arquitectura
(< lat architectūra)
-
s
f
[ARQUIT]
Concepción de espacios ou conxunto de espacios para o uso e a ambientación do ser humano. Vitrubio iniciou os estudios sobre a Arquitectura con De architectura (27-23 a C), analizando a problemática arquitectónica desde diferentes puntos de vista. Para Giedion a creación arquitectónica é a aplicación correcta dos materiais e dos principios económicos á creación dos espacios para uso humano. Algúns autores, como Pevsner, distinguen entre construción e Arquitectura, reservando esta denominación ás obras con estética. Outros combinan as ideas de utilidade e estética. Para Le Corbusier é confort e proporción, razón e estética, máquina e plástica, calma e beleza. Así mesmo, Barthes defínea, dende un punto de vista semántico, como unha logotécnica e Fusco como un medio de comunicación social. Para Rogers, que introduce o factor tempo na definición, a Arquitectura é a caracterización do tempo no espacio. Segundo León Battista Alberti, en De re aedificatoria, a Arquitectura consiste en levar a cabo unha obra de xeito que, mediante o movemento de pesos, a unión e acumulación de materiais poida servir para o uso do home. Viollet-le-Duc considéraa arte de edificar, composta de dous elementos: a teoría e a práctica; a teoría comprende a arte propiamente dita, as regras inspiradas polo bo gusto e derivadas da tradición, e a ciencia; a práctica é a aplicación da teoría das necesidades, encargada de adaptar a arte e a ciencia á natureza dos materiais, ao clima e aos costumes dunha época. Neste sentido, Ruskin define a Arquitectura como a arte de decorar e conformar os edificios de xeito que a súa visión contribúa á sanidade, á forza e ao pracer do espírito. A Arquitectura posúe varias tecnoloxías, que xogan soas ou combinadas. Existe unha arquitectura de madeira, de téxtil, de barro ou de terra crúa, de latericia ou de ladrillo, pétrea, metálica, de formigón e de plástico. Posúe unha variada tipoloxía adaptada ás funcións que exerce. En canto á semiótica ten un sentido comunicativo ligado á relación entre forma e función. A aparición da Arquitectura remóntase ao Neolítico e xurdiu en diferentes focos: no nivel I de Xericó (7800 a C) descubríronse as primeiras estruturas arquitectónicas, de planta redonda e de cuberta cónica ou cupular. A aparición dun novo elemento arquitectónico, o templo, é do período de Al-‘Ubaid (V milenio a C), cando se constrúen os templos, de ladrillo e planta rectangular, de Tepe Gaura. Pouco despois, no Exipto tanita, atópase o sepulcro (mastaba), tamén de ladrillo, concibido como un bloque macizo onde se sitúan os pequenos espacios sepulcrais e as cámaras para as ofrendas. Así, pódese determinar un primeiro foco de aparición da Arquitectura en Mesopotamia e Exipto; sen embargo, todos estes elementos -casa, templo, sepulcro, pazo, etc- xorden noutros focos onde a Arquitectura responde a unhas características autónomas: Europa atlántica, India, China, Xapón, América central e andina, e África subsahariana. As primeiras casas e lugares sagrados de Exipto construíronse con materiais orgánicos. Este material foi unha constante na arquitectura civil de todo Exipto; sen embargo, logo apareceu un novo material ao que se adaptan as formas primitivas: a pedra, que se empregou na construción de monumentos funerarios e templos. As primeiras mastabas, atopadas en Saqqara e Abydos, consistían nun foso ou labirinto de corredores cubertos por unha estrutura superior de ladrillos de barro. En tempos de Zoser (2630 a C) construíuse en Saqqara unha pirámide graduada que derivou nun macizo de pedra con pequenas cámaras sepulcrais no centro. As pirámides foron o elemento arquitectónico funerario por excelencia dos faraóns dende ese momento ata o s XVI a C, cando os faraóns e as súas familias comezaron a ser enterrados en cámaras secretas no Tebas occidental (o val dos Reis). O templo exipcio organizouse arredor dunha sala hipóstila rodeada de columnas. En Mesopotamia a Arquitectura ten trazos propios dependendo do período histórico e non se poden establecer tradicións arquitectónicas; sen embargo, tanto en Sumer como en Acad, en Asiria ou en Babilonia, o elemento construtivo fundamental foi o adobe, sen pedra boa nin grandes madeiras; este feito determinou o uso de arcos e bóvedas. Así mesmo, os muros revestíronse de mosaicos co obxecto de impermeabilizalos, xurdindo así a arquitectura polícroma. Tamén aparece como novo elemento a muralla, con portas flanqueadas por torres e coroamento de ameas. Durante o período de Al-‘Ubaid (V milenio a C) os edificios eran tanto en forma de T como circulares. En Uruk (3500-3000 a C) os templos tiñan a planta en T; posteriormente apareceron provistos de fachadas monumentais con nichos e contrafortes. A partir do III milenio a C desenvolvéronse os cigurats, torres de forma piramidal cunha rampla de acceso ao templo, que o coroaba. A arquitectura palaciana, tanto asiria como babilonia (I milenio a C), desenvolveuse ao redor de enormes patios. Malia que as primeiras construcións da Anatolia apareceron en Çatal Hüyük (VI milenio a C), a arquitectura monumental non se desenvolverá ata a época dos hititas, quen construíron templos, santuarios escavados en paredes rochosas e murallas na súa capital, Bogazköy. Na Persia do período aqueménida (VI-IV a C) o uso de boa madeira longa permitiu desenvolver a apadana nos seus pazos. Tanto en China como na India xurdiron civilizacións urbanas nos vales dos grandes ríos que resolveron as súas necesidades arquitectónicas de xeito autónomo. Malia que no val do Indo, sobre todo en Harappa e Mohenjo Daro (2300-1700 a C), apareceu unha arquitectura utilitaria, foi na India budista onde se desenvolveu unha arquitectura relixiosa caracterizada pola stupa, un túmulo que cubría un espazo sagrado colosal, e a chaitya, unha sala de reunión longa rodeada de columnas e rematada nunha ábsida. Así mesmo, outra forma distintiva da arquitectura hindú son as covas artificiais, escavadas por primeira vez nos tempos dos maurias. O estilo arquitectónico do norte da India posterior ao s VI d C caracterizouse por ter torres coa parte superior redondeada e un perfil curvilíneo, mentres que os templos do sur teñen unha torre con forma de pirámide truncada e rectangular. A tradición arquitectónica hindú espallouse posteriormente polo sueste asiático e China. No país khamer (Camboxa) construíuse a primeira gran cidade-templo en Iasovarman (889-910 d C), en tanto que a de Angkor Wat edificouse no s XII. Non obstante , a arquitectura hindú recibiu influencias autóctonas, como é o caso do templo de Ananda (s XI-XII) en Pagan, que integra a tradición hindú e a bengalí. En Ho-nan, capital dos Shang (1300-1028 a C) apareceron as primeiras construcións chinesas que fixaron as características da súa arquitectura posterior, tanto na elección dos materiais como nas formas e estruturas das edificacións. O señor de Shen-si mandou edificar a Gran Muralla, de 3.000 km de lonxitude, no ano 221 a C. Durante a dinastía Han (221 a C-220 d C), ademais das estruturas palacianas e dos templos, edificáronse tumbas reais en forma de pirámides, precedidas de avenidas flanqueadas por animais esculpidos en pedra. Coa chegada do Budismo a China apareceron tamén templos rupestres e o pagode, unha torre de varias plantas que é un dos elementos característicos da arquitectura chinesa. En China e no Xapón, o Budismo fixou unha tipoloxía do templo de madeira onde os elementos principais son a porta e a ponte, como lugares de purificación; a aula ou a sala dourada, estrutura con columnas para o ensino e as cerimonias; e a torre de campás, a miúdo con aparencia exterior de moitos pisos superpostos, que de feito non ten interior e non é máis ca unha evolución da stupa. A arquitectura xaponesa procura harmonizar os edificios coa natureza que os rodea, estando moi vinculada ao deseño de xardíns, que durante moito tempo foi unha arte moi desenvolvida en Xapón. No continente americano existen mostras autóctonas de arquitectura monumental en Mesoamérica e na América andina. En México, os olmecas (1500-600 a C) crearon as primeiras pirámides ou teocallis, como un outeiro artificial, base dun templo, de planta oval e coas paredes en noiro. A cultura de Teotihuacán (100-600 d C) destacou pola construción de pirámides cuadrangulares, cos noiros graduados. O templo de Quetzalcóatl é unha combinación abraiante de escultura e arquitectura. A arquitectura dos maias (100-1000 d C) deulles verticalidade ás pirámides e desenvolveu un tipo de edificio macizo. En México, os toltecas uniron ás pirámides, novos edificios con grandes columnatas, fórmula seguida tamén polos aztecas (1420-1519 d C), que tamén recibiron influencias mixtecas. En Perú, a arquitectura dos incas (s XV) desenvolveu os conxuntos de muros concéntricos, de ángulos redondeados, cuns perpiaños de granito tallados e encaixados. A arquitectura africana, ligada principalmente á madeira e ao barro empregados de forma escultórica, xurdiu en Tombutú (s XIV) e no Reino de Benín (1500-1700 d C); sen embargo, tamén existen monumentos en pedra, como os do Reino de Cimbabue (1400-1800 d C). Así mesmo, construíronse con materiais efémeros moitos edificios de grandes dimensións, como os corredores cubertos