Asembleas Agrarias Galegas
Conxunto de sete reunións celebradas durante un período de doce anos (1908-1919) en distintas vilas galegas: Monforte de Lemos (1908, 1910 e 1911), en Ribadavia (1912 e 1913), en Redondela (1915) e a última na Coruña (1919), e que constituíron fitos fundamentais nas discusións do Agrarismo galego. En conxunto, nestas asembleas tratábase de elaborar unha serie de medidas para o cambio da estrutura agraria do momento, aínda afogada polos foros, o atraso técnico, a baixa produtividade e a escasa integración no mercado. As tres primeiras, celebradas en Monforte, constituíron un bloque común; nelas reuníronse os representantes das diferentes organizacións agraristas -Unión Campesina, Directorio Antiforista de Teis, Solidaridad Gallega-, cos seguintes obxectivos: desaparición do foro e das aparcerías do gando; supresión dos aranceis do millo; seguros para o gando e vacinación do mesmo; préstamos para adquirir gando; supresión do foro mediante a redención; control dos concellos, co fin de lograr unha desgravación dos altos impostos municipais; loita contra o caciquismo; modificación da situación xurídica da propiedade comunal; aumento da produtividade por medio da modernización técnica da actividade agrícola. As conclusións son posteriormente publicadas. Destas asembleas non saíu unha Reforma Agraria, pero si constituíron o intento máis serio e tecnicamente razoado que a pequena burguesía urbana fixo por entender e reformar o mundo agrario. A ruptura e a desaparición das distintas ramas do agrarismo de Monforte, trouxo consigo un novo cariz nas posteriores asembleas. As asembleas de Ribadavia, Redondela e A Coruña abandonaron o ton estudioso, técnico e pretendidamente apolítico de Monforte, para dar ocasión á confrontación dos distintos proxectos agraristas, polarizados arredor das posicións socialcatólicas e das “neutrais” ou non confesionais (Unión Agraria, Acción Gallega de Basilio Álvarez, republicanos, mauristas, etc). A IV Asemblea celebrouse os días 9, 10 e 11 de novembro en Ribadavia, onde tamén se celebrou a V, os días 22, 23 e 24 de novembro de 1913, xa marcada pola represión que comezou a cercar aos líderes de Acción Gallega e pola ausencia dos membros de Solidaridad Gallega e o Directorio de Teis. A VI Asemblea celebrouse os días 24, 25 e 26 de outubro de 1915, na que o movemento Acción Gallega foi practicamente liquidado. Nestas asembleas polarizáronse as discusións entre os partidarios de dar ás asembleas un carácter teórico ou tecnocrático e os de aplicar tácticas e formas urxentes de loita agraria e de aplicación política das resolucións adoptadas nas Asembleas. Na VII, derradeira e non rematada, na Coruña, os días 14, 15, 16 e 17 de agosto, as posicións estaban xa moi matizadas e irreconciliables.