arpa
(< fr harpe < xerm harpa‘angazo’)
-
s
f
[MÚS]
Instrumento musical do grupo dos cordófonos compostos que se fai soar pinzando as cordas colocadas en posición vertical, tensadas dentro dun marco de forma triangular que ten un costado que fai de caixa de resonancia. Parece un derivado do primitivo instrumento de corda chamado arte musical, e chegaron mostras da súa existencia no Neolítico (3.000 anos a C) en Mesopotamia (sepulcros de Ur). Moi remotamente (Siria s IX a C) apareceu o tipo de arpa angular. Esta foi a forma como se espallou a arpa en Occidente, mentres perviviron con outras formas en África e en Asia. Os xograres servíronse da arpa que, na época (ss XII-XIII), aínda tiña poucas cordas (de quince a vinte). Dende o final do s XVI ata o final do XVII foi construída a arpa doppia, que permitía tocar todas as notas da escala cromática, polo tanto, os compositores xa podían confiarlle un papel importante (Monteverdi: Orfeo 1607). A arpa foi cada vez máis aceptada partir da segunda metade do s XVIII. Sébastien Érard aportou os últimos perfeccionamentos importantes, creou a arpa de dobre movemento, chamada tamén arpa Érard. Esta é a arpa actual europea, que ocupou un lugar importante en obras orquestrais dende o século pasado. Contén xeralmente corenta e sete cordas correspondentes a seis octavas e media (do bemol -1 a sol díese 6) e sete pedais.
-
arpa eólica
Cordófono simple do grupo das cítaras consistente nunhas cordas de igual lonxitude pero de distinto grosor, estiradas e dispostas deste xeito nun marco ou nunha caixa que, ao aire libre, vibran pola acción do vento e deixan sentir harmónicos do seu son fundamental.
-
arpa india
ariante da arpa clásica moi popular entre os amerindios. Diatónica e, a diferencia da clásica, sen pedais. É o instrumento nacional de Paraguai, pero tamén se estendeu por Perú, Venezuela, Arxentina, Ecuador, Bolivia, Colombia e México.