con bóvedas de canos realizados con madeira, tallos de rafia e herba no Reino Mangbetu (s XIX) do Congo. A primeira arquitectura monumental na Europa atlántica foi a megalítica (3500-2000 a C). É o primeiro exemplo da arquitectura galega, na que a influencia externa se adapta aos intereses locais mantendo o seu carácter universal. Unha das manifestacións máis coñecidas son os túmulos funerarios, que constan dun elemento externo, a mámoa, e un interno, a anta, de planta estereoforme, construída con grandes ortostatos e ás veces con corredor. Estas construcións megalíticas abundan nas Illas Británicas, en Bretaña e no norte de Portugal. As aliñacións de menhires e os cromlech son outras formas arquitectónicas propias do fenómeno megalítico. As manifestacións arquitectónicas do Mediterráneo (Creta, Micenas, Grecia, Roma, etc) son herdeiras das innovacións mesopotámicas e exipcias. En Creta (2700-1200 a C) só se atopan pazos, onde as estancias están dispostas en sentido transversal a un patio central. Máis tarde, en Micenas (1580-1100 a C), apareceu unha nova disposición: o mégaron, que é unha sala lonxitudinal cuberta a dúas augas, con pórtico columnar e un furado no teito para a saída do fume. Así mesmo, no mundo micénico desenvolveuse a tumba subterránea, onde a cúpula é o resultado do avance sucesivo de filas. Nas illas mediterráneas, especialmente en Sardeña, Menorca e Mallorca, hai construcións de planta central, como os talaiots e os nurags troncocónicos. A arquitectura grega tivo como elemento básico o templo de pedra calcaria, variación do mégaron, no que as formas lembran antigas estruturas de madeira. Despois o mégaron pasou a rodearse de columnas, que forman un pórtico ou perístilo en todo o contorno, con entrada por un dos lados pequenos de cara a levante. Destinado a ser visto dende fóra, as súas fachadas desenvolveron as chamadas ordes clásicas (dórica, xónica e corintia). Tamén mantiveron unha estrutura herdada das vellas casas redondas, os tholoi, templos onde o culto tiña lugar no espazo interior. Dos pórticos columnares nace, na tradición grega, a stoá dos mercados. Dende o s V a C todas estas formas se construíron en mármore. Así mesmo, crearon o teatro, un elemento fundamental na arquitectura civil grega. Os etruscos e os romanos apropiáronse do esquema do templo grego, que elevaron sobre unha plataforma ou podium. Coa formación do Imperio Romano a organización do territorio acadou un novo sentido. Por toda Europa se espallou o facer construtivo romano, síntese das achegas mesopotámicas, exipcias, gregas e etruscas. Aínda que Vitrubio foi o tratadista desa síntese, a influencia da súa obra foi maior no Renacemento ca na súa propia época. Os romanos desenvolveron a arquitectura doméstica arredor dun tipo derivado de mégaron; a casa romana típica, pechada ao exterior, tiña un patio interior ou atrium, a miúdo porticado, pechado ao fondo polo tablinium ou comedor flanqueado polos cubicula ou pequenas estancias laterais. Para a arquitectura de uso colectivo crearon a basílica, baseada na forma da sala hipóstila; para os mercados e tribunais, a praza porticada ou fórum, herdeira da stoá, o teatro e o anfiteatro, as termas, obras públicas como as pontes ou os acuedutos, e obras suntuarias como o arco de triunfo. O Panteón de Roma é unha síntese dos diferentes conceptos herdados dos gregos e dos etruscos. Dúas son as arquitecturas que se poden recoñecer como herdeiras da romana: a cristiá e a árabe. Os árabes, a partir do triunfo do Islam, adoptaron formas arquitectónicas dos países conquistados. A mesquita básica, que xorde a partir da casa de Mahoma en Medina, apareceu coa dinastía omeia (661-750). A súa estrutura consistía nun patio cuadrangular con dous elementos: unha furnícula na parede, o miḥrāb, que foi introducido polo Califa al-Walid, cando ordenou a reconstrución da casa do profeta, orientado en dirección á Meca, e o almimbar ou púlpito. Non obstante , esta forma foi modificada axiña. En Damasco e en Xerusalén, aproveitaron como soportal para o muro miḥrāb antigas estruturas de basílica, colocadas de través, polo costado amplo. Así, creouse o esquema das grandes mesquitas columnares de Kairuán e Córdoba, que de feito continúan a ser patios pero desenvolven o pórtico amplamente. O minarete desenvolveuse independentemente. Na arquitectura residencial islámica dominaban os espacios de luz filtrada, indirectamente vinculados a patios ou xanelas. A arquitectura turca estivo ao principio case totalmente influída polos estilos persa e árabe. Non obstante , trala conquista de Constantinopla (1453) polos turcos otománs, os arquitectos