artesanía

artesanía

(< artesán)

  1. s f

    Técnica de produción de obras decorativas ou con pretensións artísticas feitas á man e con repetición de pezas. Diversos oficios manuais deron lugar a formas de artesanía; así, a cerámica, a forxa do ferro, o traballo do arame, a vidrería (cristal soprado), a ebanistería (madeira tallada), etc. Actualmente sofre unha deformación en beneficio dos fabricantes de obxectos turísticos.

  2. s f

    Obra realizada de xeito manual, sen emprego de procesos industriais.

    Ex: En Camariñas faise artesanía do encaixe.

  3. s f [ETN]

    Conxunto de actividades desenvolvidas mediante un traballo manual, aplicando ferramentas sinxelas e tecnoloxía básica. A diferencia da fabricación industrial, caracterízase pola elaboración de produtos individualizados e pola propia organización da empresa. O traballo artesán elabórase dentro de empresas de pequenas dimensións, de carácter familiar ou cooperativo, onde non existe unha especialización de funcións e o artesán realiza todas as tarefas. A comercialización soe ser realizada de forma directa polo propio artesán, sen a intervención de intermediarios. As técnicas de márketing fixéronse necesarias para a promoción destes produtos, caracterizados, fronte aos de elaboración industrial, como obxectos exclusivos e de calidade. A artesanía viuse reducida a unha pequena cantidade de oficios, algúns deles herdeiros directos da vida tradicional e da súa organización, como a olería, o tecido, a cantería ou a carpintería. Os seus traballos perderon o carácter funcional e pasaron a ser elementos con simple función decorativa. Dentro deste grupo inclúense antigos oficios como o de acibecheiro e ourive, artesáns que seguen a manter o seu estilo de traballo e unha organización profesional moi semellante á tradicional. Nun segundo grupo inclúense actividades tradicionais adaptadas ao estilo de vida actual. Orixinariamente tiñan carácter privado e foron desenvolvéndose ao mesmo tempo que ía medrando o proceso urbanizador: panadeiros, pasteleiros, carniceiros, etc. Un terceiro grupo está formado polas actividades de carácter artesanal xurdidas como resultado das necesidades xeradas polas actividades industriais: mecánicos do automóbil, electricistas, fontaneiros, reparadores de electrodomésticos, pintores, escaiolistas, torneiros ou encofradores. Pódese considerar que a artesanía naceu co propio home. Calquera comunidade humana necesita dominar certas habilidades e materiais para vestirse, transportar obxectos ou construír vivendas. As técnicas artesanais evolucionaron a medida que estas necesidades foron aumentando. Os primeiros traballos realizáronse en madeira, coiro ou pedra cando aínda o home era nómada. No Neolítico, a sedentarización, o cultivo das plantas e a domesticación de animais deu lugar á especialización do traballo e á aparición dos primeiros artesáns. Xurdiron a cerámica e os tecidos. O dominio dos metais supuxo un cambio fundamental que afectou de forma decisiva ao modo de vida. Primeiro traballouse o cobre, posteriormente mesturáronse o cobre e o estaño para obter o bronce, e finalmente o ferro. Este traballo deu lugar á aparición de especialistas na obtención da materia prima, elaboración das aliaxes e traballo do metal. Os ferreiros constituíronse en membros básicos de calquera comunidade, encargados de fabricar apeiros de labranza, armas e ferramentas para outros oficios. O dominio das técnicas de fundición e aliaxe deu lugar ao traballo dos ourives, ligado nun principio ao de ferreiro. Na sociedade castrexa, a finais da Idade dos Metais, existiron artesáns especializados e experimentados no traballo da pedra. Dominaban as técnicas de edificación con cachotes, transmitida ao longo do tempo nas construcións tradicionais. O tempo fixo que foran variando a forma das edificacións pero a tecnoloxía aplicada na súa construción é a mesma ca a destes canteiros. No mundo romano a especialización do traballo provocou a aparición de novos oficios. Os intercambios comerciais entre as distintas partes do Imperio supuxeron un gran pulo para os traballos artesanais. A olería acadou un desenvolvemento tan importante que non foi superado en medios, tecnoloxía e variedade tipolóxica ata os nosos días. Xurdiu por primeira vez en Galicia unha produción manufactureira en serie; traballábase tanto o liño como a la, aumentaban os traballos de ferrería e cantería e melloraban a súa tecnoloxía. Outras actividades artesanais que destacaron neste período foron os traballos en coiro, madeira ou vidro, ademais doutros traballos case desaparecidos como os mosaicos ou os estucos. Na Idade Media perviviron boa parte das actividades artesanais da época romana e apareceron outras. A comezos deste período produciuse unha profunda crise dos oficios artesáns, que se foron recuperando paulatinamente. A artesanía máis representativa deste período foi a ourivería, da que os visigodos foron uns experimentados traballadores tanto en obxectos de decoración persoal como de carácter litúrxico. Do século XII consérvanse interesantes traballos de cantería nas igrexas románicas e traballos en ferro forxado como as reixas da Catedral de Lugo. A importancia de Compostela deu lugar nesta época á aparición do oficio de acibecheiro. A Idade Media foi a época da organización artesanal, cando aparecen os gremios dos diferentes oficios. Durante a Idade Moderna mantivéronse e melloráronse as actividades artesanais. No ámbito da arte barroca realizáronse importantes traballos de cantería, pratería, ebanistería, esmaltado e ourivería, presentes tanto en edificios relixiosos como civís. A demanda campesiña e a promoción do estado fixo xurdir proxectos de carácter protoindustrial por todo o territorio galego. Dende o século XIX, o avance da industrialización e chegada dos produtos manufacturados foi relegando os produtos artesanais en maior ou menor medida. Algúns deste oficios víronse obrigados á desaparición e outros sufriron importantes cambios para adaptarse ás novas necesidades. Ata a década de 1950 mantivéronse distintos oficios artesáns ao longo do territorio galego. A partir dese momento só se mantiveron algunhas actividades, como a olería de Buño, Bonxe, Gundibós ou Niñodaguia; a ferrería de Ferreiravella (Riotorto) e os encaixes de Camariñas. A importancia que tiveron as diferentes actividades artesanais en Galicia quedou reflectida na toponimia de vilas ou parroquias como Ferreiros, Ferrería ou Ferradura, vencellados á metalurxia do ferro; Liñares, Liñarán, Poza do Liño, Batán ou Folón, relacionados coas tecedeiras; Pelamios, lugares onde se curtían peles; Oleiros, relacionado coa olería, etc.

Palabras veciñas

artesán -sá | artesanado | artesanal | artesanía | artesiano -na | Artesiña, A | artesoado -da