Australia

Australia
Nome científico: [nome oficial ingl: Commonwealth of Australia]

Estado federal de Oceanía que comprende o continente de Australia e a illa de Tasmania (7.682.300 km2; 18.508.000 h [estim 1997]). A súa capital é Canberra. Non forman parte da federación, pero se encontran baixo a súa soberanía, as illas Norfolk, Mcquarie, Heard, McDonald Christmas, Cocos, Ashmore, Cartier e o territorio do Mar de Coral.
Xeografía física
Australia divídese en tres áreas claramente diferenciadas: as serras orientais, as terras baixas do centro e o escudo occidental. As serras orientais orixináronse polo dobramento a finais do Paleozoico dos sedimentos acumulados ao L do macizo australiano. No Terciario, a serra primaria elevouse en bloque e, ao longo de 300 km (Great Dividing Range) formou horsts, fallas, macizos e pequenas chairas litorais. O monzón do verán rega a zona tropical do NL e parte do L, de clima máis temperado grazas aos ventos do O e á corrente australiana oriental. Ao SL e ao S o clima é mediterráneo. De N a S elévanse os altiplanos de Atherton e de Buckland no interior. É unha área moi húmida (1.230 mm anuais en Townsville) e a temperatura é elevada (22,8°C de media anual). De Brisbane a Newcastle esténdese o altiplano de Nova Inglaterra. Á beira de Canberra as Blue Mountains forman un altiplano sucado polos ríos Cox, Hawkesbury e outros. Nas Snowy Mountains xúntanse as chuvias tropicais do N e as dos ventos de inverno do O (Sidney 1.219 mm, Canberra 584 mm). O bosque diminúe dende a costa ao interior. Na rexión de Victoria hai montañas ao L e ao N, onde comezan as chairas da conca de Murray. Ao S ábrese unha gran depresión cuberta por coadas volcánicas e aluvións recentes. O clima é mediterráneo (663,3 mm anuais de precipitación media). O cumio de Flinders limita as chairas co escudo australiano. As terras baixas do centro, situadas entre o Macizo Australiano ao O e as terras altas do L, e entre o golfo de Carpentaria ao N e as terras altas de Victoria ao S, forman unha depresión ás veces por debaixo do nivel do mar. É unha vasta chaira de aridez variable situada na conca do curso inferior do Murray-Darling, que comprende a cubeta do Eyre e a Gran Conca Artesiana. A primeira é unha área de solos vermellos oxidados e endurecidos pola aridez, formada tamén por un fértil solo negro de orixe volcánica. O curso baixo do Murray é unha rexión seca con chuvias escasas e desiguais (Broken Hill, 246 mm de precipitación anual) e ríos irregulares. A rexión de Adelaida é un pouco máis húmida. A cubeta do Eyre, extremadamente seca (130 mm de chuvia á beira do lago), é a parte máis baixa de toda a depresión. Ao N a Gran Conca Artesiana está formada por unha capa de xistos que recobren rochas de carácter poroso e areoso, onde se acumulan as augas subterráneas que chegan ás montañas do leste. O macizo occidental australiano ou escudo australiano é un vello zócolo de granito e de rochas metamórficas da fin do Precámbrico que ocupa a metade do continente. O relevo raramente supera os 600 m. É unha área seca e árida coa excepción do extremo N, de pluviosidade moderada. Entre 10° e 40° de latitude S esténdense desertos interiores (Gran Deserto Areoso ao N, Gibson e Simpson no centro e Victoria ao S). As temperaturas son altas (Marble Bar rexistra 35°C á sombra máis de 100 días ao ano). Ao SO, o clima mediterráneo fai de Swan Land a zona máis rica do macizo australiano. A chaira de Nullarbor é un altiplano desértico onde as escasas augas superficiais se filtran e orixinan unha morfoloxía cárstica. O antigo illamento de Australia preservou un certo carácter arcaico da fauna e da flora, con numerosas especies exclusivas. A selva chuviosa tropical de tipo indomalaio e a subtropical esténdense en claros descontinuos pola costa NO. As rexións meridionais