alianzas, coa comprensible propensión á endogamia que poñen de manifesto os esquemas xenealóxicos, sendo este un trazo moi definitorio do sistema de parentesco da aristocracia altomedieval galega. Durante os ss XIV e XV, os aristócratas leigos aparecen como os principais beneficiarios das crises políticas. O triunfo de Enrique de Trastámara significou a implantación dunha nobreza estranxeira en Galicia. Os intentos de unificación da nobreza fracasaron, concentrándose as diferentes liñaxes durante o s XV no predominio da súa hexemonía en áreas territoriais concretas, se ben esta vén sendo máis unha hexemonía aparente ca real, na que os cabidos e os mosteiros seguen a ter máis control ca as institucións leigas sobre o patrimonio e sobre o exercicio do poder. Isto é algo que xa se viña observando dende o cambio de milenio, que o progresivo incremento de poder da Igrexa de Santiago ía dando aos estamentos eclesiásticos de toda Galicia. Co triunfo do proxecto monárquico dos Reis Católicos adoptáronse unha serie de mecanismos para pacificar Galicia, recordados na historiografía como “doma e castración do Reino de Galicia”, tal como os novos reis os bautizan documentalmente, impoñéndose a autoridade real á dos bandos nobiliarios coa intención de instaurar xustiza nunha Galicia na que os poderosos levaban tempo dabondo cometendo todo tipo de abusos. Buscábase o control da nobreza como forza política, tentando involucrala nas grandes empresas expansionistas da monarquía castelá, mesmo dende as altas esferas da administración; ao mesmo tempo, o clero foi sometido a unha ampla reforma, permitindo as bulas papais facer importantes reformas aos Reis Católicos nos mosteiros galegos, que nese momento loitaban contra a nobreza leiga para liberar as rendas e patrimonios eclesiásticos dos seus encomendeiros non relixiosos. Durante a Idade Moderna, clero, nobreza titulada e fidalguía son os grandes posuidores da terra, ocupando o estamento alto da xerarquía social: case un 75% da poboación estaba baixo o sistema señorial. Ata o s XVIII Galicia participou, dende unha situación secundaria, no paulatino proceso de integración do conxunto dos Reinos Hispánicos na Coroa de Castela, dedicándose por completo a aristocracia galega a tal servicio. As guerras e levas da segunda metade do s XVI e do XVII fortaleceron o carácter militar da nobreza galega, ostentando moitos fidalgos o título de capitán como xefes de compañías locais, de tal xeito que cando o mercenario inglés Francis Drake ataca A Coruña (1589), a maior parte das tropas que a defenden son recrutadas e comandadas por nobres locais. A complexa administración dos Habsburgo españois absorberá os esforzos dos aristócratas máis capaces, promocionando o absentismo e o afastamento da nobreza máis sobranceira da nosa terra, ficando nela só unha fidalguía media que pronto se conforma como clase rendista sen maiores ambicións. Durante o s XIX observouse unha significativa dinámica na evolución da aristocracia: se ben durante a primeira metade da centuria aínda se pode considerar como preponderante socialmente, logo comeza a ter un menor peso específico, para chegar ao franco deterioro a principios do s XX. As causas deste proceso foron, por unha banda, a progresiva diminución dos ingresos provenientes das rendas agrarias, que ficaran estables durante o Antigo Réxime, e, pola outra, o incremento dos impostos estatais xa dende mediados do s XIX, o que provocou que a renda da terra fose vieiro cada vez menos eficaz para obter beneficios do excedente agrícola. Será a burguesía, industrial ou comercial, o grupo que rache o contexto social que os señores da terra centraran dende a época medieval.
-
aristocracia obreira
Concepto cuñado por E. Hobsbawn. Aplícase ao segmento especializado da clase obreira británica nos ss XIX e principios do XX nas industrias básicas, distinto económica e culturalmente do resto da masa obreira, que deu lugar aos dirixentes do movemento sindical.
-
s
f
-
s
f
Estamento nobre.
Ex: Na voda da filla dos Condes só estivo convidada a aristocracia.
Sinónimos: nobreza. Confrontacións: fidalguía. -
s
f
Conxunto de persoas ou cousas que se considera por riba das da mesma especie polas súas calidades.
Ex: A aristocracia do saber.