Arzúa
Concello que dá nome á comarca da Arzúa, situado na provincia de A Coruña no centro da Comunidade Autónoma (42° 55’ latitude N e 8° 09’ lonxitude O). Limita ao N cos concellos de Frades (Terra de Ordes) e Boimorto, ao O cos do Pino e Touro, todos eles da comarca de Arzúa, ao S cos da Vila de Cruces (comarca do Deza) e Santiso (Terra de Melide) e ao L co de Melide, tamén de Arzúa. Abrangue unha superficie de 155,43 kmecunha poboación de 6.529 h (2007), distribuída nas parroquias de Arzúa, Boente, Brandeso, Branzá, Burres, Campo, A Castañeda, Dodro, Dombodán, Figueiroa, Lema, Maroxo, A Mella, Oíns, Pantiñobre, Rendal, San Martiño de Calvos de Sobrecamiño, Santa María de Arzúa, Tronceda, Viladavil, Vilantime e Viñós. A capital municipal é o núcleo urbano da parroquia de Santiago de Arzúa. Situado a, a 39 km de Santiago de Compostela, 68 km de Lugo e 75 km da Coruña, é cabeza de partido xudicial. Pertence á arquidiocese de Santiago de Compostela, agás as do arciprestado de Abeancos que pertencen á diocese de Lugo.
Xeografía física
O territorio municipal do concello de Arzúa sitúase nunha área de transición do dominio climático oceánico hiperhúmido ao oceánico continental. A temperatura media anual acada os 13°C, sendo a media do mes máis frío (febreiro) de 6,7°C e a do mes máis cálido (xullo) de 21,2°C. A precipitación media anual achégase aos 1.400 mm, cunha distribución estacional que provoca unha leve seca estival: recóllese o 34% da precipitación no inverno fronte ao 12% dos meses do verán, quedando a primavera e o outono como estacións de transición, cos respectivos 27% e 26%. A altitude media do termo municipal sitúase en 390 m sobre o nivel do mar, sen que haxa grandes cotas. O relevo caracterízase pola súa suavidade, modelado sobre unha litoloxía de xistos e gneises da serie de Ordes. As maiores altitudes corresponden ao monte Cornado (483 m), monte Martelo (453 m), montes do Viso (446 m) e monte Filgueira (436 m). O Ulla artella a rede fluvial e conforma o lindeiro meridional do concello coa Vila de Cruces. Os seus principais afluentes son o Boente (que forma o lindeiro co concello de Santiso), o Iso e o Brandeso.
Xeografía humana
A poboación do concello de Arzúa experimentou, ao longo dos últimos dous séculos, un proceso inscrito nas pautas xerais que rexen a evolución demográfica nos municipios do interior de Galicia: incremento moderado ata a metade do s XX e descenso ininterrompido a partir de entón. Así dunha poboación de 8.693 h en 1887 pasou a 10.754 h en 1950, ano no que acada o seu teito poboacional. A partir de entón iníciase un moderado descenso que se fai máis acusado nas décadas de 1960 e, sobre todo, na de 1970, década que se pecha cun saldo negativo do 22,78% (2.065 h menos en 1981). Deste xeito a poboación en 1996 é o 80,68% respecto da de 1887 e só o 77,62% respecto da rexistrada en 1900. Entre 1996 e 2001 perdeu o 5,43% da poboación e entre 2001 e 2007 o 1,56%. En 2006 a taxa de natalidade era do 6‰ e a de mortalidade do 11,3‰ cun crecemento natural negativo, 5,3‰. O resultado desta evolución demográfica é unha poboación na que os maiores de 65 anos representan o 27,4% do total. Os menores de 20 anos son só 14,2%, o grupo intermedio representa o 58,4% da poboación. A distribución por sexos amosa un leve desequilibrio a prol das mulleres (50,55%) fronte aos homes (49,41%).