Arxentina
Estado de América do Sur, situado ao S do trópico de Capricornio e ao L da cordilleira dos Andes; limita con Bolivia ao N, con Paraguai ao NL, co Brasil, Uruguai e o Océano Atlántico ao L e con Chile ao O (2.780.092 Km2; 39.709.000 h [2008]). A capital é Bos Aires.
Xeografía
Xeografía física
Hai que destacar dúas fachadas ben definidas: ao L, os vales do Uruguai e do Paraná, que conflúen no Río da Prata, e a longa costa atlántica; ao O, a cordilleira dos Andes. Dentro deste marco quedan incluídos materiais xeolóxicos moi diversos: formacións terciarias postoroxénicas; materiais cuaternarios nos vales; o sistema dos Andes, cunha franxa exterior de materiais paleozoicos e, na franxa interior ou axial, formacións primarias e secundarias fortemente pregadas xunto a materiais eruptivos, especialmente andesitas; e, finalmente, ao S, o macizo paleozoico da Patagonia, afectado por diversas superficies de erosión. Nos Andes arxentinos aparecen as máximas altitudes do país: o Aconcagua (6.959 m) e o Bonete (6.872 m). A situación meridional motiva que unha grande extensión presente un clima extratropical. Nas terras setentrionais o clima presenta unhas características propiamente tropicais, cunha estación seca e outra chuviosa. O clima é morno na Pampa, sen parecer un verdadeiro inverno, sendo máis chuviosa a banda oriental ca a central e ca a occidental. A chamada diagonal árida de América do Sur penetra polo ángulo NO, afecta os Andes arxentinos setentrionais (chamados por esta razón Andes áridos), continúa polas vertentes orientais andinas e, finalmente, chega a boa parte da Patagonia. O clima é xa temperado-frío na Patagonia, coa existencia dun verdadeiro inverno, e frío na Terra do Fogo. Os Andes centrais e meridionais modifican profundamente as condicións do clima; na vertente arxentina é frecuente un vento tipo föhn (chamado zonda en La Rioja-San Juan). Acúsase a importancia das frontes costeiras (4.100 Km, a partir da punta Norte do cabo Santo Antonio) e o gran desenvolvemento dunha rede fluvial, a do Río da Prata. Ao O dos Andes as formacións poden dividirse en dúas zonas claramente distintas. Ao N, as altas montañas e os vales interiores dos Andes son ocupados pola puna, de gramíneas xerófilas, mentres que na base destas montañas se atopan matogueiras montañosas. Só na rexión de Tucumán e Salta aparece un bosque subtropical con árbores do tipo laurifolio. Este bosque aclárase sobre os 1.200 m e substitúese por outro caducifolio con predominio de amieiros, xunto a un sotobosque rico en fentos e bambús, que ocupan os 2.000 m. No sector meridional dos Andes, a partir do paralelo 38, os pisos superiores da cordilleira están ocupados por bosques de araucarias nas rexións setentrionais, por diversas especies de caducifolias como a faia austral, e por coníferas como os Libocedrus e os Fitzroya; máis ao S finaliza a Terra do Fogo. A zona central da Arxentina distínguese polas formacións abertas máis ou menos xerófilas do Chaco, de matogueiras, estepas e subdesertos patagónicos. Finalmente, a banda L da Arxentina, a máis favorecida polas chuvias, comprende as selvas chuviosas subtropicais do NL, os bosques abertos, as sabanas da Mesopotamia arxentina e as grandes extensións onde dominan as gramíneas da Pampa. A fauna característica dos Andes está composta por camélidos sudamericanos como a llama, a vicuña e o guanaco, o cóndor, o oso dos Andes e algúns roedores como a chinchilla. Ao NL a fauna arxentina é a prolongación da brasileira. Non obstante , a fauna que máis caracteriza a Arxentina é a da Pampa, a da Patagonia co ñandú, o cervo das pampas, a vizcacha e a lebre das pampas. Ao N das chairas centrais da Arxentina mestúranse as tres faunas. Finalmente, cómpre salientar a fauna da Terra do Fogo, moi semellante á da Antártida. Entre as áreas protexidas -que ocupan o 1,57% do territorio nacional-, as de maior importancia son o Parque Nacional de Iguazú, o Parque Nacional do río Pilcomayo ou o Parque Nacional do Chaco.
Xeografía económica
A Arxentina é basicamente un país agrícola e gandeiro, relativamente industrializado, e cuns recursos minerais de escasa importancia, exceptuando o petróleo. A política oficial de apoio á agricultura determinou unha certa extensión e diversificación desta, o que fixo aumentar a produción frutícola e oleaxinosa. A actividade cerealística destaca nas provincias de Bos Aires (trigo e millo), Santa Fe e Córdoba (millo). O liño e o xirasol cultívanse, fundamentalmente, nas concas do NL; o algodón, sobre todo no Chaco; o tabaco, o té e outros cultivos subtropicais e tropicais nas provincias do N (Corrientes, Misiones, Salta e Jujuy); a cana de azucre, na provincia de Tucumán; nos sectores occidentais semiáridos, con regadío, teñen importancia as vides e as árbores froiteiras (maceiras, pexegueiros e pereiras). Respecto ás industrias derivadas da agricultura, sobresaen as de elaboración do azucre, viño (Mendoza) e fariña (a Pampa). A gandería, que evolucionou dende finais do s XIX, ten moita importancia na economía arxentina debido ao aproveitamento do gando bovino para a produción de carne e de produtos derivados. As provincias gandeiras máis importantes son a Pampa, na que destaca a cabana bovina e equina, e a Patagonia, onde cobra máis relevancia a ovina e a caprina. O gando bovino da Arxentina ocupa o sexto lugar mundial e o ovino, o décimo. Dende que se aplicou o método Liebig para a conservación da carne, esta e a la constitúen a base das exportacións arxentinas. A partir da ampliación da zona económica exclusiva ás 200 millas actuais, a Arxentina mellorou en termos absolutos a súa posición no sector Atlántico Sur-Occidental, que lle permitiu un incremento da súa produción. A Arxentina ocupa no 1995 o vixésimo segundo posto mundial en canto a produción (1.148.761 t, que supoñen o 1,02% do total mundial). As principais capturas son a pescada, as luras e os moluscos. A explotación dos seus recursos pesqueiros está en mans de sociedades mixtas, orientadas sobre todo á produción de peixe conxelado, conservas e preparados de peixe, crustáceos e moluscos. A Arxentina é un exportador neto: en 1995 exportou 592.508 t (décimo cuarto posto mundial) por un valor de 917.580 $ USA (décimo oitavo posto mundial). A relación comercial con Galicia en materia pesqueira é favorable para Arxentina: en 1995 as exportacións galegas á Arxentina estiveron valoradas en 538.200.000 pesetas (3.234.647,1458 ¤); sen embargo, as importacións arxentinas a Galicia foron de 23.424.400.000 pesetas (140.783.479,38 ¤). A Arxentina é case autosuficiente no sector enerxético. Dentro da minería destaca a