de Victoria dan lugar a bosques exuberantes de laurifolios con epífitos, palmeiras e fentos arborescentes, onde hai tamén numerosas especies de eucaliptos; unha vexetación análoga reaparece no extremo SO entre Perth e Albany. Ao pasar a territorios máis áridos ou degradados, o bosque laurifolio transfórmase nunha paisaxe aberta de eucaliptos con sotobosque semellante ao do maquis mediterráneo. Nas zonas marxinais do N, no L e SL hai bosques sabanoides con predominio de eucaliptos e sotobosque abundante e rico en especies herbáceas. No interior e no O predomina unha sabana seca de acacias entre as que destaca Acacia aneura, árbores do xénero Casuarina, numerosas poáceas, etc, que alterna a miúdo con áreas cubertas por almofadas de poáceas de folla dura acabadas en espiñas, principalmente dos xéneros Triodia e Plectrachne. O chamado deserto australiano dos altiplanos interiores é en realidade un subdeserto semellante á sabana seca de herbas do xénero Spinifex, coñecido como scrub; ao S, os poboamentos de quenopodiáceas halófilas son abundantes. Nas montañas do SL a selva acaba entre 1.600 e 2.000 m de altitude. Por debaixo desta altitude, os bosques aínda están formados basicamente por eucaliptos, mentres que as faias austrais (Nothofagus) teñen aquí un papel secundario. Por riba dos bosques a matogueira esclerófila alterna con prados de aspecto alpino xunto con algunhas especies de holárticas e pequenas turbeiras. A fauna australiana é aínda máis característica ca a flora. Todos os mamíferos autóctonos pertencen aos grupos máis arcaicos: monotremas (exclusivos de Australia), como o ornitorrinco, os marsupiais, o canguro e o coala. O dingo é un can introducido polos aborixes. Os coellos, as ovellas e outros animais domésticos chegaron coa colonización europea. Un terzo das aves australianas son endémicas. Destacan o casuario, o emú e a ave lira. Polo que respecta aos invertebrados, describíronse insectos e isópodos de xacementos de carbón triásicos de Queensland moi semellantes ás especies aínda vivas en Australia.
Xeografía económica
Tanto a distribución sectorial da poboación activa como a participación dos distintos sectores no PIB, amosan un predominio aplastante das actividades terciarias, que concentran ao 73% dos traballadores e achegan unha porcentaxe da produción nacional similar (en torno ao 69%). O sector primario abrangue só ao 5% dos empregos, e produce o 4% do PIB. A agricultura, malia a súa escasa importancia porcentual, é moi produtiva. Outro dos seus trazos característicos é o grao de diversificación que acada, debido á extensión do país e ao amplo abano de condicións climáticas e edáficas que se rexistran no seu territorio. Ao N hai cultivos tropicais e explótanse as árbores de madeiras preciosas do bosque tropical. As chairas costeiras e os vales ben regados do S da Great Dividing Range están dedicados ao millo, ás verduras e á forraxe. No secaño, grazas ao dry-farming, hai cereais. Na rexión de Victoria hai cultivos de regadío que aproveitan a auga da conca de Murray-Darling e a do desxeo das Snowy Mountains. Os solos vermellos, profundos e fértiles, aprovéitanse para os cultivos de horta, campos de forraxe e vides. A principal produción agraria do país é a cana de azucre, con 41,3 millóns de toneladas (o 6º produtor mundial en 1997) e 425.000 ha. O cultivo que abrangue máis superficie é o trigo, estendido sobre case que 11 millóns de ha, que achegaron en 1997 unha produción de 185,5 millóns de toneladas (9º produtor mundial). A colleita de cebada (5,65 millóns de toneladas en 1997; 10º produtor mundial) fornece á industria da cervexa, que cunha produción de 17 millóns de hl sitúa a Australia como o 17º fabricante. A gandería é un sector clave dentro do sector primario. Australia posúe a segunda cabana ovina do mundo, con