astrofísica
(
Ciencia que aplica os métodos da Física ao estudo da orixe, a composición e a evolución dos astros, a diferenza da Astronomía, que estudia principalmente os seus movementos, aparentes ou reais, no firmamento. A Astrofísica baséase na análise da radiación emitida polos obxectos celestes, a construción de modelos teóricos e a hipótese de que as leis da Física coñecidas e experimentadas na Terra son aplicables a todo o Universo. A radiación que chega dos astros é observada e analizada dende a Terra (espectro visible e radioondas) ou dende máquinas espaciais (espectro infravermello, ultravioleta, raios X e raios γ). O espectro visible foi estudado grazas á fotografía, á fotometría e á espectroscopia. W. Wollaston descubriu en 1802 raias escuras na zona visible do espectro solar, feito que foi descrito por J. Fraunhofer en 1815 e analizado por G. Kirchhoff. Nacía así a análise espectral. Arredor do 1857, W. Huggins usou a fotografía para rexistrar e analizar os espectros detidamente. E. Hertzsprung (1905) e H. Russell (1914) estudiaron o espectro dunha estrela e estableceron o diagrama de Hertzsprung-Russell. A radioastronomía posibilitou o feito de detectar fontes máis afastadas e descubrir fenómenos singulares do Universo, como os quasars (1960), a radiación cósmica de fondo (A. Penzias e R. Wilson, 1965) ou os púlsares (J. Bell Burnell, 1967). Construíronse radiotelescopios xigantes -como o de Arecibo- e utilizouse a interferometría para ensamblar un conxunto de radiotelescopios distribuídos nunha zona reducida (VLA, very large array), ou situados en continentes diferentes (VLBI, very long baseline interferometry). A Astrofísica conta con outras fontes de información, como os raios cósmicos e a detección de ondas gravitacionais ou de neutrinos. O lanzamento de satélites de observación permitiron a exploración directa do Sistema Solar, mediante sondas cósmicas para o recoñecemento dos planetas; así descubríronse os aneis de Xúpiter e Neptuno. A aparición da cosmoloxía teórica (relatividade xeral de Einstein, 1916) cambiou as ideas vixentes sobre a estrutura e a evolución do Universo. A confección do modelo de nucleosíntese estelar de Bethe e Weizsäcker, xuntamente con outras teorías (turbulencia e magnetohidrodinámica), permitiron entender mellor a natureza das estrelas.