asterácea
(< Aster)
-
s
f
[PLANTA]
Planta da familia das asteráceas.
-
s
f pl
[PLANTA]
Familia de plantas da orde das asterais ao que pertencen 1.100 xéneros, cunhas 20.000 especies. As asteráceas están presentes en todo tipo de ambientes como herbas, arbustos, pequenas árbores ou plantas gabeadoras. A inflorescencia, que é a característica máis singular da familia, é un capítulo que semella unha única flor complexa. O capítulo está formado por pequenas flores pentámeras, denominadas flósculos, dispostas sobre un receptáculo. Estes flósculos presentan ovario infero, dous estigmas, cinco estames soldados e un cáliz reducido a uns poucos pelos ou escamas sobre o ovario; poden ser actinomorfos ou cigomorfos e moitas veces pódense distinguir estes dous tipos na mesma inflorescencia. O capítulo rodéase de brácteas verdes que conforman un involucro. O froito é un aquenio, ás veces con restos do cáliz, que constitúe o vilano. As follas son alternas, opostas ou situadas nunha mouta basal. A substancia de reserva é a inulina que substitúe o amidón, máis común noutras familias. Moitas especies de asteráceas teñen interese para o home. Así, o xirasol, importante fonte de aceites vexetais, ten moitos intereses económicos; outras, como a macela, teñen aplicacións medicinais; algunhas, como a leituga, das que o home fai un consumo directo; e moitas empregadas en xardinería. En Galicia están presentes os xéneros: Achillea, Adenostyles, Aetheorhiza, Andryala, Antennaria, Anthemis, Arctium, Arctotheca, Arnica, Arnoseris, Artemisia, Aster, Bellis, Bidens, Calendula, Carduus, Carlina, Centaurea, Cichorium, Cirsium, Coleostephus, Conyza, Cotula, Crepis, Chamaemelum, Chamomilla, Chondrilla, Chrysanthemum, Dittrichia, Doronicum, Erigeron, Eupatorium, Evax, Filago, Galactites, Galinsoga, Gamochaeta, Gnaphalium, Hedypnois, Helichrysum, Hieracium, Hispidella, Hypochoeris, Inula, Lactuca, Lapsana, Leontodon, Lepidophorum, Leucanthemopsis, Leucanthemum, Logfia, Matricaria, Mycelis, Onopordum, Otanthus, Petasites, Phalacrocarpum, Picris, Pulicaria, Reichardia, Salibum, Santolina, Scolymus, Scorzonera, Senecio, Serratula, Solidago, Soliva, Sonchus, Tanacetum, Taraxacum, Tolpis e Xanthium.