máis de 123 millóns de cabezas (1997), que a converte no primeiro produtor e exportador mundial de la (447.000 toneladas en 1997). A cabana bovina é a 9ª do mundo, con 26 millóns de reses (1997). Ademais da la, destacan as producións de queixo (270.000 toneladas; 14º produtor mundial) e carne (3.269.000 toneladas; 13º produtor mundial). A porcentaxe de participación da pesca no sector primario é modesta, e as capturas (191.533 toneladas en 1996) céntranse en especies de alto valor no mercado, como por exemplo as ostras e outros moluscos. Entre os recursos minerais destaca a conca hulleira nas proximidades de Newcastle, e tamén as minas de zinc, chumbo e cobre. A metalurxia, que se concentra en Newcastle e Port Kembla, fornece de aceiro as dársenas de Sidney e as fábricas de avións de Sidney e Melbourne. A principal refinería de ouro do país sitúase en Melbourne. Na metalurxia de Whyalla trabállase o ferro e o aceiro. Ao N da Gran Conca Artesiana esténdense amplios pastos que sustentan unha numerosa cabana ovina. As minas de Cobar, Broken Hill e Cloncurry son moi importantes. No Macizo Occidental Australiano a minería fixo medrar cidades no medio do deserto: Kalgoorlie (ouro), Yampi Sound (ferro), Alice Springs (uranio). Swan Land é unha zona agrícola importante, e na península de Eyre hai minas de ferro (Iron Knob co filón de Iron Monarch) traballado en Whyalla A minería constitúe unha das actividades básicas de Australia: é o primeiro produtor mundial de bauxita (43 millóns de toneladas en 1996) e o segundo de chumbo (507.000 toneladas en 1996) e de uranio (3.712 toneladas en 1995). É tamén o terceiro produtor mundial de ferro (87 millóns de toneladas en 1995), zinc (1.028.000 toneladas en 1996), manganeso (1.023.000 toneladas en 1996) e níquel (113.100 toneladas en 1996). Outras extraccións importantes son as de estaño (11.568 toneladas en 1996; 6ª produtor mundial), cobre (484.000 toneladas en 1996; 5º produtor), sal (8,5 millóns de toneladas en 1996; 7º produtor mundial), lignito (50,7 millóns de toneladas en 1995; 8º) e antracita (191 millóns de toneladas en 1995; 5º). Desde 1965 obtén petróleo e, máis recentemente, gas natural. Australia posúe ademáis unha grande riqueza de metais e pedras preciosos: é o primeiro produtor mundial de diamantes con 40,6 millóns de quilates (1995), o terceiro de ouro (289 toneladas en 1996) e o sexto de prata (1.020 toneladas en 1996). O sector secundario achega o 27% do PIB e acolle ao 22% da poboación activa. Desenvolvéronse industrias de construción mecánica, maquinaria e material agrícola, construción naval e aeronáutica. A industria siderúrxica sitúaa entre os primeiros lugares na produción de aluminio (4ª produtor mundial en 1996 con 1.387.000 toneladas), fundición de chumbo, zinc e cobre. A industria química é capital, sobre todo polo que se refire aos produtos petrolíferos. No téxtil, á industria laneira e algodoneira engadíuselle a de fibras sintéticas. Nos transportes interiores dispoñen dunha boa rede de liñas férreas (36.212 km) e de estradas (913.000 km en 1996, 426.500 deles asfaltados), densa no L e no SL; pola contra, só posúe 1.360 km de autoestradas. O parque automobilístico é un dos máis altos do mundo por habitante (11,2 millóns, dos que 8,7 millóns son turismos). A mariña mercante ten bos portos no L e no S. A aviación exerce un papel importante polas grandes distancias internas e a separación dos polos de economía mundial. O turismo vaise expandindo, sobre todo no mundo de fala inglesa: en 1996 recibiu 4.165.000 turistas. Australia ten unha das rendas por habitante máis altas do mundo (20.090 dólares en 1996). A partir de 1939 pasou de ser un país agrícola e gandeiro a estar fortemente industrializado, e desde a década de 1960 mantén un alto ritmo de crecemento (entre 1980-1989 