atopáronse coa necesidade de converter en mesquita a grande igrexa bizantina, a Hagia Sophia. Esta conversión marcou o camiño a seguir pola arquitectura otomana: a gran cúpula central recae visualmente nunha serie de medias cúpulas e hai alminares esveltos en cada esquina; os patios interiores están plenamente integrados no conxunto. En Persia empregouse o estilo islámico para a construción de mesquitas cun teito sostido por piares; sen embargo, a maior contribución persa foi o quiosco, un pavillón xeralmente sen paredes baseado no templo zoroástrico. Os safamī persas (1502-1732) desenvolveron máis o urbanismo ca a propia arquitectura monumental, dedicándolle moita atención aos xardíns. O desenvolvemento da arquitectura islámica na India comezou no s XII; sen embargo, acadou o seu máximo apoxeo cos edificios monumentais dos mongois, que gobernaron dende 1526. A tumba de Humayun, a cidade abandonada de Fatipur Sikri, o Tāj Mahal e a Mesquita da Perla de Agra son as manifestacións máis sobranceiras da fusión dos estilos otomán e safamī en Asia central. A arquitectura cristiá desenvolveu temas gregos e romanos. Os principais foron a construción de planta central con forma de pirámide, redonda, octogonal, de cruz grega e a de planta lonxitudinal, copiada das basílicas columnares, derivadas respectivamente da pirámide e da sala hipóstila dos exipcios. A basílica cristiá consistía nunha nave central e dúas naves laterais de dimensións máis reducidas e unha ábsida no extremo. Os edificios circulares, o martyrium (templos dos mártires) e o baptisterio (edificios destinados aos bautizos), tamén se inspiraron nos primeiros mausoleos e baños cristiáns. A arquitectura bizantina, latericia, e detrás dela a arquitectura pétrea de Xeorxia e Armenia, realizou a síntese dos programas da planta central e a basílica. En Asia Menor apareceu a basílica con cúpula e despois produciuse unha gran variedade de construcións arredor deste elemento central, entre as que cómpre salientar Santa Sofía de Constantinopla (s VI). O estilo bizantino espallouse por Grecia e polos Balcáns, influíu nos programas arquitectónicos da Igrexa Ortodoxa rusa e espallouse por Venecia (Basílica de San Marcos) e Sicilia (Cefalú, Monreale e Palermo). A propagación do Cristianismo por Europa significou a fusión dos elementos orixinais romanos con diferentes tradicións autóctonas. En Irlanda, os monxes tiñan unha arquitectura céltica, primitiva, de casas redondas e torres cónicas. Os anglosaxóns, como os visigodos hispánicos, teñen construcións relixiosas formadas por xustaposición de cadrados moi separados. Os visigodos empregaron grandes perpiaños como os romanos ou ben o opus spicatum, que caracteriza a súa arquitectura. En Escandinavia, os viquingos tiñan como estrutura monumental o hall, derivado da casa. Era de madeira, rectangular, con cuberta piramidal e unha lanterna central para a saída do fume, que descansaba sobre catro pés; esta estrutura pasa directamente, sen ningunha modificación, ás igrexas cristiás escandinavas. A arquitectura carolinxia imitou plenamente os tipos da Antigüidade tardía e mesmo empregou materiais de construción romanos. A arquitectura románica, de ladrillo ao norte de Italia e de pedra en case toda Europa Occidental, estaba baseada na morfoloxía orixinaria do ladrillo: o arco, a volta de medio punto, a cúpula e a ábsida semicircular. En Italia adoitaba cubrirse con tellado de madeira, sobre arcos e columnas, pero no resto de Europa son precisos fortes piares e paredes grosas para soster o gran peso das voltas de pedra. Existe a planta de cruz grega, pero a máis frecuente é a basilical, que adoita acabar cun transepto e unha batería de ábsidas. Abunda a cúpula encrucillada, sobre trompas. O claustro adoita poñerse ao lado das naves das igrexas. O mosteiro e o castelo son os programas típicos dun tempo monástico e feudal. As peregrinacións a Santiago de Compostela foron un feito fundamental para o desenvolvemento de Galicia e favoreceron o intercambio político, económico e cultural, dando lugar ao primeiro estilo internacional pero con diferentes escolas rexionais. O Camiño de Santiago estableceu un diálogo entre diferentes programas arquitectónicos que fixo posible que en Galicia se refundise o universal co tradicional nunha obra cimeira da Arquitectura, a Catedral de Santiago de Compostela, cume do Románico. Diego Xelmírez, que ordenou os novos espacios urbanos da cidade e outorgou un lugar predominante á basílica, posibilitou que a nova catedral superase os límites das basílicas anteriores. O Gótico implicou unha transformación da linguaxe. O valor visual das