produción petrolífera, en continuo crecemento dende 1980 grazas á explotación do depósito de Comodoro Rivadavia, que representa un terzo da produción; así mesmo, ten unha importancia crecente a produción de gas natural. Outros recursos minerais importantes que se extraen das terras arxentinas son o carbón (río Turbio), o ferro (Zapla en Jujuy e Sierra Grande en Río Negro), o uranio (Sierra Pintada), a prata e o ouro. A industria arxentina é unha das máis diversificadas de América Latina. A principal actividade industrial é a alimentaria: azucre, viño, fariñas, aceites, lácteos, carne (exportada en latas) e conservas, pastas de sopa e cervexa. A industria química acadou un crecemento considerable, se ben destaca a petroquímica, que se desenvolveu a partir de 1980 con máis dunha vintena de refinerías; tamén cómpre mencionar a produción de fibras artificiais e sintéticas e a de pasta de papel. No sector siderúrxico e metalúrxico son importantes as acerías, as implantacións para a produción do chumbo, zinc e aluminio. Os principais centros da industria mecánica están en Córdoba (avións, tractores e vehículos), Junín (material ferroviario), Escobar (material para a industria petrolífera), Bos Aires (maquinaria industrial) e San Fernando (estaleiros). Paralelamente á industria automobilística, aumentou a industria do caucho sintético. Así mesmo, son importantes as industrias do cemento, a téxtil e a madeireira.
Comunicacións
Bos Aires é o centro da rede de estradas arxentina. Deseñada para unir a capital con Rosario, Córdoba, Mendoza, Tucumán e Mar da Prata, a maior densidade de estradas concéntrase na provincia de Bos Aires; así mesmo, a estrada Panamericana conecta Bos Aires con Chile, Bolivia, Paraguai e O Brasil. O número de automóbiles en circulación é superior ao doutros estados latinoamericanos, agás O Brasil. Os ferrocarrís foron nacionalizados en 1948, cando se creou a Compañía de Ferrocarriles Argentinos, e reprivatizados polo goberno de Menem en 1991. A rede ferroviaria, a máis completa de América do Sur, foi concibida para o transporte de produtos agrícolas cara aos principais portos e é especialmente densa na Pampa e no centro do país. A mariña mercante é a terceira de América do Sur, tanto pola rede fluvial, que remonta o río Paraná con barcos de gran calado, como pola trasatlántica. O porto máis importante é o de Bos Aires, aínda que tamén cómpre salientar os de Bahía Blanca, Rosario, Santa Fe, San Nicolás, Plata e Quenquén. As liñas aéreas tamén foron obxecto de privatizacións na década dos noventa; así, Aerolíneas Argentinas, a principal compañía arxentina, pasou a mans de Iberia en 1991 e Austral Líneas en 1987. Así mesmo, dende 1998 a sociedade italiana Sea explota o sistema nacional de aeroportos debido a unha concesión por trinta anos do goberno de Menem. O aeroporto internacional de máis tránsito é o de Ezeiza-Bos Aires.
Conxuntura económica
Arxentina basea o seu comercio exterior na exportación de produtos agrícolas e gandeiros, que representan case a metade das exportacións, e na importación de equipamento industrial e produtos semielaborados, que constitúen case a totalidade das importacións. Os EE UU, O Brasil, Italia, Alemaña, Francia, España, Xapón, Chile, Uruguai e Países Baixos son os principais provedores. As principais exportacións son os aceites de soia e xirasol (primeiro exportador mundial) e millo (segundo exportador mundial); por volume de negocio, cómpre salientar a maquinaria e os vehículos, o petróleo e os seus derivados, os cereais, os produtos químicos e a carne. O Brasil, EE UU, Chile e os Países Baixos son os principais compradores. O sector turístico, favorecido polos grandes atractivos naturais dos Andes, a Pampa, as praias do litoral atlántico, a fervenza do Iguazú, a Terra do Fogo e a Patagonia, é unha importante fonte de divisas. A consolidación económica do país iniciouse na Segunda Guerra Mundial; as exportacións agrícolas e gandeiras, xunto á incipiente industrialización, permitiron a acumulación de divisas. Non obstante , o freo das exportacións tralo remate da guerra paralizou a actividade económica do país ata o relanzamento promovido pola política industrial de Perón. O intento do ditador por crear unha burguesía industrial nacionalista fracasou debido, sobre todo, ao poder que posuían a oligarquía agraria e as compañías internacionais. Durante os anos da ditadura militar, a Arxentina sufriu un estancamento económico que comezou a superar en 1984, co aumento dos investimentos privados estranxeiros, maioritariamente norteamericanos, na industria e nos servicios. Non obstante , este inicio de crecemento foi acompañado de grandes aumentos de prezos (hiperinflación da época de Alfonsín) e de déficits na balanza de pagamentos. Os anos oitenta ou década perdida foron especialmente críticos: os sectores cerealístico e cárnico víronse moi afectados pola forte competencia da produción subvencionada doutros países; así mesmo, a enorme débeda externa e a falta de materias primas afectaron á industria. Debido a esta situación económica no ano 1988 a Arxentina deixou de pagar os xuros da súa importante débeda externa, feito que provocou o cesamento das axudas do Banco Mundial. En 1989, sen embargo, o Banco Mundial recoñeceu os éxitos da política económica do goberno de Menem e, aprobando o plan de privatizacións proposto, renovou os créditos. A hiperinflación arxentina (3.089% en 1989) diminuíu drasticamente, como consecuencia desa nova política, ata o 3,4% en 1995. Así mesmo, a década Menem (1989-1999) estivo marcada pola convertibilidade do peso arxentino que, atado ao dólar e ao aliñamento cos EE UU, tivo unha proxección monetaria inmediata: a diminución do déficit público e o aumento das reservas (7.400 millóns de dólares en 1991 fronte a 30.400 millóns en 1998); a privatización de todos os recursos económicos da nación e o aumento das exportacións e os investimentos estranxeiros. Arxentina, xunto co Brasil, Paraguai e Uruguai, instituíron o Mercosur en 1991, que entrou en vigor en 1995, co obxectivo de fomentar a integración económica para acelerar os procesos de desenvolvemento económico con xustiza social. Logo da reelección de Menem (1995), o goberno propuxo un novo plan de axuste estrutural que provocou unha violenta oposición dos sectores populares coas conseguintes revoltas nalgunhas cidades do interior (Córdoba, San Juan, Río Negro). En 1996 continuaron as medidas de austeridade, que incluían aumentos de impostos e de taxas e a reforma da lexislación laboral coa finalidade de flexibilizar o mercado laboral. No período 1997-1998 a economía arxentina resentiuse polos efectos da crise asiática. A Bolsa de Bos Aires, que capitaliza o 0,2% do total mundial, acusou unha perda inxente e moitas industrias diminuíron no 14,5% a súa produción. A competitividade do país (medido polo IMD de Lausana) baixou levemente, pasando do vixésimo oitavo (1997) ao trixésimo primeiro (1998) posto mundial. Estimacións do Fondo Monetario Internacional indican que en 1998 os fluxos de capital estranxeiro diminuíron un 55%, proceso que proseguiu en 1999. Así mesmo, a previsión de retroceso do 3% do PNB en 1999 fai pensar nunha mellora no ano 2000 (1,5% de crecemento do PNB). Esta situación económica, que tamén padece O Brasil e outros países do contorno arxentino, agreou as relacións comerciais entre os países do Mercosur provocando unha crise de confianza no proceso de integración económica.
