aureana

aureana

(< lat auru)

s f

Muller que se dedica a recoller as areas auríferas depositadas polos cursos fluviais, especialmente nas comarcas de Valdeorras, Lemos, Quiroga e Trives, e no golfo Ártabro. Nestas areas, o ouro preséntase polo xeral en forma de escamas e, máis raramente, de pebidas. O Miño, o Sil e os seus afluentes son os máis ricos en partículas de ouro. Da primitiva explotación destes depósitos quedan mostras nas Médulas, en Montefurado e nos lavadoiros de San Miguel de Outeiro, Vilamartín de Valdeorras e na canle do río Xares. Existen aureanas en Galicia dende época prerromana. As mulleres amasaban as areas auríferas, lavando despois a masa en barutos tecidos en forma de cesta. O oficio de aureana era característico da parroquia de Seadur, no concello de Larouco, e doutras dos concellos ribeiregos do Barco, Petín e Quiroga.