Atlántida

Atlántida
[PUBLIC]

Revista fundada na Coruña en 1954 por un grupo de escritores (Mariano Tudela) e artistas plásticos (Urbano Lugrís e Xosé María de Labra). No ano 1956, como consecuencia dos incidentes internos que provocou a morte de Ortega y Gasset -a quen lle dedicaran unha homenaxe-, suspendeuse a publicación da revista, polo que o número 13 dedicado a Valle-Inclán non chegou a saír. A revista tentaba ofrecer unha información de vangarda afastada do endemismo que caracterizaba o panorama cultural galego do momento, pretendendo buscar novos camiños fóra da cultura oficialista imperante, desmarcándose do provincianismo folclorista e do costumismo realista na plástica, así como do garcilasismo na poesía, buscando unha nova sensibilidade máis ligada a fórmulas internacionalistas, sen perder non obstante a tradición galega. A revista estaba estruturada en seccións e en áreas de responsabilidade. Urbano Lugrís ilustraba as portadas e todos os números; Labra compartía con el as tarefas de dirección artística e as ilustracións; e Tudela facía as entrevistas, críticas, traballos e selección de orixinais. Como colaboradores participaron nas ilustracións: Cebreiro, Mariano García Patiño, Antonio Tenreiro ou Alfonso Abelenda, en calidade de ilustradores; escritores como Ramón Otero Pedrayo, Eugenio D´Ors, Gómez de la Serna, Álvaro Cunqueiro, Ignacio Aldecoa, Xosé Díaz Xácome ou González Alegre enviaron diferentes colaboracións literarias; Vicente Risco, Filgueira Valverde, Ánxel del Castillo, Couceiro Tovar, Francisco Tudela, Benito Varela Xácome, Urbano Lugrís, Labra e Fernando Mon publicaron diferentes ensaios historiográficos, de crítica literaria, de arte, etc.

Palabras veciñas

Atlántida | Atlántida | Atlántida | Atlántida | Atlántida, La | Atlántida, L’ | Atlantique