astrometría
(
Parte da Astronomía que se ocupa do estudo da posición dos astros e dos seus movementos. O seu obxecto é o de transportar, pola medida dos ángulos, as direccións dos astros a puntos de referencia coñecidos. Os seus complementos matemáticos son, dunha banda, a mecánica celeste -e, en xeral, toda a astronomía teórica- e, doutra, a astronomía esférica. A Astrometría non se ocupa da distancia á que se atopan os astros, senón da dirección na que son observados; utiliza a proxección da súa posición real nunha esfera ideal, a esfera celeste. Mediante a trigonometría esférica é posible pasar das coordenadas observadas do astro (altura e acimut) ás coordenadas xeográficas do observador. Deste problema concreto ocúpase a parte da Astrometría chamada astronomía de posición ou astronomía náutica. A maioría dos instrumentos astronómicos teñen a súa aplicación na astrometría, como é o caso do círculo meridiano e do lente cenital fotográfico. O lanzamento de satélites astrométricos axuda a confeccionar novos mapas estelares (Hipparcos, 1988).