Arquímedes
Matemático e físico. Fillo dun astrónomo, supostamente parente de Hierón, tirano de Siracusa. Destacou en xeometría pura. Estudiou a Euclides e tivo algunha relación con Eratóstenes. A profunda orixinalidade da súa obra, o feito de que estea escrita en dialecto dórico e o intenso traballo de enxeñeiro que debeu levar a cabo fan supoñer certa oposición á ciencia oficial da época, representada polos científicos alexandrinos. A súa descuberta máis importante foi, mesmo para o propio Arquímedes, a demostración de que a área da esfera é igual á área lateral do cilindro recto circunscrito e que a área total deste cilindro e o seu volume son, ambos, unha vez e media os da esfera. Demostrou que a área do círculo é igual á dun triángulo rectángulo en que os catetos sexan, respectivamente, iguais ao radio e á lonxitude da circunferencia. O problema redúcese a calcular a relación da circunferencia co diámetro (número π). Arquímedes foi un mestre no cálculo numérico, e cos polígonos inscrito e circunscrito de 96 lados chegou á conclusión de limitar π pola dobre desigualdade:
FORMULA
3 1/7 > π > 3 10/71
que dá un erro comprendido entre +0,0016 e -0,0008. Estableceu os principios fundamentais da estática, e é particularmente famoso pola lei da panca. Atribúeselle a frase: “Dádeme un punto (de apoio) e (cunha panca) moverei o mundo”. Demostrou a lei física coñecida como principio de Arquímedes. Achou tamén a posición de repouso e as condicións de estabilidade dun segmento de esfera e dun segmento de paraboloide. Todos os autores antigos consideran a Arquímedes inventor das máquinas de guerra empregadas pola cidade de Siracusa para resistir o asedio dos romanos. É manifestamente falso que Arquímedes construíse uns espellos xigantescos (os lendarios espellos ustorios) para concentrar os raios do Sol e incendiar as naves dos romanos que atacaban Siracusa. Da súa numerosa obra escrita consérvanse nove libros: Da esfera e do cilindro, Sobre a medida do círculo, Conoides e esferoides, Sobre as hélices, Equilibrio dos planos, Sobre a cuadratura da parábola, O arenario, Equilibrio dos corpos flotantes e Método respecto aos teoremas mecánicos, este último descuberto no s XIX. Morreu a mans dun soldado romano durante o saqueo de Siracusa polas tropas de Marcelo no transcurso da Segunda Guerra Púnica, cando o sabio estaba trazando figuras xeométricas na area dunha praia; seica as súas derradeiras verbas foron “non borres os círculos”.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Siracusa, Sicilia -
Deceso