Xeografía humana
País moi pouco poboado de indíxenas no momento do descubrimento, a finais do s XVIII e comezos do XIX, a poboación do actual territorio arxentino era moi reducida; cara ao 1850 era aproximadamente dun millón de habitantes. Non recibiu inmigracións importantes ata pasado o 1860. Sobre o 1870 comezou unha forte inmigración -case 17 millóns de persoas nun século-, a maioría italianos e españois. En 1895 había na Arxentina 80.352 españois, dos que o 55% eran galegos. O destino principal destes inmigrantes foi a capital: Bos Aires pasou de 663.854 h en 1895 a 2.415.142 h en 1936. A poboación medrou moito, particularmente nos catro quinquenios anteriores á Primeira Guerra Mundial. En conxunto, entre 1870 e 1940 emigraron á Arxentina dous millóns de españois. Despois da Segunda Guerra Mundial medrou aínda ata finais de 1956. Cunha natalidade do 20,7% (1988), unha mortalidade infantil do 25,7%, o crecemento anual da poboación é do 11,5% (1985-1990). O índice de poboación urbana (86,2% en 1990) é un dos máis elevados do mundo. A poboación concentrouse fortemente na fachada fluvial do Paraná e do Río da Prata, onde o Gran Bos Aires agrupa a 12.582.321 h (1991). A maioría da poboación é descendente de europeos (85%); sen embargo, ao N, a metade da poboación (2% do conxunto do país) é mestiza. Así mesmo, existen comunidades indíxenas con pouca mestizaxe nas terras altas do noroeste, no Chaco, no extremo meridional da Patagonia e en Misiones. Actualmente, o grupo de inmigrantes maioritario é o procedente de Siria e o Líbano. A lingua oficial é o español, aínda que se falan idiomas indíxenas como o quechua, o guaicurú ou o tehuelce. A gran maioría da poboación é cristiá: 91% católica e 2% protestante; así mesmo, existen importantes núcleos de xudeus e musulmáns. Moitas sectas e confesións están prohibidas por ser “lesivas á orde pública”. É obrigatoria a educación primaria (6-14 anos) e gratuíta ata o nivel universitario. Hai vinte e nove universidades estatais, entre elas a de Córdoba, a máis antiga do país, fundada polos xesuítas no ano 1613 e máis tarde nacionalizada, e 23 universidades privadas. O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1995 situaba a Arxentina entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o trixésimo sexto posto cun índice do 0,884). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 72,6 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 96,2% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 79%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 8.030 $ USA.
Goberno e sociedade
A raíz da Batalla de Monte Caseros (1852), que significou a derrota de Juan Manuel de Rosas, reuniuse o Congreso de Santa Fe (1853). Este congreso promulgou a primeira constitución federalista, de espírito liberal e progresista, que ata 1861 non entrou en vigor en todo o territorio. Esta constitución significou o triunfo da burguesía comercial sobre os intereses dos gandeiros e salgadeiros. Malia que o promotor foi o xeneral Urquiza, as ideas xurídicas tomáronse dos homes da Asociación de Mayo e, sobre todo, de Juan Bautista Alberdi, quen expuxera o seu pensamento no libro Bases y puntos de partida para la organización política de la República Argentina. A forma de goberno que establece a constitución é representativa, republicana e federal. Aínda que foi emendada en diferentes ocasións, a Constitución de 1853 mantívose en vixencia ata 1994, se ben a ditadura militar (1976-1983) limitou amplamente o seu alcance. A Constitución do 24.8.1994, que reduciu de 6 a 4 anos o mandato do Presidente da República -elixido por sufraxio directo e reelixible por un segundo mandato-, establecía que o Presidente da República é tamén o Presidente do goberno; exerce o poder executivo co Consello de Ministros designado por el e é comandante en xefe das forzas armadas. O poder lexislativo exérceo o Parlamento, formado por dúas cámaras: o Senado e a Cámara de Deputados. A Cámara dos Deputados está formada por 257 membros, elixidos por sufraxio universal para catro anos; a metade da cámara renóvase cada dous anos. O Senado está composto por 72 membros, elixidos polos gobernadores provinciais por un período de nove anos; unha terceira parte dos escanos renóvanse cada tres anos. O ordenamento xurídico baséase no sistema continental europeo, pero está influído polo norteamericano. O órgano máximo do poder xudicial é a Corte Suprema. Está prevista a pena de morte para algúns delitos cometidos en tempo de guerra. En marzo de 1998 o Parlamento derrogou a lei (aprobada definitivamente en 1983) que previña a amnistía para os militares culpables de delitos durante a ditadura. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención contra a Tortura e outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanas ou Degradantes; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Convención Americana sobre Dereitos Humanos (1969); Convención Interamericana para Previr e Sancionar a Tortura (1985) e Convención Interamericana sobre Desaparición Forzada de Persoas (1994). Os partidos políticos máis importantes son: Unión Cívica Radical (UCR), creada no 1890 e de ideoloxía centrorreformista; o Partido Justicialista (PJ), fundado en 1946 e de ideoloxía peronista; e o Frente por un País Solidario (FREPASO), fundado en 1995 por disidentes peronistas, democristiáns e socialistas e de centroesquerda. O sindicato máis influente é a Confederación General del Trabajo (CGT), peronista. A estrutura federal do Estado establece que cada provincia dispoña de órganos de goberno, lexislativos e xudiciais de seu. A Arxentina reivindica a posesión das illas Malvinas, territorio en poder do Reino Unido. Forma parte destes organismos internacionais: Mercosur, Organización de Estados Americanos (OEA) e ONU.