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Arzúa é do 47,6% (59,2% a masculina e 36,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 43,5% (54,5% a masculina e 32,9% a feminina) e a taxa de paro é do 8,5% (7,9% a masculina e 9,6% a feminina). A economía do concello de Arzúa está bastante diversificada. O carácter de cabeceira comarcal provoca que o sector terciario sexa o que máis empregos xera no concello, cun 3,8%. Debido á súa situación territorial e á súa tradición, o sector primario é a ocupación principal do 28,9% dos traballadores do municipio. O sector, inmerso nun proceso de crecente adaptación ao mercado e ás súas técnicas de produción e distribución, beneficiouse da adopción de reformas técnicas como as concentracións parcelarias levadas a cabo na maioría das parroquias. A orientación gandeira, centrada no bovino (14.958 cabezas, 2007) de especialización láctea, subordina tamén a produción agraria, e con ela a paisaxe do concello, inzada de prados. O policultivo de subsistencia, alleo ao mercado, remanece como complemento das economías domésticas. A pesca é testimonial (0,2%). A industria proporciona o 17,8% dos postos de traballo destacando, á parte da elaboración de queixos ao abeiro da Denominación de Orixe Arzúa-A Ulloa, o subsector téxtil (toldos) e o da madeira. A construción dá traballo ao 13,3% dos ocupados residentes no municipio. A principal vía de comunicación que atravesa o concello é a estrada nacional N-547 que enlaza con Santiago de Compostela e con Lugo a través da N-540 da que parte en Guntín.
Historia
Os testemuños máis antigos de presencia humana no concello remóntanse á época castrexa, da que se conserva en Calvos de Socamiño o castro de Calvos. Malia que non hai unha presencia romana observable, hai autores que opinan que é a Araduca que menciona Ptolomeo na súa Xeografía Universal. O Liber Sancti Iacobi ou Códice Calixtino (s XII) menciona as localidades de Castañeda (Castaniolla), onde estaban os fornos de cal que se alimentaban con pedras que traían os peregrinos dende Triacastela, e Vilanova de Arzúa, que tiña foro, dereitos de portaxe para a cerca do seu concello e foi señorío da mitra compostelá. A orixe da vila data do s XI á beira das peregrinacións a Compostela. O treito Camiño Francés de Peregrinación a Santiago entra no concello de Arzúa por Castañeda, segue pola ponte medieval de Ribadiso. No s XIX Arzúa foi escenario dos enfrontamentos entre liberais e absolutistas como as accións regalistas que actuaron a partir de 1822 para restaurar o absolutismo, sendo a principal a dos Voluntarios Realistas da Mota (Guntín), ao mando de Xosé Ramos, escribán de Borraxeiros (Agolada). Os seus membros eran Antonio María López, Ignacio del Val, Xoán Bautista Boán e Mateo López, entre outros. Así mesmo, a localidade de Arzúa foi o marco do sermón de Santiago Pastoriza (30.5.1831), con motivo da bendición da bandeira dos voluntarios realistas, no que relatou os actos da antedita facción. Así mesmo, durante a primeira Guerra Carlista (1834-1839), que comezou en Galicia co pronunciamento de Antonio María López en Aiazo (Frades) o 8 de marzo de 1834, mobilizáronse numerosas partidas no concello de Arzúa das que a máis activa foi a que dirixiu o mesmo López e que estaba formada polos irmáns Ramos, Ramón Duro e Xoán Viñas o Capador, entre outros. O caciquismo manifestouse en Arzúa ao longo de todo o s XIX. Así, a recuperación da democracia converteu a Arzúa en distrito electoral, que estivo representado en sete ocasións (entre 1846 e 1864) por Xosé Xaquín Barreiro. Dende 1876 o distrito de Arzúa era “propiedade” do liberal Bieito María Hermida Verea, quen só se tivo que enfrontar nunha ocasión (1884) a