atletismo

atletismo

(< atlet(a)

s m [DEP]

Conxunto de probas deportivas baseadas en accións naturais (carreira, salto, lanzamento e marcha), suxeitas á normativa dun regulamento, que teñen como finalidade o desenvolvemento e mellora das calidades físicas das persoas. A primeira referencia histórica a competicións atléticas data do 1829 a C, momento no que xorden os Xogos de Tailte en Irlanda: a lenda relata como o Rei Maghmor, da dinastía Firbolg, casou con Tailte, filla dun Rei da Península Ibérica. Tailte e Magmor non tiveron fillos, polo que adoptaron un rapaz, Lugh, quen, unha vez mortos os reis, creou os xogos para honrar a memoria da súa nai adoptiva. De todos modos, pódense fixar as orixes do atletismo fundamentalmente na antiga Grecia, onde a súa práctica estaba ligada á vida relixiosa, cultural e civil das polei. No ano 1453 a C, inauguráronse os Xogos Panatenienses e no 776 a C celebráronse na cidade de Olimpia os primeiros Xogos Olímpicos, en honor da máxima divindade, Zeus. Nun principio só se celebraban carreiras, pero máis tarde foron agregándose a loita, o salto de lonxitude e os lanzamentos de disco e xavelina, ata formar o pentatlón olímpico grego. Respectados durante a época romana, despois das invasións bárbaras (s IV) os Xogos Olímpicos desapareceron e con eles o atletismo. Na Inglaterra do s XII xurdiu de novo a afección aos deportes. Máis tarde, Enrique VIII de Inglaterra dedicouse persoalmente á práctica do atletismo, en especial a dos lanzamentos. No s XIX retomouse a práctica sistemática nas Illas Británicas, en Inglaterra e Irlanda. En 1849 establecéronse deportes atléticos na Real Academia Militar de Woolwich (Inglaterra). No ano 1861 fundouse en Inglaterra o primeiro club de atletismo, o Mincing Lane Athletic Club. En 1866 organizáronse os primeiros campionatos ingleses de atletismo e, dez anos despois, os de EE UU, país no que o desenvolvemento do atletismo escolar e universitario foi extraordinario. Na fin do s XIX creáronse en Londres as primeiras federacións, e en 1913 a Federación Internacional de Atletismo Amateur (IAAF), máximo organismo internacional que coordina e regula as competicións oficiais. Paulatinamente o atletismo estendeuse polos países de colonización británica, máis tarde por Europa occidental e setentrional, ata alcanzar despois o resto de Europa e de América. Actualmente o atletismo é o deporte con maior difusión nos cinco continentes e África, tradicionalmente pouco brillante noutras disciplinas deportivas, acabou converténdose, sobre todo nas probas de fondo e medio fondo, nunha das grandes potencias do atletismo mundial. Foi a partir da restauración dos Xogos Olímpicos en 1896, cando o atletismo comezou a estenderse por todo o mundo. Dende entón, sucedéronse e multiplicáronse as competicións: ademais dos Campionatos de Europa e do Mundo, o atletismo forma parte dos programas dos Xogos Panamericanos, dos da Commonwealth, dos do Mediterráneo, etc. Nos últimos tempos, o atletismo está a verse acosado por tres graves problemas que atoldan a súa pureza: o falso amateurismo ou profesionalismo encuberto, a politización e manipulación dos atletas para fins políticos e de propaganda, e a dopaxe. Coa paulatina profesionalización de case todos os deportes, o primeiro destes tres lastres perdeu importancia, mentres que o segundo, trala caída do Muro de Berlín e a fin da Guerra Fría, aparece focalizado sobre todo no Terceiro Mundo. En cambio, a dopaxe, ao igual que está a suceder en case todos os deportes, estase a converter nun grave problema. O maior escándalo do atletismo mundial tivo precisamente á dopaxe como protagonista, tras ser desposuído da medalla de ouro e do récord dos 100 o velocista canadiense Ben Johnson nos Xogos Olímpicos de Seúl (1988) en favor de Carl Lewis. Fundamentalmente este deporte conta con tres tipos de probas: carreiras, saltos e lanzamentos. As carreiras divídense segundo a distancia percorrida, en velocidade (os 100 m e 200 m); velocidade prolongada (400 m); semifondo curto (800 m, 1500 m e a milla); semifondo longo (3.000 e 5.000 m); fondo (10.000 m) e gran fondo, onde está, probablemente, a proba máis dura e mítica do atletismo, o maratón. Ademais tamén se disputan carreiras con obstáculos (110 m valos para homes e 100 m valos para mulleres, 400 m valos e 3.000 m obstáculos). Aínda que o atletismo é predominantemente un deporte individual, celébranse tamén carreiras de relevos por equipos, como os 4x100 m e os 4x400 m). Tradicionalmente, as probas de velocidade foron dominadas polos diversos equipos norteamericanos, tendo como grandes abandeirados a dous dos grandes mitos deste deporte, como son Jesse Owens (4 medallas de ouro nos Xogos Olímpicos de Berlín 1936) ou Carl Lewis, que repetiu a proeza do seu compatriota afroamericano en Los Ángeles 1984 e que foi a grande estrela do atletismo mundial durante a