Historia
Os territorios comprendidos dentro da actual República Arxentina presentan, dende o punto de vista histórico, o problema da súa identificación coas diversas identidades xeográficas e políticas que se sucederon dentro da área. As terras que estiveron poboadas na época precolombina por pobos amerindios foron o escenario dun proceso de estruturación demográfica e política que levou, cara a finais do primeiro terzo do s XIX, á configuración xeral da Arxentina actual e, pouco despois, á constitución do moderno estado. Este proceso de integración operado dentro de determinados límites xeográficos, foino tamén de afastamento centrífugo dos territorios máis heteroxéneos e marxinais do antigo vicerreinado do Río da Prata (Paraguai, Bolivia) e dos máis afíns ao núcleo nacional arxentino que, por razóns políticas internacionais, se converteu nun estado independente: o Uruguai. A historia da emancipación arxentina constitúe, pois, o desenvolvemento progresivo dunha entidade política a partir dun núcleo definido por unhas características sociais e xeográficas determinadas, fronte á maioría dos estados hispanoamericanos, que se desenvolveron trala independización en bloque dunha circunscrición administrativa colonial máis ou menos homoxénea.
A Arxentina precolombina
O Imperio dos incas chegaba ao N da Arxentina, pois a súa fronteira sur estaba en Tucumán. No resto do territorio arxentino non houbo ningunha outra comunidade que chegase a acadar ese grao de desenvolvemento. Habitaban o país diversas tribos: diaguitas e calchaquíes nos vales do N; tupís e guaranís no Chaco; abipóns, puelches e pampas -belicosos, nómadas e cazadores- no centro do actual territorio arxentino; os araucanos -cazadores e pescadores- nos Andes; iagáns e onas na Terra do Fogo e os tehuelches (ou patagóns) nas pampas patagónicas.
Descuberta, conquista e colonización. As “expedicións de familias galegas” á Arxentina
No 1516 foi descuberta por Juan Díaz de Solís a desembocadura do Río da Prata. No 1526-1527, Sebastián Caboto e Diego García navegaron Paraná arriba. No ano 1536, Pedro de Mendoza fundou Bos Aires, pero o pequeno establecemento tivo que ser abandonado no 1541 pola presión dos indíxenas. A poboación trasladouse a Asunción, que foi durante moitos anos o centro da penetración castelá na área dos ríos Uruguai, Paraná e Paraguai. Desde Asunción, Juan de Garay fundou de novo Bos Aires no 1580. Desde Perú e Chile foron colonizadas as terras do interior, Tucumán e Cuyo. No 1620 a rexión foi organizada como capitanía xeral; separouse no 1776 do vicerreinado do Perú converténdose en vicerreinado de Bos Aires ou do Río da Prata, ao que se agregou o Alto Perú (Bolivia). Dende o ano 1725 organizáronse expedicións de colonizadores para poboar o Río da Prata, que estaba a ser obxecto de numerosos ataques, tanto dos portugueses como dos corsarios franceses e ingleses. A primeira expedición organizada, regulada pola Real Cédula do 16 de abril de 1725, establecía a chegada a Bos Aires de cincuenta familias, 25 galegas e 25 canarias, para poboar os sitios de Maldonado e Montevideo. Así mesmo, a Real Orde do 22 de xuño de 1778, dirixida polo ministro de Mariña José de Galvez ao intendente de Galicia Jorge Astruadi, promovía o poboamento da Patagonia por familias galegas que “estivesen ben instruídas en todas as tarefas agrícolas e doutro tipo que correspondan ao mellor ensino de cousas domésticas”. Juan de la Piedra foi o organizador desta Expedición das Familias dende 1778 ata 1784. A conquista de novos territorios proseguiu no último terzo do s XVIII, cando os mariños galegos participaron nas expedicións dende o Río da Prata: Francisco Gil y Lemos tomou posesión oficial das illas Malvinas, gobernándoas entre 1774 e 1779, e Bernardo Tarofo participou na expedición de Antonio Viedma para o recoñecemento da costa do sur arxentino en 1780.
A sociedade colonial
As rexións pratenses e centrais do vicerreinado carecían do esplendor social e cultural propio doutros reinos das Indias. A ausencia de metais preciosos e de colleitas exportables, xunto coa escaseza de man de obra indíxena, afastaron durante moito tempo o dinamismo económico da zona. Esta economía baseábase no litoral, e en Bos Aires nunha gandería primitiva, en gran parte predatoria. Cara á fin do s XVIII a exportación de carnes salgadas ou secas permitiu desenvolver unha pequena actividade industrial. As comarcas do interior practicaban a cría de ovellas e cabras e unha agricultura máis desenvolvida. En 1778, o Regulamento do Libre Comercio abriu a porta de Bos Aires ao tráfico directo cunha vintena de portos peninsulares, feito que iniciou a brillante carreira da cidade como centro comercial, institucionalizada no monopolio aduaneiro e fundamento da formación dunha burguesía mercantil de procedencia heteroxénea, erixida en importante grupo de presión por medio do Consulado do Comercio. Esta clase, que adquirira características oligárquicas, constituíu a través de sucesivas modificacións unha das constantes da historia arxentina.