unha media do 3,5% anual). A moeda de curso legal é o dólar australiano, que substituíu á libra australiana no 1966. O banco emisor é o Reserve Bank of Australia. En 1976 adoptouse o sistema decimal para os pesos e medidas. O saldo do comercio exterior arroxa un lixeiro superávit (1990) e as principais partidas de exportación son as materias primas, especialmente minerais (24,3%), carburantes minerais e lubricantes (20,4%), produtos agrícolas (18,1%), petróleo e gas natural (8%). Australia importa sobre todo maquinaria (29%), equipamento de transportes (15,6%) e produtos químicos (10,5%). Por orde de importancia, os primeiros clientes son Xapón, os EE UU e Corea do Sur, e os provedores, os EE UU, Xapón e o Reino Unido. Os investimentos extranxeiros proceden principalmente dos EE UU, Xapón e dos países da Unión Europea, especialmente o Reino Unido.
Xeografía humana e sociedade
País pouco poboado, a mediados do s XIX produciuse unha inmigración en masa provocada pola descuberta de ouro. Despois esa poboación foi medrando a un ritmo máis lento: 400.000 h no 1850, 800.000 h en 1900, 14.044.000 h en 1976, 14.926.800 h en 1981, 17.800.600 h en 1993 e 18.508.000 h estimados en 1997. Máis do 95% da poboación actual de Australia está formada por nórdicos, procedentes na súa maioría das illas Británicas. Os aborixes australianos, únicos poboadores de Australia ata o establecemento dos europeos, representan actualmente o 2% da poboación. Constitúen un grupo marxinado pola poboación europea, vivindo na súa maioría en reservas protexidas polo Estado: uns concéntranse nas misións e outros entraron ao servizo dos gandeiros. O medo polo “perigo amarelo” e a primacía do discurso da White Australia, especialmente ata 1960, unido á necesidade de man de obra alentou unha política natalista e inmigratoria; sen embargo, mentres se animaba a inmigración procedente dos países europeos, limitábase a entrada de asiáticos. A situación variou notablemente na década dos oitenta: o 22% da poboación inmigrante no 1991 procedía do Reino Unido, Irlanda e Nova Celandia, e o 39% de estados do sueste asiático. A taxa de crecemento natural é do 7,2% en 1996, a natalidade do 14,1‰ e a mortalidade do 6,9‰. Australia ten unha densidade de poboación moi baixa (2 h/km2en 1996) e está irregularmente distribuída. A poboación concéntrase no SL, cun clima e uns recursos naturais máis favorables, mentres que o interior e o O están practicamente despoboados. Así mesmo, a porcentaxe de pobación urbana (84,7% en 1995) é moi elevada. O idioma oficial é o inglés. A maioría da poboación declárase cristiá (43,9% protestantes, 27,3% católicos e 2,8 ortodoxos), pero tamén conviven outras minorías relixiosas: musulmáns (0,9%), budistas (0,8%) e hebreos (0,4%), nun estado oficialmente laico que non destina ningunha axuda aos cultos relixiosos. O ensino é gratuíto e obrigatorio desde os 6 aos 15 anos. Malia que cada estado ten un ministerio de Educación propio, do que dependen as escolas públicas, o ensino é uniforme en todo o Estado. As escolas privadas, maioritariamente católicas, tiñan en 1990 o 28% da poboación escolar. Para atender á poboación espallada, desenvolveuse extraordinariamente o ensino a distancia (correspondencia, radio e televisión). O bacharelato dura 5 anos como máximo. O ensino superior non é totalmente gratuíto e hai 44 institucións estatais de ensino superior (1990). O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1995 situaba a Australia entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 14º posto cun índice 0,931). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacemento é de 78,2 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 99,0% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 79%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 16.632 $ USA.
