armenio -nia
(< lat armenĭu)
-
adx
Relativo ou pertencente a Armenia, aos seus habitantes, á súa lingua ou á Igrexa Armenia.
-
adx e s
Natural ou habitante de Armenia.
-
s
[HIST]
Individuo pertencente a un pobo de lingua indoeuropea formado pola mestura da poboación orixinal do país de Urartu con elementos indoeuropeos de procedencia occidental (Frixia) establecidos naquel territorio durante o s VII a C. O pobo armenio, que se autonomeou haikh, chamou ao seu país Hajastan e formou diversas entidades políticas ( Armenia). As vicisitudes históricas provocaron unha importante diáspora da súa poboación por Cilicia, rexión de Sivas, Constantinopla e cidades do Oriente Próximo. A opresión e as matanzas turcas (1895-1918) provocaron o exterminio dunha gran parte da poboación armenia de Turquía, ademais dunha nova dispersión. Son preto de seis millóns de individuos, repartidos entre a República de Armenia (arredor de tres millóns), máis de un millón en Xeorxia e Acerbaixán, medio millón en Turquía e Oriente Próximo; o resto localízase en Occidente, especialmente en Francia, Canadá e nos EE UU.
-
s
m
[LING]
Membro da Igrexa Armenia.
-
s
m
[LING]
Lingua indoeuropea, localizada na rexión montañosa que se estende pola ribeira do mar Negro, ao sur do Cáucaso e ao norte de Mesopotamia. Está próxima ás linguas subcaucásicas, coas que comparte un antigo substrato común. Os primeiros estudios do armenio no século XIX clasificábana dentro da familia irania, pola importancia do compoñente persa no seu léxico. Actualmente fálase nas repúblicas independentes de Armenia, Xeorxia, nas rexións do Don e Acerbaixán, no noroeste de Irán e en colonias illadas de Asia Menor, Siria, Istambul, Bulgaria, Romanía, Francia, India, Exipto e os EE UU. A cifra total de falantes de armenio está próximo aos seis millóns. A presenza dos pobos armenios en Asia Menor dátase nunha época moi antiga, no segundo milenio a C, pero a primeira mención escrita non aparece ata o século V a C nunha inscrición persa. Trala introdución do cristianismo no século V, o relixioso san Mesrob creou un alfabeto propio, formado por 38 letras, para poder traducir o Evanxeo e outros textos sagrados. Este período constituíu a idade de ouro das letras armenias, durante a cal se conformou o grabar (lingua escrita) ou armenio clásico, formado sobre o antigo falar da rexión de Tarawn nas ribeiras do lago Van. Seguiu sendo utilizada ata o século XIX como lingua culta, reflectida en importantes obras literarias; unificada e cunha gramática elaborada, aínda se conserva hoxe no rito relixioso armenio. Desde a fixación escrita do armenio clásico, a lingua falada sufriu importantes cambios e unha gran diversificación dialectal, con preto de cincuenta variedades, ás veces non intercomprensibles mutuamente. A partir do século XIX o rexurdimento nacionalista deu lugar ao nacemento dunha literatura moderna, cunha lingua máis próxima á fala, chamada aškharabar (lingua profana). As manifestacións do armenio moderno dividíronse en dúas variedades dialectais: unha oriental, que recolle a lingua da parte de influencia iraniana e rusa -actualmente, lingua oficial da República Armenia-, e outra occidental, baseada no dialecto de Istambul, falares procedentes de Erzurum, Van e colonias de Asia Menor. O carácter diferencial do armenio con respecto ao resto das linguas indoeuropeas é debido ao contacto con linguas non-indoeuropeas, como as caucásicas. A fonética da lingua clásica consta de 28 consoantes, 7 vocais e 2 semivocais. A morfoloxía, claramente indoeuropea, presenta sete casos: nominativo, acusativo, xenitivo, dativo, locativo, ablativo e instrumental. A lingua moderna conserva practicamente a mesma estrutura fonética así como a declinación, agás no caso do plural, que se declina como o singular, engadindo simplemente un sufixo.