O proceso de emancipación
O cambio económico do último cuarto do s XVIII estivo acompañado pola penetración das ideas da Ilustración. Este cambio social e intelectual levou cara a unha radicalización do pensamento político, económico e social, que as circunstancias históricas habían de facer concretar no proceso de independencia. Se ben as vicisitudes políticas se enmarcan no cadro xeral do proceso de emancipación dos países de América e máis especialmente do Río da Prata, o papel relevante representado por Bos Aires e polas tensións entre a capital vicerreinal e o seu hinterland explican nunha dialéctica de tendencias centralizadoras e centrífugas, o triunfo de Bos Aires como elemento integrador da futura República Arxentina e o fracaso do intento dos seus dirixentes por controlar todos os territorios do antigo vicerreinado. A partir do 1796 debilitáronse os lazos coa metrópole a consecuencia do bloqueo das costas da América hispana polos ingleses, que intentaron establecerse no Río da Prata (1806-1807); foron rexeitados polos crioulos coas súas propias forzas, feito que provocou entre eles unha toma de conciencia nacional. En maio de 1810, a raíz da derrota da Junta Central de Sevilla, baixo o empuxe napoleónico creouse a Junta Gubernativa Provisional do Río da Prata (Junta de Mayo), que destituíu o vicerrei Baltasar Hidalgo de Cisneros; nesta Junta participaron os galegos Bernardo Lecocq e Pedro Cerviño. Entre os patriotas xurdiron diversos bandos: o conservador Cornelio Saavedra opúxose ao demócrata Mariano Moreno, e a tendencia unitaria e centralista de Bos Aires opúxose á tendencia federalista das provincias. No proceso de emancipación participaron os galegos Jose Ruíz de Huidobro, Antonio Domínguez Durán, Manuel Antonio Baz, Fernández del Pino e Pedro Villariño Pieyra. Os galegos defensores do sistema colonial foron Bernardo Marco del Pont, Francisco Acuña de Alomón, Benito Riobó, Manuel Sobral, Juan Antonio Grande e Nicolás Calvo. A Junta e os sucesivos gobernos esforzáronse en estender o seu control sobre todos os territorios de circunscrición vicerreinal. Manuel Belgrano, quen fracasara no intento de pór o Paraguai baixo dominio bonaerense, expulsou as tropas castelás da Arxentina despois das batallas de Tucumán (1812) e Salta (1813), mentres que San Martín liberou Chile (1817-1818). O congreso de Tucumán declarou a independencia das Provincias Unidas do Río da Prata (1816), dotadas no 1819 dunha constitución republicana, moderadamente liberal. Xa durante a época da guerra da independencia estalara a guerra civil entre unitarios e federalistas. O conflito encontrou a súa expresión no enfrontamento dos gobernos de Bos Aires co caudillo da Banda Oriental, José Artigas. A situación agravouse máis polas tensións entre librecambistas e proteccionistas. O triunfo dos primeiros provocou a ruína da artesanía local, especialmente do interior, onde comezaran a organizarse sobre bases capitalistas preindustriais. Contra a hexemonía de Bos Aires, co seu activo patriciado crioulo (denominada oligarquía porteña) e o seu amplo hinterland, alzouse o federalismo dos terratenentes dos territorios interiores, igualmente crioulo, dos vellos centros culturais de raíz castelá, dos territorios interiores como Mendoza, Córdoba e Tucumán. En Bos Aires mudaban con rapidez os gobernos e as constitucións. Nas provincias, os caudillos federalistas tomaban o poder. O Paraguai independizouse e afirmou a súa orixinalidade baixo o ditador Francia. A Banda Oriental (Uruguai) despois de sublevarse contra o apoio arxentino (1825), foi constituída, coa mediación británica e contra os seus manifestos desexos, en estado independente no 1828 pola convención preliminar de paz de Río de Xaneiro. As outras provincias do Río da Prata uníronse en 1825 nunha confederación baixo a dirección dos unitarios, que elixiron a Bernardino Ribadavia, fillo dun comerciante galego de Bos Aires, Presidente da República (1825-1827) e elaboraron unha nova constitución (1826).
O período da anarquía e da organización nacional
A crise bancaria británica do 1825, que impediu levar a cabo os proxectos reformistas de Ribadavia, fixo inclinar a balanza cara á reacción federalista. Juan Manuel de Rosas, dirixente federalista dos grandes gandeiros, apoiado polos gauchos, as masas campesiñas e os negros, gobernador da provincia de Bos Aires dende o 1829, instaurou en 1835 o poder absoluto. Con métodos ditatoriais apartou ou someteu os caudillos que tomaran o poder nas provincias e sentou as bases do estado unitario arxentino; o seu mandato abriu unha época de terror. A complexa figura de Rosas foi revalorizada polos historiadores nacionalistas, que destacan a súa significación de forza integradora e de resistencia contra a intervención política e militar do Reino Unido, aliado coa Francia de Luís Filipe na Gran Guerra do Uruguai (1838-1851). O xeneral Urquiza, gobernador de Entre Ríos, coa axuda do Uruguai pacificado, Paraguai e O Brasil, alzouse en 1851 contra Rosas, que foi vencido en Monte Caseros en 1852 e tivo que fuxir a Inglaterra. En 1853 estableceuse unha nova constitución no Congreso de Santa Fe, ao mesmo tempo que Bos Aires se separaba da confederación arxentina. Urquiza, elixido Presidente da confederación, puxo fin á secesión. Non obstante , pronto se iniciou unha nova guerra civil. Esta vez, Bartolomé Mitre, gobernador de Bos Aires, venceu as tropas federalistas en Pavón. Con iso acadou, no 1862, a Presidencia da confederación. Entre 1865 e 1870 a Arxentina levou a cabo, xuntamente co Brasil e o Uruguai, a dura guerra abertamente dirixida contra Solano López, ditador do Paraguai, pero na que se canalizaron ambicións territoriais e especulacións políticas. Durante o mandato do seu sucesor, Domingo Faustino Sarmiento, aumentou considerablemente a escolaridade, sobre todo pola acción do seu ministro de Instrución Pública Avellaneda, quen entre 1874 e 1880 foi Presidente.