masas cedeu ao valor das liñas. Hai unha verticalidade crecente que descansa nun novo sistema construtivo que permite liberar o muro e facer tabiques de vidro multicolor. O renacer das cidades trouxo a necesidade de crear novas tipoloxías que adoitaron as novidades aplicadas nas catedrais, xurdiron as casas consistoriais, as tendas de artesáns e mercadores, os locais de cambio, lonxas, hospitais e universidades. As catedrais galegas, Ourense, Tui, Lugo e Santiago de Compostela adaptaron o novo estilo ás súas construcións. O Renacemento significou a idealización do espacio, os valores abstractos de regularidade, simetría, centralidade, simplificación e luminosidade. O acceso aos textos clásicos deu paso a unha nova visión: a Arquitectura ademais de ser unha arte práctica era un concepto intelectual. Os arquitectos erixían edificios e ao mesmo tempo elaboraban tratados teóricos inspirados no mundo clásico; neste sentido, é salientable a recuperación da obra de Vitrubio grazas aos tratados de Alberti e de Palladio. Alberti en De re aedificatoria abordou, por primeira vez, os problemas urbanísticos dunha cidade. Palladio nos Catro libros de arquitectura analizou os problemas técnicos e as construcións prácticas da época, unindo a plástica aristotélica coa idea platónica. O cume das ideas renacentistas e palladianas é o mosteiro de San Lorenzo del Escorial. O Hospital Real de Santiago foi a obra introdutora do Renacemento en Galicia. O Manierismo significou a ruptura deste carácter pechado e equilibrado. Afastándose das normas clásicas os manieristas trataron de impresionar os espectadores. A arquitectura teatral do Barroco baseouse na fusión dos elementos sólidos e dos espacios en unidades continuas e ondulantes. O exterior está pensado en función de visións diferentes, entre elas as oblicuas, pero o protagonista pasou a ser o espazo interior, que a miúdo é caprichoso e inesperado. A tendencia unificadora deu estilo tamén ao urbanismo, que en Roma e despois en Versalles, creou o esquema das avenidas radiais. Xunto coas directrices emanadas de Italia e despois de Francia, o Barroco viu nacer de novo as diferentes escolas nacionais, entre as que destaca o Barroco galego, síntese entre e o universal e o tradicional. Domingo de Andrade continuou a obra dos teóricos renacentistas co seu tratado Excelencias de la arquitectura (1695). Santiago de Compostela non foi allea aos cambios e comezou unha renovación urbanística manifestada nas prazas que rodean a Catedral e nun programa arquitectónico que se proxectou na fachada do Obradoiro, na Torre do Reloxo e nos pazos urbanos (Bendaña, Deán, etc). Contra esta énfase reaccionou a burguesía máis libre de Inglaterra, que creou o xardín naturalista, o urbanismo íntimo das squares e un estilo de residencia íntimo. No continente a descuberta da intimidade foi aliada do sensualismo no Rococó, delicado e caprichoso. O idealismo burgués e os triunfos das revolucións americana e francesa favoreceron o Neoclásico onde o espazo se amplifica e simplifica con gusto por galerías e rotondas de formas puras. A arquitectura neoclásica amósase máis racionalista, bebe das fontes clásicas e renacentistas, sobre todo de Palladio. O neopalladianismo triunfou en Inglaterra e despois exportouse ás novas cidades norteamericanas, Letrobe ou Jefferson adoitaron este estilo. Convertido no estilo da Ilustración, impuxéronse as súas directrices no campo da arquitectura pública (construción do barrio da Madalena de Ferrol). As visión utópicas de Ledoux ou Boullé relaciónanse tamén co Romanticismo, estilo que se compraceu en recreacións do mundo islámico ou do gótico. Novos progresos e novos materiais, como o ferro, acompañaron o Realismo, de acordo coa Revolución Industrial, e foi aplicado a pontes, estacións de ferrocarril, bolsas, mercados, grandes bibliotecas, hospitais, naves de exposicións, fábricas, etc, que teñen un símbolo na Torre Eiffel. Aínda así, ao lado do progreso da lóxica está o do eclecticismo luxoso do apoxeo burgués do Segundo Imperio e a sociedade vitoriana. A Arquitectura da segunda metade do s XIX moveuse entre referencias historicistas (Teatro Jofre de Ferrol) e manifestacións eclécticas (Deputación de Lugo, realizada por Luis Bellido). Puntos de partida da Arquitectura do s XX son o desenvolvemento do rañaceos americano con estrutura de ferro (1871), a aplicación do formigón armado en Francia (1902) e as novas ideas urbanísticas. Doutra banda, Morris promoveu a busca dos belos oficios artesanais e apareceu a decoración floral e a liña sinuosa, que manifestou na Art Nouveau, Liberty, Modernismo ou Jugendstil, con Víc22tor