Artois

Artois

Antiga provincia do N de Francia que corresponde, en gran parte, ao departamento de Pas-de-Calais. A capital era Arras. O territorio da Civitas Atrebatensis formou parte durante a Alta Idade Media do Condado de Flandres. Filipe II Augusto de Francia adquiriuna no ano 1191. Por sucesión feminina pasou aos duques de Borgoña (1405), que dominaron o territorio durante máis de dous séculos. O acceso da Casa de Habsburgo á titularidade destes dominios deu lugar á incorporación total de Artois ao Sacro Imperio como parte do conglomerado dinástico e territorial dos Países Baixos, e por conseguinte, dende Carlos I á monarquía hispánica. A política expansionista da monarquía francesa conseguiu a incorporación de Artois pola Paz dos Pireneos (1659), agás Saint-Omer e Aire, que foron incorporados máis tarde pola Paz de Nimega (1678).