auriga

auriga

(< lat aurīga ‘cocheiro’)

  1. s m [HIST]

    Na Antigüidade grega e romana, condutor dun carro de cabalos. Na Grecia dos ss VIII-VII a C era quen conducía un carro de guerra. A partir do s VII a C convertéronse nos condutores de carros en xogos deportivos. En Roma o auriga era o condutor de carros en xogos circenses. Os aurigas romanos, tamén chamados agitatores, adoitaban pertencer a clases sociais inferiores, inda que moitos deles, grazas á súa habilidade na condución das carruaxes de cabalos, acadaron éxito e fortuna pecuniaria. Foron adoito representados nas artes plásticas da Antigüidade clásica, sendo a peza máis coñecida a escultura de bronce realizada en tamaño natural titulada Auriga de Delfos.

  2. s m

    cocheiro.

  3. s m [ASTRON]

    Nome latino dunha das constelacións boreais, tamén chamada Cocheiro.