O auxe da Arxentina exportadora
A elección presidencial do 1880 iniciou outra vez a guerra civil, na que foron definitivamente derrotados os particularistas de Bos Aires, e ao final da guerra foi elixido Presidente o federalista Julio A. Roca. Este levou o desenvolvemento do país cara a un estado unitario, facendo de Bos Aires a capital. Baixo a súa Presidencia o país evolucionou economicamente grazas á achega de capital estranxeiro, sobre todo británico; a estrutura social e política foi modificada dende a base. A gandería perdeu o seu papel preponderante fronte ás grandes plantacións cerealísticas introducidas polos inmigrantes europeos. A construción das liñas férreas foi financiada con capital británico. A partir de 1860 iniciáronse as inmigracións en masa de europeos, entre outros, italianos e galegos. Non obstante , a “gran inmigración” produciuse entre 1880 e a gran crise mundial de 1890. O comercio foi estimulado pola exportación intensiva de carne conxelada. A partir de 1880 os amerindios foron acantoados nas terras meridionais. A “conquista do deserto”, principalmente dirixida a eliminar o perigo das razzias dos indios da Pampa (malones), foi concibida e executada polo xeneral Roca como unha grande empresa comercial. A lei do 5 de outubro de 1878 previña a venda anticipada de todas as terras por onde había pasar o exército, a un prezo determinado: o Banco da Provincia de Bos Aires financiou as adquisicións en beneficio dos grandes propietarios e capitalistas de Bos Aires. Os resultados dunha revolución económica-xeográfica semellante non podían deixar de ser espectaculares: a incorporación destes espacios para o seu emprego por parte dos descendentes dos europeos foi a base para unha enorme expansión demográfica atribuíble, por igual, a un crecemento natural acelerado e á inmigración europea. Non obstante , a oportunidade de constituír unha ampla clase de pequenos ou medianos propietarios foi deixada definitivamente de lado e a apropiación da terra reverteu tan só en proveito da clase dominante. Así mesmo, Bos Aires dotábase dun hinderland propio que o independizaba de compromisos co litoral e o interior. A incorporación destes espacios á civilización do home branco deu a base para unha enorme expansión demográfica. Baixo o Presidente Celman, elixido no 1886, as especulacións provocadas pola grande ampliación do país acadaron o punto máximo. Durante a corrupción política, Leandro Alem organizou a Unión Cívica Radical, que se alzou en 1890 en Bos Aires: Celman demitiu e foi proclamado Pellegrini. A bancarrota do estado foi manifesta. Despois do acordo entre federalistas e unitarios, foi elixido Presidente, en 1892, Luís Sáenz Peña. Os radicais, baixo a dirección de Alem, organizaron no 1893 levantamentos rapidamente controlados, pero Sáenz Peña abandonou a Presidencia en 1895. En 1898, Roca volveu ser elixido Presidente. Deixadas de lado pacificamente as diferencias fronteirizas, a Arxentina pactou a miúdo co Brasil e Chile tratados sobre arbitraxe e desarmamento (Pacto ABC). En conflito con Chile polo territorio de Atacama, antigamente boliviano, a Arxentina gañou, en 1899, o territorio dos Andes; no 1902, anexionou gran parte da Patagonia. Con Roque Sáenz Peña, elixido Presidente en 1910, a Unión Cívica Radical estableceu a democracia política formal. Á súa morte (1914) subiu á Presidencia Victoriano de la Plaza. Hipólito Irigoyen, elixido no 1916, desenvolveu unha estrita política de neutralidade durante a Primeira Guerra Mundial. En 1917, sen embargo, baixo a influencia dos EE UU, rompeu as relacións diplomáticas con Alemaña. Baixo a súa Presidencia, as clases medias conseguiron por primeira vez, un certo papel político. En 1918 iniciouse en Córdoba o movemento da Reforma Universitaria de difusión hispanoamericana. A Irigoyen sucedeuno Marcelo T. de Alvear (1922-1928), pero aquel volveu ser elixido no 1928.
Galicia-Arxentina: un século de relacións sociais e culturais
O colectivo galego da Arxentina desenvolveu diferentes iniciativas culturais de carácter galeguista. O Centro Galego de Bos Aires constituíuse en 1879 co obxectivo de promover o benestar da colectividade galega e saír na súa defensa cando fose necesario. Así mesmo, fundáronse numerosos periódicos orientados a esta ampla comunidade, entre os que cómpre salientar os seguintes: El Eco de Galicia (1908), Correo de Galicia (1908), Céltiga (1924), A Fouce, Galicia, Galeuzca (1945) e Galicia Emigrante (1954). En 1940 Luís Seoane creou dentro de Emecé Editores as coleccións Hórreo e Dorna. Así mesmo, en 1944 fundou dentro de Nova as coleccións Camino de Santiago e Pomba. Os músicos galegos que estrearon e participaron en iniciativas musicais na Arxentina foron numerosos no último cuarto do s XIX: Ricardo Pérez Camino, Exidio Paz Hermo, Juan María López, Enrique Lens Viera, Juan José Castro Piñeiro, Obdulia Prieto, Andrés Gaos Berea ou Carlos López García. Por outra banda, os indianos galegos da Arxentina promoveron na súa terra natal a fundación de escolas: García Hermanos (1914) e Jesús García Naveira (1917), fundada polos irmáns Jesús e Juan García Naveira en Betanzos. No aspecto político social tamén foron numerosas as influencias e relacións: Manuel Serafín Bandiño (Alejandro Silvetti) foi secretario do sindicato dos ebanistas, Antonio Soto participou na organización do movemento anarquista arxentino e José Fernández Lourido dirixiu a revista anarquista Tiempos Nuevos, na década dos vinte do s XX. Así mesmo, os deportados galegos (91 entre 1902 e 1919) que retornaban da Arxentina a Galicia participaron activamente no movemento obreiro: Severino Estévez Arraz, deportado en 1919, influíu na implantación da Confederación Nacional del Trabajo (CNT) na bisbarra de Tui e Manuel Hermida, antigo dirixente da Unión de Chauffeurs de Bos Aires, participou nos sindicatos agrarios da CNT na zona de Meirás, Carnoedo e Mondego.
