asfalto

asfalto

(< lat asphaltu < gr ἄσϕαλτος‘betún’)

s m [QUÍM/CONSTR]

Material aglomerante de consistencia sólida ou semisólida, constituído na súa maior parte por betúns naturais ou obtidos como residuo da destilación do petróleo. O asfalto arde con chama brillante, é insoluble en auga, álcalis e ácidos, pero é soluble en cloroformo e acetona. Emprégase na pavimentación de estradas, como impermeabilizante no revestimento de obras hidráulicas e na construción (teas asfálticas para a impermeabilización das terrazas, etc); como illante eléctrico para pechar pilas secas, acumuladores, etc; para facer pinturas e vernices; e na fabricación de aglomerantes. Os xacementos de asfalto pódense atopar en diferentes tipos de rochas e estruturas. Unha vez depurado, para podelo utilizar na construción e na conservación de pavimentos, orixina produtos denominados betúns aslfálticos naturais, se teñen menos dun 5% de impurezas, ou asfaltos naturais, cunha proporción máis grande de impurezas. Os asfaltos artificiais obtéñense como subproduto do petróleo por evaporación dos hidrocarburos lixeiros e pola oxidación parcial do residuo. As propiedades dos asfaltos obtidos por destilación dependen tanto do tipo de petróleo como do proceso de fabricación. O petróleo parafínico dá asfaltos de pouco poder adhesivo e de resistencia que varía moito cos cambios de temperatura, non obstante son excelentes impermeabilizantes. Isto fai que non sexan recomendables para a pavimentación, a menos que se lles dea un tratamento especial e se empreguen só como fundentes e en tratamentos superficiais lixeiros. Os petróleos naftalénicos dan asfaltos semisólidos que teñen un gran poder aglomerante, son moi parecidos aos asfaltos naturais, menos estables ca os de orixe parafínica e os máis utilizados para a pavimentación.

Ex: Van vir tapar as fochas da estrada con asfalto.

Citas

  • Van vir tapar as fochas da estrada con asfalto.