Horta, Hankar e van de Velde en Bélxica, e Gaudí, Domènech e Montaner i Homar en Catalunya. Na Coruña Xulián Galán Carvajal (Casa Rey), en Vigo Xenaro de la Fuente (Hotel Universal), Benito Gómez Román (Edificio Simeón) ou Paczewich (Hotel Moderno) son representantes modernistas, mentres que Antonio Palacios aproveita o repertorio ornamental de finais do XIX para desenvolver propostas monumentais cargadas de historicismo incorporando referencias da tradición arquitectónica galega do Románico e do Gótico (Igrexa da Vera Cruz do Carballiño). O grupo da Sezession austríaca, con Wagner, Olbrich e Hoffman orientouse cara á claridade e á lóxica dos espacios; Loos foi o primeiro en desterrar totalmente o ornamento. O alemán Behrens vai ser o primeiro en poñer en contacto industria e arquitectura. O uso do formigón desenvolveuse con Perret e Tony Garnier, creadores dunha plástica ríxida paralela ao Cubismo. A Rusia revolucionaria creou unha arquitectura construtivista, xeométrica, dinámica e expresiva, integradora das necesidades sociais e industriais nos proxectos arquitectónicos. Nos anos vinte houbo unha arquitectura expresionista (Poelzig, Mendelsohn), pero a tendencia xeométrica triunfou con Gropius e a súa escola da Bauhaus e co Funcionalismo de Le Corbusier. Na Bauhaus, instituto de Artes e Oficios creado por Gropius en 1919, traballaron conxuntamente arquitectos, deseñadores e artesáns aceptando a produción en masa e en serie, e os novos materiais. Esta escola abriu o camiño da Arquitectura do s XX co estudo das tecnoloxías e da propia función da Arquitectura. Á unión de arte e artesanía, de produción industrial e artesanal, engadiuse o estudo da simboloxías dos edificios e das súas funcións. A internacionalización das súas propostas realizouse coa fuxida dos seus membros aos EE UU trala clausura da escola en 1933. Le Corbusier propoñía o uso de volumes simples, o funcionamento do edificio tiña que ter a planta como centro xerador e os seus volumes tiñan que ter un equilibrio formal. Por outra banda, a estrutura de formigón liberou as fachadas da función de sostemento e permitiu o muro cortina, de vidro ou de materiais lixeiros. Desenvolveuse a idea dunha morfoloxía considerada polos Congrés Internationaux d’Architecture moderne (CIAM, Congresos Internacionais de Arquitectura Moderna) como internacional. A partir dos anos trinta perdeuse a coherencia sistemática en beneficio dunha maior variedade de opcións. Mies van der Rohe levou á perfección a construción racional, baseada na consideración do espazo como un lugar abstracto para calquera actividade. As influencias racionalistas da Bauhaus e do GATEPAC -movemento arquitectónico que se espallou por toda España nos anos trinta-, reflectíronse nas obras de Antonio Tenreiro (Banco Pastor) quen traballou xunto con Pelegrín Estellés (Mercado de Santo Agostiño), Rey Pedreira (Estadio de Riazor) ou Caridad Mateo (edificio vivendas na rúa Pardo Bazán) na Coruña, Xosé María Bonet (edificio na rúa Doutor Teixeiro) en Santiago; Maqueira (o mercado) en Lugo e Compostela, Francisco Castro Represas (edificios na praza de Compostela, Club Naútico) e Xenaro de la Fuente, fillo, en Vigo. Fronte ao Funcionalismo e ao Racionalismo naceu a idea da arquitectura orgánica de Frank Lloyd Wright e Alvar Aalto, ante o formigón armado recuperouse o uso da madeira, o ladrillo ou a pedra, fronte á xeometría da natureza, a harmonización co contorno. Á onda do stalinismo, do fascismo e do nazismo creouse unha nova arquitectura monumentalista baseada nos estilos históricos. Nos anos corenta desenvolveuse no Brasil unha derivación barroca do Funcionalismo, coas obras de Niemeyer e Lúcio Costa. Nos anos cincuenta, a Arquitectura caeu nun eclecticismo decorativo que desmentía toda evolución moderna. En Gran Bretaña desenvolveuse o Brutalismo con Alison, Peter Smithson e Stirling como representantes, valorando o material en bruto sen modificacións e amosando as estruturas sen preocuparse do acabado. O Realismo de Ridolfi e o Empirismo de Gardella combateron o carácter utópico e internacional do Racionalismo e converxeron no Neoliberty promovido polo grupo de Casabella, de Rogers, do que aceptaron como protesta formas da linguaxe formal tradicional. Albini e Magistretti traballaron neste sentido. Un certo parecido con eles representou, nos EE UU, Louis Kahn. Tamén destaca o xaponés Kenzo Tange creador de estruturas abertas susceptibles de crecemento. O panorama da Arquitectura máis actual é complexo. Pódense distinguir dous fenómenos cada vez máis importantes: a desconfianza cara aos grandes deseños historiográficos e a tendencia a