A crise de 1930 e o peronismo
Paralelamente á industrialización do país, o movemento obrerista conseguiu o seu punto culminante coa fundación da CGT (1930), fusión da Unión Sindical (1922) e da Federación Nacional Agrícola (1902). O malestar provocado pola crise económica mundial, xunto coa actitude máis autoritaria de Irigoyen, desembocaron na revolución de 1930, levada a cabo polo xeneral José F. Uriburu, que levou aos conservadores e a unha parte dos radicais, aliados cos militares, a forzar a retirada de Irigoyen. En 1932, Agustín P. Justo resultou elixido Presidente e iniciou a chamada “década infame” En 1938 ocupou a Presidencia un civil, Roberto M. Ortiz. Dous anos e medio máis tarde, enfermo Ortiz, o poder pasou ao vicepresidente Ramón J. Castillo, outro civil. Unha serie de loitas partidistas levaron á revolución militar do 1943. O 4 de xuño dese ano, o xeneral Arturo Rawson encabezou un golpe que desprazou ao Presidente Castillo. Non obstante , foi o xeneral Pedro Pablo Ramírez, exministro de Castillo, quen se fixo coa Presidencia. No 1944, Arxentina rompeu as relacións diplomáticas coas potencias do Eixe. Por este motivo, un grupo de militares substituíu a Ramírez polo xeneral Edelmiro Farrell. Durante este período, a personalidade máis dinámica do equipo gobernante foi o coronel Juan Domingo Perón, membro do GOU (Grupo de Oficiales Unidos), loxia militar en ascenso constante. En xullo de 1944 Perón foi nomeado vicepresidente da República. En outubro de 1945, a gornición de Bos Aires, situada no Campo de Mayo e baixo o mando do xeneral Eduardo Ávalos, sublevouse e provocou a renuncia de Perón e o seu encarceramento na illa de Martín García. Neste momento produciuse o levantamento popular do 17 de outubro de 1945 (que permaneceu como Día de la Lealtad Peronista) e Perón volveu ao poder. Eva Duarte, muller de Perón, foi a protagonista daquelas xornadas. Baixo presión aliada, Arxentina declaroulle a guerra a Alemaña o 27 de marzo de 1945 e converteuse en membro fundador da ONU. A grande influencia que Perón conseguira entre o proletariado urbano (descamisados), sobre todo grazas ao atractivo que exercía Eva Duarte sobre eles, o exército e o clero foi en aumento. Perón resultou elixido Presidente o 24 de febreiro de 1946, en loita contra a Unión Democrática, conglomerado de partidos que ían dende os radicais ata os comunistas. Perón colocou a política e a economía baixo o estricto poder estatal e afastou a oposición. Instaurou no país un réxime demagóxico e paternalista baixo aparencias obreiristas que non alteraron as estruturas fundamentais da sociedade e deu ocasión a unha profunda corrupción. A constitución do 1949 ampliou o poder do Presidente, quen foi reelixido. Perón favoreceu economicamente o proletariado obreiro, a súa renda real aumentou entre 1946 e 1955 un 47%, en detrimento das clases media e agraria. A revolución peronista ou “justicialista” caracterizouse polas nacionalizacións ruinosas dos servicios públicos en mans estranxeiras e consagrou definitivamente a decadencia da influencia económica do Reino Unido, que pagou cunhas estruturas avellentadas -sobre todo os ferrocarrís- a débeda contraída coa Arxentina durante a guerra. En política exterior afirmou a súa independencia fronte ás potencias occidentais, acollendo numerosos refuxiados nazis e establecendo relacións diplomáticas coa URSS. Non obstante , o nacionalismo económico peronista prexudicou as relacións cos EE UU, que a levou a unha crise moi sensible dende o ano 1950. Abandonado polo clero, privado dunha parte da popularidade entre as masas dende a morte da súa dona en 1952, o ditador tivo que enfrontarse a unha oposición cada vez maior do exército. Despois dalgúns intentos de golpes de estado militares (setembro do 1951, xuño do 1955), en setembro de 1955 Perón foi derrocado pola revolución das forzas armadas, sostida pola oposición católica liberal.
A Arxentina baixo a tutela militar (1955-1975)
Despois da caída de Perón, o poder foi presidido por unha xunta militar que elixiu Presidente provisional ao xeneral L. Eduardo Lonardi, como representante dos círculos católico-nacionalistas. O partido peronista foi prohibido. Lonardi foi obrigado a retirarse ao cabo duns meses pola presión das forzas liberais, encabezadas polo contraalmirante Isaac Rojas. A xunta militar elixiu ao xeneral Pedro Aramburu, quen procurou conseguir un goberno constitucional e a elección dunha Asemblea constituínte (1957). Non obstante , fracasou nos seus propósitos e forzou a división dos radicais: radicais do pobo, que representaban os vellos cadros do partido, e radicais intransixentes, agrupados ao redor da axitación intelectual de Arturo Frondizi. Uns dous millóns de electores, en parte peronistas, votaron en branco como protesta contra Aramburu. O atraso da débeda externa e a escisión dos radicais anularon os esforzos de Aramburu por estabilizar a economía. En 1958, Arturo Frondizi, cabeza dos radicais intransixentes, foi elixido Presidente co apoio dos peronistas, despois, dunha campaña electoral de elevado ton demagóxico, dos esquerdistas e dos nacionalistas. Unha vez no poder, sen embargo, iniciou unha política conservadora e realista no económico dirixida polo seu ministro de Economía Álvaro Carlos Alsogaray que procurou mellorar as arruinadas finanzas do estado, equilibrar o orzamento e diminuír a inflación. Así mesmo, mediante o outorgamento de contratos de exploración e explotación a compañías estranxeiras obtivo a colaboración deste capital para o desenvolvemento dos recursos petroleiros do país. En 1959 foi prohibido o partido comunista e, en cambio, para as eleccións de 1962 foi levantada a prohibición do peronismo que conseguiu un éxito. Posto que Frondizi non tomou unha posición clara contra o peronismo, foi destituído polos militares no mesmo 1962. As eleccións foron anuladas e o Parlamento disolto. Ao ano seguinte foron convocadas novas eleccións parlamentarias e presidenciais, nas que foi elixido o dirixente dos radicais populares Arturo Illía. Co levantamento da prohibición de propaganda a prol dos peronistas e comunistas, Illía conseguiu, especialmente cos peronistas, un acordo baixo o lema “peronistas sen Perón”. Nas eleccións para a Cámara de Representantes de 1965, os peronistas convertéronse no segundo partido do país despois dos radicais populares. En 1966 Illía foi destituído por un golpe de estado incruento. Sucedeuno o xeneral Juan Carlos Onganía. A causa do agravamento dos problemas económicos e sociais do país, o xeneral Onganía foi destituído da Presidencia polo alto mando militar (1970) e substituído por R. Levingston, a quen sucedeu o xeneral Lanusse en 1971. En 1973, incapaz de resolver as dificultades, o exército permitiu a celebración de eleccións, e Héctor Cámpora, brazo dereito de Perón, converteuse en Presidente. No mesmo ano substituíuno Perón, pero morreu no 1974 e sucedeuno a súa muller Isabel Martínez. A ineficacia e a corrupción do novo réxime peronista e a aparición de grupos guerrilleiros revolucionarios (Montoneros, Ejército Revolucionario del Pueblo, etc) e ultradereitistas (Alianza Anticomunista Argentina) provocou un golpe de estado (1976) que devolveu o poder ao exército.
