arrendamento

arrendamento

(

  1. s m

    Acción e efecto de arrendar.

    Sinónimos: arrendo.
  2. s m

    Contrato entre dúas partes, o arrendador ou propietario, e o arrendatario, polo cal o primeiro traspasa ao segundo unha propiedade a cambio dunha renda periódica mensual ou anual para que faga uso e obteña beneficio dela.

    Sinónimos: alugamento, aluguer, arrendo.
  3. arrendamento de herbas

    Arrendamentos dos pastos dun predio mediante a percepción dun canon en metálico ou dunha parte da produción.

  4. arrendamento de nave /buque

    Contrato de utilización dun barco por tempo determinado a cambio dunha retribución periódica. Caracterízase pola cesión do control ao fletador, que adquire a condición de navieiro e asume todos os riscos da navegación e da explotación económica do barco.

  5. arrendamento de obras

    Contrato en que unha das partes se encarga de facer unha obra, poñendo ou non os materiais, por un prezo determinado.

  6. arrendamento de predio rústico

    Arrendamento de terras de cultivo.

  7. arrendamento de predio urbano

    Contrato de cesión do uso dunha vivenda ou local de negocio por un prezo e un tempo determinados.

  8. arrendamento de servicios

    Contrato polo que unha das partes obriga a prestar o seu traballo durante un tempo indefinido ou marcado para a realización dunha obra determinada a cambio dun prezo fixado.

  9. arrendamento financeiro

    Técnica de financiamento para o uso ou adquisición de maquinaria ou bens de equipo que resulta dunha combinación do arrendamento coa compra-venda. O arrendador comprométese a fornecer ao arrendatario o ben en cuestión por un tempo determinado e a cambio dun prezo. Finalizado o contrato, o arrendatario pode revocalo ou exercer a opción de compra que xeralmente o acompaña.

  10. arrendamento rústico

    En Galicia os arrendamentos rústicos son os de maior repercusión histórica. A importancia do arrendamento vén dada pola estrutura minifundista do noso agro, que determinou a existencia dun gran número de pequenos propietarios, e polo maior arraigo do contrato de parcería, moi similar ao de arrendamento, pero no que hai unha aceptación íntegra dos riscos por ambas partes, aproximándose deste xeito a unha asociación de capital e traballo. Ambos contratantes sufrían polo tanto as oscilacións da produción e, no seu caso, dos prezos. O arrendamento rústico é un modo de explotación da terra mediante un contrato de curta duración no que o propietario ou arrendador cede a súa utilización ao arrendatario por un tempo e un canon determinados, sendo precisamente estes elementos os que marcan a evolución deste tipo de contrato. O canon a pagar varía xeográfica e cronoloxicamente en función da ratio (relación entre superficie e renda), que depende do tipo, cantidade e calidade da produción das colleitas. Non pode asegurarse que o arrendamento a medias ou a terzo sexa máis frecuente ca o estipulado a renda fixa, aínda que si son maioría en relación coa superficie arrendada, pois gran parte dos arrendamentos a medias son en realidade subforos ou subarrendos. Os contratos de renda fixa si manteñen unha clara tendencia secular ao aumento da ratio, experimentando unha evolución moi semellante á do foro, aínda que neste caso a un nivel menos gravoso para o arrendatario. Os propietarios non deixaron de se beneficiar a longo prazo do aumento da produtividade, mercé á implantación dunha agricultura intensiva de dúas colleitas anuais, e da demanda de terras consecuente coa crecente presión demográfica. Outro factor será a duración do contrato sobre o que as leis non son demasiado explícitas nos anos e nas prórrogas sendo o máis frecuente 9, 6 e 3 anos prorrogables previo acordo por ambas partes, polo xeral tras un axeitamento da renda conforme aos cambios na demanda da terra e o mercado dos produtos. Isto provocará que o campesiño busque o maior rendemento a curto prazo sen preocuparlle o esgotamento da terra, ademais de non realizar investimento ningún en innovacións, xa que ninguén lle garante a indemnización polas melloras introducidas, investimento que tampouco leva a cabo o propietario, a quen correspondería, carente de pulo empresarial e afeito a vivir das rendas sen afán de que produzan maiores rendementos, provocando así unha progresiva descapitalización do noso agro. Na Galicia do Antigo Réxime, principalmente ata mediados do século XVII, predominou o arrendamento sobre o foro en número de contratos agrarios, o que non se ten por qué reflectir necesariamente en dimensións territoriais. Non interesa por iso o número global de contratos testemuñados, xa que o foro precisaba de renovacións máis dilatadas, senón a proporción entre ambos. Dende finais do século XVII, co agravamento do problema do dominio directo da propiedade monacal, algúns conventos e entidades eclesiásticas inclináronse polo arrendamento a curto prazo nas terras que teñen de libre disposición. Tamén a nobreza titulada no século seguinte fai este tipo de contrato. O arrendamento semella ir perdendo importancia conforme avanza o século XVIII, cando os novos xeitos de produción orientados ao mercado ofrecen mellores expectativas á man de obra asalariada. Dende finais do XVIII tentouse dar solucións aos problemas derivados dos contratos agrarios, de xeito que se conciliasen os intereses das partes, e o destas co interese económico xeral do país, propoñéndose case sempre como solución a prórroga obrigada dos arrendamentos co fin de alongar a súa duración e conter os incrementos das rendas. Coa desamortización, a propiedade de moitas terras (a maioría pertencentes á Igrexa), mesmo antes de man común, caeu en mans de propietarios máis esixentes, trocándose o campesiño en arrendatario do que antes podía aproveitar comunitariamente, e véndose obrigado a pagar un canon proporcionalmente maior por cada unidade de superficie en arrendamento. A comezos do século XX os contratos de arrendamento eran case todos verbais, transmitíndose os seus dereitos de pais a fillos polo que se sucedía o cultivo das mesmas terras xeracións enteiras. A renda estipulábase en especie, constituíndo un número determinado de ferrados de centeo ou trigo que se pagaba no domicilio do arrendador na época de recollida da colleita. Nos últimos anos, a evolución do costume arrendatario en Galicia vén dada fundamentalmente pola forma que adopta a renda, que pasa de fixarse en especie a ser hoxe norma xeral estipulala en diñeiro, aínda que seguen a existir zonas determinadas nas que prevalece o pago en especie. Isto explícase por dous factores determinantes: unha evolución paralela do tráfico mercantil cara ás formas monetarias e a despoboación de zonas rurais que motiva que os arrendadores non teñan interese por obter contraprestacións agrícolas.

Palabras veciñas

arrendable | arrendado -da | arrendador -ra | arrendamento | 1 arrendar | 2 arrendar | arrendatario -ria