arqueozooloxía

arqueozooloxía

(< arqueo- + zooloxía)

s f [ARQUEOL/ANIMAL]

Tamén chamada Zooarqueoloxía, o termo inclúe as técnicas de análise e identificación dos restos óseos (tafonomía) recuperados nos depósitos arqueolóxicos. O seu obxecto é a reconstrución do medio ambiente circundante ao depósito arqueolóxico e das actividades económicas, e dieta alimenticia dos seus ocupantes. Para utilizar os restos faunísticos como indicador do contorno, débese observar a evidencia cun enorme senso crítico; así, debemos comprender as complexas relacións entre os animais actuais e o seu medio e estudar cómo chegaron os restos de animais a un depósito (ben de xeito natural, ben debido á actividade humana ou dos preeiros), para así descubrir ata que punto son representativos da fauna desa época. Logo destas precaucións, poderase cuantificar e valorar a presenza dos diferentes animais que configuraban o contorno das sociedades pasadas. Así mesmo, o estudo dos ósos tamén pode constituír unha base xeral para a cronoloxía; neste sentido, os restos animais foron a primeira evidencia utilizada polos arqueólogos do s XIX para caracterizar o clima das épocas prehistóricas e, polo tanto, para elaborar unha primeira periodización da Prehistoria. Estas épocas, a Idade do Mamut, do Uro e do Reno, definíronse pola abundancia de restos fósiles deses grandes mamíferos.