A ditadura militar (1976-1984)
A Presidencia pasou ao xeneral Videla e, en 1981, ao xeneral Viola. O réxime militar, que exterminou as guerrillas e fixo “desaparecer” milleiros de persoas (calcúlanse entre 15.000 e 30.000 as persoas desaparecidas entre 1976 e 1983), non chegou a resolver a grave situación económica e social do país. A crise económica e política mesmo se acentuou coa chegada á Presidencia do xeneral Galtieri (decembro de 1981), que substituíu a Viola ao ser este forzado a demitir pola xunta das forzas armadas. En abril de 1982 Arxentina entrou en conflito bélico co Reino Unido ao ocupar as illas Malvinas. O remate do conflito en xuño dese mesmo ano coa reconquista das illas pola flota británica fixo medrar a crise política e o exército forzou a demisión de Galtieri, que foi substituído por Bignone en xuño de 1982. Iniciouse inmediatamente despois unha apertura política e, en outubro de 1983, celebráronse eleccións xerais e presidenciais, que deron o triunfo á Unión Cívica Radical (UCR), que obtivo o 52% dos votos fronte ao 40% do Partido Justicialista -que logrou a maioría no Senado-. Raúl Alfonsín, líder da UCR, foi elixido Presidente. Respecto á disputa territorial con Chile sobre o canal de Beagle, aprobouse mediante un referendo celebrado en novembro de 1984 un tratado de paz e amizade que puxo fin ao conflito.
O restablecemento da democracia na Arxentina: Alfonsín, Menem, de la Rúa
Alfonsín impulsou a busca de responsabilidades en crimes e desaparicións durante a ditadura, feito que provocou un forte malestar no exército, pero tamén na opinión pública, que considerou as investigacións e as sentencias moi desproporcionadas. Durante 1984 e 1985, a deterioración da economía levou ao goberno a decretar medidas de grande austeridade, duramente contestadas polo poderoso sindicato CGT e os peronistas. Por outra parte, a campaña de atentados levada a cabo por grupos de extrema dereita obrigou a Alfonsín a decretar o estado de sitio pouco antes das eleccións xerais de novembro do 1985, nas que a UCR renovou a maioría. A presión dos militares sobre os gobernos saídos das eleccións foi constante nesta etapa e produciu concesións constantes por parte dos presidentes. En 1986 redactouse a lei de Punto Final, que detía as inculpacións contra os militares e policías acusados da violación dos Dereitos Humanos. En 1987, despois da revolta encabezada polo tenente-coronel Aldo Rico, foi ditada a lei de Obediencia Debida, que descargaba aos suboficiais de toda responsabilidade na represión e amnistiábaos. En 1988 produciuse outro levantamento e en 1989 un terceiro, se ben este derradeiro foi de tendencia de esquerdas. Á tensión política sumouse á que proviña da crise económica, feito que motivou numerosos motíns en Rosario e Bos Aires. Nesta situación, a UCR de Alfonsín perdeu as eleccións de 1989 e o Partido Justicialista, peronista, formou o novo goberno presidido por Carlos Saúl Menem. O programa económico marcadamente liberal que puxo en marcha o goberno Menem supuxo un elevado custo social: marxinación, desprotección social e desemprego, o que provocou a oposición de numerosos sectores da poboación. Ameazado o goberno por un novo levantamento militar (1991), indultou a todos os xenerais membros das xuntas da ditadura, feito que provocou novas protestas de amplos sectores da sociedade civil arxentina. Non obstante , a estruturación da economía mantivo os peronistas no poder ao longo das sucesivas eleccións parciais, nas que ademais melloraban os resultados. En 1993, logo dun acordo coa UCR, reformouse a Constitución que, aprobada en 1994, permitía a reelección do Presidente. Menem foi reelixido en 1995. En 1996 aprobou unha nova lexislación que flexibilizaba as contratacións e o mercado laboral, feito que orixinou unha nova vaga de protestas encabezadas polos sindicatos. Nas eleccións parciais da Cámara dos Deputados celebradas en 1997, os peronistas perderon a maioría a mans dunha coalición formada pola UCR e a FREPASO. En política exterior, a acción de Menem orientouse principalmente a consolidar o modelo de crecemento económico que implantou dende o seu acceso ao poder. Así, en 1991 Arxentina foi un dos fundadores de Mercosur e obtivo vantaxosos acordos co Banco Mundial e o FMI. Así mesmo, restableceu relacións co Reino Unido, rotas despois da Guerra das Malvinas. En outubro de 1999 as eleccións deron a vitoria á Alianza para el Trabajo, la Justicia y la Educación (Alianza), un novo partido nacido da unión da FREPASO, a UCR e outras correntes de menor peso, sobre todo democristiáns. O 48,5% dos votos que obtivo a Alianza fronte ao 38% de Duhalde do PJ e o 10,15% do exministro e candidato de Acción por la República Domingo Cavallo, deron a Presidencia da República a Fernando de la Rúa. A tarefa inicial deste goberno é combater a corrupción e establecer co Brasil unha serie de mecanismos que freen a tensión no seo de Mercosur.