desacreditar a virtualidade do movemento moderno. Na arquitectura italiana amalgámanse tendencias que van desde o posracionalismo ao neorrealismo pasando polo Neoliberty de Gregotti e posteriormente pola busca nas fontes da arquitectura clásica (cidades de Aldo Rossi e Giorgio Grassi). Nos EE UU destaca o gusto pola metáfora, o kitsch de Robert Venturi, con construcións destinadas á cultura de masas e o sentido lúdico de Robert Stern e Charles Moore, como tamén o purismo formal dos Five Arquitects e Richard Meier. Dentro da arquitectura posmoderna pódense illar unha serie de correntes: a neoexpresionista, representada, entre outros por Hans Scharoun, Jorn Utzon, Oscar Niemeyer e Lúcio Costa, Pier Luigi Nervi, Riccardo Morandi e Félix Candela; a neorracionalista, representada polo danés Arne Jacobsen e os holandeses Jacob Bakema e Aldo van Eyck. En Francia destacan Renzo Piano e Richard Rogers e, nos EE UU, os neorracionalistas como Pei e Skidmore, e mais Owings e Merill. A decoración ten no austríaco Hans Hollein unha figura preeminente. En Galicia, trala Guerra Civil entraron os ideais do Funcionalismo como reacción aos excesos da xeración modernista anterior. A Arquitectura púxose ao servizo do estado e da nova ideoloxía. O monumentalismo do novo réxime tomou en Galicia as características do Barroco compostelán (Cidade universitaria de Santiago de Compostela, Xenaro de la Fuente). Nos anos setenta os arquitectos galegos movéronse entre as posicións racionalistas e as organicistas, en Galicia traballaban Xosé Bar Boo (edificio da rúa Marqués de Valadares de Vigo, Policlínico Cíes do complexo hospitalario de Vigo), Fernando Albalat (fábrica da Coca-Cola da Coruña), Antonio Álex Reylén (Hotel San Martín de Ourense); en Madrid traballaron Alejandro de la Sota (ximnasio do Colexio Maravillas) e Ramón Vázquez Molezún. A arquitectura posmoderna debátese entre tres grandes tendencias: a implantación dos modelos deconstrutivistas de Peter Eissman, Frank O. Gehry, o estudo Architekbüro e o equipo OMA; os proxectos relacionados coas altas tecnoloxías de Norman Foster, Santiago Calatrava, Ricardo Bofill e dos galegos Alberto Noguerol e Pilar Díaz (Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia de Santiago de Compostela), Andrés Reboredo e Alberto Pineda (Hospital Marítimo de Orza da Coruña), Fernández Casqueiro e Xavier Vizcaíno (Centro de Asistencia Primaria de Lugo); por último a tendencia ao rigor compositivo e ao refinamento na utilización dos materiais triunfa con Álvaro Siza e Rafael Moneo. Dentro da mesma liña de rigor compositivo non exenta de eclecticismo cómpre salientar a obra de Xosé Manuel Rosales (Sociedade de Montes de Xinzo de Ponteareas) ou Alfonso Penela (Centro Social de Conxo de Santiago de Compostela). Entre os arquitectos galegos formados nos anos sesenta, os anos do progreso económico, pódese salientar a Manuel Gallego (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia), César Portela (Aquarium de Carril en Vilagarcía de Arousa), Pascuala Campos Michelena (Escola de Acuicultura na Illa de Arousa), Rafael Baltar Tojo, Carlos Almuíña Díaz e Bartolomé Argüelles (Edificio dos Xulgados de Santiago de Compostela), Alberto Noguerol (Palacio de Exposicións de Santiago de Compostela). As últimas xeracións de arquitectos galegos, formados sobre todo nas escolas de Madrid e Barcelona nos anos setenta, adoitan un compromiso ético coas xeracións anteriores e unha preocupación pola tipografía cultural galega. É importante salientar a creación en 1973 do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e a celebración en 1976 do I Seminario Internacional de Arquitectura en Compostela (SIAC). Nunha liña reflexiva sobre as tipoloxías tradicionais nas que se valora o emprego da pedra e a recuperación dos volumes da arquitectura popular atopamos a obra de Julio Cano Casso (Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela) ou César Portela (intervención urbanística en Allariz). A adaptación da Arquitectura ao medio ten un bo exemplo no colexio de EXB do polígono de Elviña, A Coruña, obra de Jacobo Rodríguez-Losada. Alfredo Freixedo Alemparte (sede da Cruz Vermella na Gudiña en Ourense), Fernando Blanco Guerra (Pub Irán en Ourense), Iago Seara Morales (campamento de peregrinación pastoral e xuvenil Xoán Paulo II no monte do Gozo en Santiago de Compostela), Pedro de Llano Cabado (polideportivo do Colexio Pío XII), Alfonso Penelas (Facultade de Empresariais en Vigo) son outros dos arquitectos chegados a Galicia nos anos setenta. A principios dos anos oitenta apareceron as primeiras promocións de arquitectos formados en Galicia. Preocupados