-
alfabeto armenio
[ESCR]
Alfabeto da lingua armenia, creado no s V polo relixioso san Mesrob. Segue a orde do alfabeto grego, e está constituído con elementos gregos, siríacos e iranianos para adaptarse ás necesidades do sistema fonético armenio. Ten 36 caracteres, máis dous que se engaden para os nomes rusos.
-
arte armenia
[ARTE]
Arte desenvolvida en Armenia a partir da cristianización (s III-IV) ata as invasións mongólica e turca (s XIII-XV). Acada o seu esplendor entre os s IX e XI, coa dinastía Bagrátida. A arquitectura utiliza como material a pedra; as igrexas da primeira época seguen a tipoloxía basilical con volta de canón, pero nos ss VI-VII impúxose a planta central con cúpula poligonal, ás veces cónica, sobre tambor. Nos ss X e XI danse precedentes da bóveda sostida por arcos oxivais. A escultura altomedieval, supeditada á arquitectura, trata temas relixiosos e pode considerarse precedente da románica. Entre as artes menores, destacan os evanxeliarios miniados, realizados dende o s X.
-
literatura armenia
[LIT]
Literatura escrita en lingua armenia. A literatura armenia xurdiu a comezos do s V d C coa invención do alfabeto armenio atribuída a Mesrob. A antiga literatura armenia caracterizouse durante moito tempo polo predominio de obras relixiosas e históricas. Despois dunha época de esplendor inicial, principiouse, a partir do século VI, unha decadencia progresiva ata o s XIX, coa salvidade das crónicas de Sebeos (s VII) e de Ghevond Eredz (s VIII) e o breve rexurdimento da dinastía dos Bagrátidas (895-1100). No s XVIII Manuk Mekhitar estableceu en Venecia un centro cultural que facilitou o avivamento romántico. O século XIX significou unha ruptura radical: a literatura armenia europeizouse, abandonou o ton relixioso, o grabar foi desprazado polo aškharabar e espallouse a sectores máis amplos. Os novelistas máis notables foron Khačatur Abovian, Raffi, Arpian Arpiarian, Grigor Zohrab e Evand Odian. En poesía destacaron Mekertič Bešiktašlian, Bedros Turian, Daniel Varuian e Siamanto. Estas manifestacións enriquecéronse con contribucións para o teatro, o xornalismo e a tradución. A Armenia rusa e turca experimentaron rexurdimentos máis serodios. Coa toma de poder polos soviets, a literatura recibiu novas orientacións. Creouse a Asociación dos Escritores Proletarios (1923) que, coa Asociación de Traballadores da Literatura Armenia e doutros grupos foi substituída pola Unión dos Escritores da Armenia Soviética. Destacan os nomes de Čarenc, Avedis Isahakian, Stepan Zorina, Azat Veštuni, Aksel Bakunc, Nairi Zaran, Vagharčak Norenč, Račija Kočar, Gevorg Emin e Maro Margarian.
-
música armenia
[MÚS]
Arte musical desenvolvida polo pobo armenio, en especial a partir da cristianización de Armenia (ss III-IV). As manifestacións máis antigas están constituídas por un repertorio musical litúrxico, formado principalmente por himnos, froito da forte influencia siríaca e bizantina. A notación armenia está formada por un conxunto de pneumas de épocas diferentes. A principios do s XIX, Hambartsum Limondžian reformou a notación para achegala á occidental en precisión rítmica. Á parte da música litúrxica, Armenia creou melodías cunha estrutura interesante con influencias orientais e occidentais. Algúns dos cantos constitúen mostras moi antigas da música europea e foron conservados polos poetas-músicos ambulantes do país. As melodías populares serviron de material para a música culta en obras de compositores como Aleksandr Spenjarov e Aram Khačaturian.