artillería

artillería

(

  1. [BÉL]
    1. s f

      Conxunto de canóns, morteiros, obuses, etc, dos que dispón o exército, unha praza, un navío, etc, xunto coas municións e o material accesorio correspondente. A súa misión fundamental consiste en debilitar ou aniquilar o potencial defensivo e ofensivo do exército inimigo e axudar nos ataques do propio. A artillería foi unha das grandes revolucións técnicas dos ss XV e XVI. A partir de mediados do s XV perfeccionouse enormemente tanto o sistema de apuntar como a pólvora, e os proxectís de pedra foron substituídos por balas de metal. A mediados do s XVI conseguíase, probablemente en Inglaterra, a composición ideal do bronce de artillería (91% de cobre e 9% de estaño), mentres que paralelamente se desenvolvía unha artillería de ferro, máis económica. Ao mesmo tempo tivo lugar a transformación das armas portátiles: os primeiros “canóns de man” parece que foron utilizados en Perusa e Augsburgo en 1381. O arcabuz apareceu no campo de batalla por primeira vez en 1544. Nicolò Tartaglia, cara ao 1537, publicou os primeiros tratados de tiro, co que a acción da artillería comezou a ser planificada cientificamente. A teoría das fortificacións tivo que ser modificada en profundidade: as murallas foron rebaixadas e os baluartes, onde estaba a artillería máis pesada, convertéronse no principal elemento defensivo. Sucesivos perfeccionamentos levaron á substitución da bala maciza pola granada. Na primeira metade do s XIX foron adoptadas as granadas con espoleta de tempo e frición, e comezouse a facer a carga pola culata (carga posterior). O raiado dos canóns foi un avance decisivo que permitiu unha gran precisión. A pólvora sen fume, as aliaxes de alta resistencia e as culatas herméticas, xunto cos sistemas de mira altamente perfeccionados, permitiron chegar á artillería superpesada da Primeira Guerra Mundial. Aparentemente, a artillería autopropulsada, os lanzafoguetes, os canóns de asalto e, especialmente, o mísil representaron importantes avances. A innovación máis transcendental experimentada pola artillería de campaña foi o proxectil de carga nuclear. Tamén se desenvolveron os proxectís de precisión guiados por láser, que son capaces de modificar a súa traxectoria balística para facer branco nun obxectivo móbil, ou os proxectís que espallan polo aire decenas de pequenas cargas (submunicións) autodirixidas contra os tanques. Paralelamente á evolución da artillería terrestre desenvolveuse a artillería naval a partir do s XV. Os primeiros canóns navais foron as bombardas; despois adaptáronse os canóns, pero a arma máis importante seguía sendo o esporón do barco. Na Batalla de Lepanto (1571) a artillería xogou, por primeira vez, un papel importante dentro da táctica naval. Os galeóns, a diferenza das galeras, levaban os canóns aliñados nas bandas, e esta estrutura, no transcurso do s XVII, deu lugar, polo aumento progresivo da artillería e do número de cubertas para instalala, a un novo tipo de barco: o navío. No ano 1774 foi construída en Escocia a carronada, un canón de tiro máis preciso. Ata finais do s XVIII os proxectís foron macizos e esféricos e en xeral predominaban as balas destinadas a desarborar os barcos, pero coa aparición, no mesmo século, da granada, dirixiuse o fogo contra o buque. A finais do s XIX impúxose a artillería de carga posterior. A montaxe das pezas cambiou totalmente ao inventarse a torre, montada por primeira vez no acoirazado norteamericano Monitor. Nos buques de guerra modernos cada torre dispón dunha montaxe de pezas dobre, tripla ou cuádrupla e unha dirección de tiro, que constitúe un conxunto cerrado con protección propia. A partir da Segunda Guerra Mundial o foguete e o mísil reveláronse como armas importantes, e fixeron entrar a artillería naval nunha nova fase.

    2. artillería antiaérea

      Artillería encargada de abater os avións inimigos e de obstaculizar as súas incursións. Soe estar composta de armas lixeiras, de tiro moi rápido e capaces de apuntar automaticamente por radar. Polo xeral utiliza proxectís de explosión por proximidade. Actualmente, e para alturas superiores aos 2.000 m, utilízanse só mísiles terra-aire.

    3. artillería de campaña

      Artillería encargada de cubrir e dar apoio ás tropas en campaña.

    4. artillería pesada

      Artillería dotada de armas de gran calibre (máis de 100 mm).

  2. s f [BÉL]

    Corpo do exército de terra destinado a misións ofensivas, de apoio con fogo a accións da infantería e de defensa antiaérea e das costas. A artillería non foi constituída como arma ou corpo con personalidade propia ata o s XVII, coa fundación en Francia, por parte de Luís XIV, do primeiro corpo especializado (1671).

  3. s f [HIST/BÉL]

    Descoñécese con certeza cándo principiou o emprego en Galicia de pezas de artillería. Pedro Madruga, conde de Camiña, apoderouse no 1475 de catro pezas de artillería dunha nave xenovesa, pero tirounas ao mar por orde do arcebispo de Santiago, Alonso de Fonseca. A primeira noticia sobre o establecemento e uso de artillería data do 1525, cando o Gobernador do Reino de Galicia ordea que A Coruña teña preparada a súa artillería; esta cidade contaba cunha fundición de artillería que non pertencía ao goberno central. A partir do s XVI o resto das cidades costeiras galegas preparan as súas defensas con artillería. No Reino de Galicia a artillería depende dos concellos das cidades, principalmente as sitas no litoral e na zona fronteiriza. Os “monxes artilleiros” do mosteiro de Oia destacaron pola súa puntería nos inicios do s XVII. No mesmo século construíuse en Pontevedra unha mestría. No s XVIII os Borbóns reorganizaron as forzas armadas. En 1707 creouse na Coruña a Compañía de Artilleiros de Galicia con sendos destacamentos en Vigo e Baiona. No 1756 Galicia contaba co Arsenal de Artillería da Coruña e coa Escola de Artillería en Ferrol e Santiago. Cando principiou a Guerra da Independencia contra o exército francés de Napoleón (1808), contábase cunha compañía fixa de gornición en Vigo, con 113 artilleiros, ademais do 4º Rexemento de Artillería da Coruña, que tiña 1.043 artilleiros. No 1810, en plena guerra, organízase en Cádiz unha compañía de artilleiros voluntarios naturais de Galicia. Trala reorganización de 1823, A Coruña continúa como cabeceira do departamento con comandancias e parques de praza na propia cidade, en Vigo e en Ferrol, e a fábrica de municións de ferro coado en Sargadelos.

Palabras veciñas

artillado -da | artillar | artilleiro -ra | artillería | artimaña | artimañar | artimañeiro -ra