polos aspectos culturais de Galicia, comprenden o universal a través da obra dos seus propios mestres. Os novos arquitectos traballan en moitas ocasións desde as diferentes administracións. A revista Obradorio, publicada polo COAG, difunde as obras dos novos arquitectos. A través dela dáse a coñecer, entre outros, a obra de Manuel Vecoña, Juan Mario Crecente, Juan Manuel Doce, Manuel Chaín, José Manuel Rosales e Jesús Irisarri. A preocupación da administración pola intervención sobre o patrimonio posibilitou a execución de numerosas obras de recuperación de edificios históricos ou de adaptación a novas funcións: Andrés Reboredo Santos (rehabilitación do antigo Cuartel do Hórreo para a sede do Parlamento de Galicia en Santiago de Compostela), Iago Seara Morales (biblioteca para o Parlamento de Galicia, rehabilitación dunha antiga farmacia para sede do Valedor do Pobo e de parte do Mosteiro de San Martiño Pinario para museo e arquivo diocesano en Santiago de Compostela), Manuel Gallego (museo para obxectos relixiosos da Colexiata de Santa María, A Coruña, Casa da Cultura de Chantada), César Portela (rehabilitación do Cuartel de San Fernando para a Facultade de Belas Artes en Pontevedra), Pedro de Llano (Consello da Cultura Galega no Pazo de Raxoi), Celestino García Braña (vivendas de Triacastela), Almuíña, Baltar Tojo e Bartolomé Argüelles (Teatro Principal e Salón Teatro de Santiago de Compostela) e Xosé Xabier Suances, Alfredo Freixedo Alemparte e Manuel Vecoña Pérez (rehabilitación do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil). Dende os anos oitenta desenvolveuse en Galicia unha tendencia a incorporar o traballo de arquitectos internacionais como Aldo Rossi (proxecto do Museo do Mar de Vigo, realizado con César Portela), Álvaro Siza (Centro Galego de Arte Contemporánea, Parque de Bonaval e Facultade de Xornalismo de Santiago de Compostela), Paul Kleihues (polideportivo de San Clemente de Santiago de Compostela), Giorgio Grassi (Colexio do Carme de Santiago de Compostela) e Arata Isozaki (Domus da Coruña, realizado con César Portela). Por último salientar o cambio de orientación na arquitectura actual, hoxe en día os valores culturais e estéticos perdéronse e interesan máis os aspectos económicos. A importancia económica do edificio é máis relevante ca o seu propio valor de uso. Esta idea xa a formulara Engels no seu ensaio Zur Wahnungsfrage (Contribución ao problema da vivenda, 1887).
-
s
f
Composición, estrutura, maneira de encaixar e distribuír as diversas partes dun organismo ou dunha obra.
Ex: A arquitectura dun poema.
-
[INFORM]
-
s
f
Xeito de organizarse e interactuar os elementos principais dun ordenador (microprocesador, memoria central, periféricos, etc) entre si; así como cada elemento illado (organización interna dos microprocesadores ou dos sistemas operativos) ou, en xeral, calquera sistema informático.
-
arquitectura aberta
Aquela na que os ordenadores poden traballar en rede con outros de características distintas.
-
arquitectura de rede
Configuración dunha rede informática.
-
arquitectura do bus
Configuración dun conxunto de dispositivos de conexión utilizados polos distintos compoñentes dun ordenador para intercambiar datos, que determinará a velocidade máxima coa que estes serán transferidos no interior do equipo informático e os seus periféricos.
-
arquitectura pechada
Aquela na que un ordenador só pode traballar en rede con outros aparellos totalmente compatibles.
-
s
f
-
arquitectura do libro
[LIT]
Arte e técnica da distribución dos diversos elementos e da estruturación xeral do libro.
-
arquitectura naval
[MAR]
Arte de proxectar e construír navíos. A arquitectura naval divídese en: construción naval, que estudia e proxecta a construción dun navío en todo o que fai referencia a formas, estruturas, materiais, etc, e teoría do navío, que o estudia como vaso flotante, tendo en conta a súa estabilidade, flotabilidade e as forzas ás que estará sometido ao navegar. A ampla difusión dos primeiros libros publicados a mediados do s XVIII foi a base do rápido desenvolvemento de proxectos de navíos no s XIX. Cómpre salientar os tratados Scientia navalis (Ciencia naval, 1749) de Euler e Traité du navire (Tratado de navegación, 1746) de Bouger. Chapman propugnou a ampliación cos navíos que construíu e coas súas obras Architectura navals mercatoria (Arquitectura para a mariña mercante, 1768) e Tractat om Skeppsbyggeriet (Tratado de construción naval, 1775). Esta arte ampliouse coa aparición das máquinas de vapor. As diferentes formas de propulsión incrementan cada vez máis a extensión e a amplitude da arquitectura naval.