Assarhaddon

Assarhaddon

Rei de Asiria (680-669 a C). Fillo de Sennaquerib, foi un dos soberanos máis significativos da dinastía sargónida, tanto pola actividade militar que levou a cabo como pola extensión que acadaron os seus dominios. Contivo os sumerios e os escitas e someteu os medas e a outros pobos da altiplanicie iraniana. Reconstruíu Babilonia, arruinada polo seu pai, e levou a cabo unha política de pacificación deste país. En Siria e Palestina afrontou rebelións e marchou ata Chipre onde tomou diversas poboacións. A súa empresa máis ambiciosa foi, con todo, a conquista en Exipto do seu delta e de Menfis (671). Taharka, o Faraón nubio, fuxiu ao sur, pero dous anos despois (669) recuperou o Baixo Exipto, deixado por Assarhaddon en mans dos príncipes locais. Mentres preparaba unha nova campaña contra el morreu na cidade de Harram. O seu fillo Shamash-shum-ukin quedaba como señor de Babilonia pero sometido ao seu irmán Asurbanipal, soberano de Asiria.

Palabras veciñas

Assam | Assam | assamés -sa | Assarhaddon | Assarino, Luca | Asseliano | Asselijn, Jan