Álvarez Mir, candidato oficial de Cánovas, e a Ramón de A. García, sendo candidato único nas sete eleccións restantes. Logo de 1899, o distrito de Arzúa perdeu o seu carácter de enfeudado e converteuse en alternante. As parroquias que integran o actual concello de Arzúa pertenceron no Antigo Réxime á provincia de Santiago, nas xurisdicións de Abeancos, Arzúa, Bendaña, Boente, Melide, Mesía, Oíns, Dombodán e o Xiro da Rocha. A maior parte destas xurisdicións exercíaas o arcebispo de Santiago de Compostela, aínda que tamén eran señores desas terras os monxes bieitos do mosteiro de San Martiño Pinario. Ademais, eran señores laicos os condes de Altamira e de Monterrei. Co establecemento dos primeiros concellos en 1813, creáronse no territorio do actual concello os municipios de Arzúa, Boente e Pantiñobre, adscritos á provincia única de Galicia. En 1814 derrogouse a Constitución de 1812 e restableceuse a situación administrativa do Antigo Réxime. En 1820 restaurouse a Constitución e o municipalismo; así, os tres concellos quedan adscritos ao partido xudicial de Melide e, en 1822, á nova provincia da Coruña. De novo suprimida a constitución en outubro de 1823, hai que agardar ata 1836 para a restauración da administración municipal. En maio de 1836 constituíuse definitivamente o concello de Arzúa, integrado polas mesmas parroquias ca na actualidade e como cabeza de partido adscrito á nova provincia da Coruña.
Patrimonio cultural
O patrimonio cultural de Arzúa está ligao ao paso do Camiño Francés de Peregrinación a Santiago. A ponte medieval de Ribadiso, ten dun só arco, e é de cantería en xisto e alombado Así mesmo, en Ribadiso existiu unha fortaleza que servía de abeiro para asaltar aos peregrinos; en 1993 inaugurouse alí un albergue para peregrinos. Xa na vila de Arzúa cómpre salientar a igrexa parroquial, dedicada a Santiago, cunha torre que data de 1829. Ao sur da calzada atópanse restos do convento agostiño da Madalena, con hostal para peregrinos fundado no s XIV. A capela da Madalena ten unha nave con porta de arco e dous sepulcros señoriais do s XVI, un deles de Alonso Muñiz. A fonte Santa, xa coñecida polos peregrinos, é un manancial de augas minerais que se consideran curativas para os trastornos do fígado. O castelo de Fruzo foi declarado BIC en 1994. A importancia de Arzúa durante a Idade Moderna, sobre todo no s XVII constátase pola abundancia de casas e pazos señoriais, entre os que cómpre salientar o pazo de Sedor, en Castañeda, de planta en L, que quedou inconclusa no seu brazo máis longo; o pazo de Figueroa, tamén de planta en L e con capela fóra dos muros; o pazo de Rosende, en Calvos de Socamiño, de fábrica barroca tardía e propiedade dos Hermida; o pazo de Santo Estevo de Campos, que pertencía aos Verea e Aguiar; o pazo de Bascuas, en Rendal, de fábrica barroca; ou, entre outras, a casa de Orxal, en Calvos de Socamiño, tamén de factura barroca do s XVII. No s XIX o político Xosé Xaquín Barreiro promoveu a construción da Casa do Concello -edificio de traza neoclásica construído en 1868-, o Xulgado e o cárcere de Arzúa. Entre as festas que se celebran no concello atópanse as do Carme en xullo; a festa do Queixo o primeiro domingo de marzo, a Feira do Capón o 22 de decembro, a Mostra Galega de Apicultura en xaneiro, a Feira dos Cans de Caza, en outubro.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Arzúa |
| Extensión | 155 Km2 |
| Poboación Total | 6529 h |
| Poboación Homes | 3228 h |
| Poboación Mulleres | 3301 h |
| Densidade de poboación | 42.12 h/Km2 |