década de 1980. As probas de fondo foron o grande escaparate para o atletismo británico, con homes como Steve Cram ou Sebastian Coe, desbancados posteriormente polos africanos, principalmente etíopes, kenyanos, alxerianos e marroquís. As probas de marcha atlética cos 20 e os 50 km son a especialidade que reportou máis éxitos ao atletismo español. Fóra do programa olímpico están as carreiras de campo a través, sobre distancias comprendidas entre as 5 e as 9 millas, ou de 8 a 14 km. Os saltos divídense, segundo cal sexa o seu obxectivo, en salto de altura ou salto con pértega, probas nas que se busca acadar a máxima altura, e salto de lonxitude e tripla salto, que busca acadar a máxima distancia. Tamén os saltos axudaron a converter o atletismo nun deporte mítico, sempre na busca de mellorar as marcas. Así, o ucraníno Sergei Bubka entrou na historia ao se converter no primeiro home capaz de saltar por riba dos 6 m, axudándose dunha pértega. O xa citado Carl Lewis esgotou a súa carreira loitando fronte ao fantasma da marca acadada por Bob Beamon nas probas de lonxitude en México 1968 (8,90 metros). Finalmente, non sería o atleta californiano, campión olímpico nesta disciplina en 1984, 1988, 1992 e 1996, senón o seu compatriota Michael Powell o encargado de romper unha das barreiras míticas deste deporte. Os lanzamentos, sempre en busca da maior distancia, son o peso, disco, martelo (cunha bóla unida a un cable de aceiro) e xavelina. As probas combinadas son o pentatlón (200 m e 1.500 m, salto de lonxitude e lanzamentos de disco e xavelina) e o décatlon (100 m, 400 m e 1.500 m, 110 m valos, saltos de altura, lonxitude e pértega, e lanzamentos de peso, disco e xavelina) e a súa versión feminina, o heptatlón. Ao igual que na maior parte dos deportes, España tardou en incorporarse ao concerto internacional nas probas atléticas. Os primeiros campionatos de España celebráronse en 1917. A Guerra Civil española e a Segunda Guerra Mundial complicaron a participación en probas internacionais. A reaparición no concerto internacional tivo lugar nos Xogos Olímpicos de Londres 1948. A participación hispana nas probas atléticas foi discreta porque as súas marcas aínda quedaban afastadas das dos grandes dominadores do atletismo mundial. Os primeiros galardóns para o atletismo español tardarían en chegar. Un dos fitos produciuse a finais da década de 1960, cando o equipo español acadou, por primeira vez na historia, a clasificación para o III Campionato de Europa, no que acadou o cuarto lugar, cunha histórica vitoria de Mariano Haro nos 10.000 m. España acadou a súa primeira medalla olímpica, que foi de ouro, nos Xogos Olímpicos de Moscova 1980, na persoa de Jordi Llopart nos 50 km marcha, especialidade na que os atletas españois seguen a ser, xunto a mexicanos e portugueses, grandes dominadores. Os éxitos sucedéronse durante toda a década de 1980, na que se pode destacar a medalla de bronce lograda en 1.500 m por José Manuel Abascal nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 1984. Nos Xogos Olímpicos de Barcelona 1992 produciuse un punto de inflexión: Daniel Plaza e Fermín Cacho proclamáronse campións olímpicos nos 20 km marcha e nos 1.500 m, respectivamente. Antonio Peñalver gañou a medalla de prata en décatlon e Javier García Chico o bronce en salto con pértega. Na década de 1990 os éxitos estendéronse a novas disciplinas. No maratón Martín Fiz en 1995 e Abel Antón en 1997 e 1999 proclamáronse campións do mundo (Fiz foi subcampión no 1997). En 1994 o propio Fiz, ouro, Diego García, prata, e Alberto Juzdado, bronce, protagonizaron un histórico podio nos Campionatos de Europa de Helsinqui. En 1999, nos Campionatos do Mundo celebrados en Sevilla, Niurka Montalvo (de orixe cubana nacionalizada española) e Iago Lamela (asturiano, fillo de galegos) acadaron as medallas de ouro e prata respectivamente no salto de lonxitude. Ao igual que ocorre no caso español, o atletismo galego tardou en asomarse ao contexto internacional. Haberá que esperar ata os Xogos Olímpicos de Roma 1960 para ver a un galego tomar parte na principal competición atlética, foi o vigués Carlos Pérez, quen tamén participou en México 1968 e Múnic 1972. Outro dos destacados do atletismo galego foi o tamén vigués Javier Álvarez Salgado, que colleitou importantes éxitos a nivel continental e participou nos Xogos Olímpicos de México e Múnic. Actualmente, unha xeración puxante de novos atletas, dos que o máis veterano é o fondista Alexandre Gómez, que xa estivo presente nos Xogos de Seúl 1988 e Barcelona 1992, tomou o relevo dos históricos. Xunto a Gómez, centralizan a maior parte da atención a corredora Xulia Vaquero, unha das figuras en progresión do atletismo español que recolle o testemuño da tamén galega Estela Estévez, olímpica en Barcelona 1992 e Atlanta 1996, Carlos Adán, olímpico en Barcelona 1992 e o coruñés Andrés Díaz.