arredor

arredor

(< a + redor)

  1. Novela de Ramón Otero Pedrayo editada por vez primeira en 1930 pola editorial Nós, que por entón dirixía o intelectual Ánxel Casal. A obra constitúe unha descrición detallada do que para Galicia significa a Xeración Nós, e desenvólvese tomando como modelo a conversión ao galeguismo dos homes que integraron Nós partindo dunha Galicia antiga e esquecida, afastada da mirada dos intelectuais e das xentes, moi atrasada económica e culturalmente, e ancorada nun pasado que a perseguía e lle pesaba. Otero debuxa a súa imaxe e figura no personaxe principal da novela, Adrián Solovio, un idealista inadaptado, protagonista tamén doutra novela do mesmo autor intitulada Escrito na néboa (1927). O personaxe de Adrián, Galicia e Otero, embarcaranse nunha profunda viaxe por Madrid e por Europa que lles abrirá os ollos de tal forma que trocan esa desorientación, esa inadaptación, ese andar perdido, que traizoa as súas raigames e orixes, nunha procura da identidade propia do individuo, do país e mais do propio autor. Esa viaxe é, en realidade, un conxunto de percorridos simultáneos no tempo, a través de espacios diferentes con frecuentes analepses, en forma de lembranzas da súa nai e das súas orixes; Adrián por Madrid, por Europa e por dentro de si mesmo; Xacobe, o seu irmán, o outro Adrián, contrapunto deste, no pazo familiar de Portocelos, na aldea. Será precisamente na súa volta á aldea, coa agonía do seu tío Bernaldo e a súa visión do mapa de Galicia de Fontán, cando descubra fisicamente o que é Galicia. Predomina na obra a narración omnisciente en terceira persoa que nos permite profundizar no interior ideolóxico do personaxe, e en si, da propia Xeración Nós. É o seu, un estilo que segue á par as correntes dos principais escritores europeos deses anos. Como novela de acción interior, co seu retrato psicolóxico, Adrián vainos descubrindo Madrid, Europa e, asemade, as diversas culturas que poboan os nosos arredores. Á vez nota algo en falta, algo no que cavila, que se atopa aí pero que el non ve e que descubrirá no final do libro, cando se decate de que a mellor definición del mesmo, da súa propia xeración e da súa cultura, é a súa propia orixe e a súa identidade con Galicia. Da actitude inicial de alienación e antigaleguismo, en forma de fuxida cara ao exterior, pasamos a unha identificación co galeguismo, coa súa lingua e coa cultura que lle son propias, todo isto verificado pola afirmación da súa individualidade, reflexo da colectividade das xentes de Galicia. En fin, unha procura no seu arredor que lle levan a atopar o máis singular, a identificación consigo mesmo. Partindo del, de Galicia, chegará ao sentimento de europeización e universalización. Como noutros libros de Otero Pedrayo, chegamos á morte física da tradición e da historia trasnoitada dunha Galicia atrasada para achegarnos a un país de futuro, un país que renuncia a unha falsa fidalguía para acoller novos valores e novos soños.

  2. adv l

    Espacio máis ou menos extenso que rodea a unha cousa ou persoa.

    Ex: Arredor do cadaleito estaban todos os familiares dándolle o derradeiro adeus.

    Sinónimos: darredor, derredor, redor.
  3. s m

    Franxa estreita de terreo que se deixa sen cultivar para marcar o lindeiro ou servir de paso entre dúas leiras.

    Sinónimos: arró, cómaro.
  4. s m pl

    Espacio que rodea a un núcleo de poboación.

    Ex: Vivimos nos arredores da Coruña.

    Sinónimos: aforas, alfoz, periferia, veciñanza.

Frases feitas

  • arredor de 1 loc prep Que circunda toda a parte exterior de algo e que lle dá toda a volta. SIN: Darredor de, derredor de, ao redor de. Ex: Arredor do castelo de Pambre hai unha muralla do s XV. 2 loc prep Indica tempo ou cantidade aproximada. SIN: aproximadamente, darredor de, ao redor de. Ex: Que hora é? Han de ser arredor das tres.

Palabras veciñas

arredondado -da | arredondamento | arredondar | arredor | arredor | Arredor de | arrefecer