Goberno e administración
Estado federal independente no ámbito da Commonwealth que comprende seis estados federados (Nova Gales do Sur, Victoria, Queensland, Australia Meridional, Australia Occidental e Tasmania). Comprende, ademais, un territorio e un distrito capital, e exerce a soberanía sobre diversos territorios de Oceanía e Antártida. Baseándose na Constitución de 1901, o soberano do Reino Unido está representado por un gobernador xeral e por gobernadores nos estados federados. O executivo está formado por un primeiro ministro e por un Consello Executivo Federal. O lexislativo reside no Senado, composto por 76 membros (12 por estado e 2 por territorio) elixidos por sufraxio universal cada seis anos e coa metade renovable cada tres anos, e na Cámara de Representantes, composta por 148 membros elixidos por sufraxio universal cada 3 anos. O 13.2.1998 unha Convención Constitucional votou a prol do paso á República, cun Presidente elixido polo Parlamento. Esa nova forma de goberno, que tiña que ser ratificada por un referendo popular (6.11.1999), non acadou os votos precisos (46% votos a prol da República, maioritariamente urbanos e de clases medias, fronte ao 54% a prol da monarquía, maioritariamente rurais e das periferias urbanas) para ser confirmada. O ordenamento xudicial baséase no dereito común británico. Cando as colonias se converteron en estados, a constitución federal distribuíu as competencias lexislativas entre eles e a Commowealth australiana, dando lugar a novos sistemas xurídicos (oito dos estados e territorios, máis o da Commowealth de Australia). A autoridade federal predomina ou é exclusiva en temas como a lexislación e a xurisdición laborais, a seguridade social e as finanzas. O Tribunal Supremo é o máximo órgano xudicial. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP), Protocolo Facultativo do PIDCP, Segundo Protocolo Facultativo do PIDCP relativo á abolición da pena de morte, Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, Convención contra a Tortura e outros tratos ou penas crueis, inhumanas ou degradantes, Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951), Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967) e Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller. O goberno australiano tomou medidas, sen embargo, para limitar os efectos dalgúns destes tratados internacionais e acepta con reservas a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza da ONU. O Comité de Dereitos Humanos da ONU concluíu que a política australiana de deter preceptivamente aos solicitantes de asilo vulneraba as obrigas contraídas por Australia. Así mesmo, a porcentaxe alarmantemente alta de mortes baixo custodia, especialmente de aborixes, suscita preocupación por posibles malos tratos policiais. Os partidos políticos máis importantes son o Australian Labour Party (1981), socialdemócrata, o Liberal Party of Australia (1920) e o National Party of Australia (1916). Australia é membro da Commowealth, do Pacto de ANZUS, da ONU, da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), da Cooperación Económica de Asia-Pacífico (APEC) e da Comisión do Pacífico (PC).
Historia
Os materiais arqueolóxicos atopados en Australia son moi escasos e semellantes aos artefactos dos aborixes actuais. Así mesmo, proceden de Australia restos humanos fósiles (cranios de Talgai, Cohuna e Keilor) que presentan trazos que non conservan os aborixes actuais, aínda que gardan moito parecido. Son de grande interese as pinturas rupestres de certas covas prehistóricas nas que se descubriron mans en positivo e negativo, animais máis ou menos realistas e seres quiméricos, todo en ocre, vermello, amarelo e negro de carbón. O poboamento de Australia, iniciado durante a última glaciación (40.000 a C), recibiu influencias culturais probablemente melanesias cara ao 3.000 a C, aínda que non supuxeron ningunha ruptura na continuidade dos poboadores orixinais. En 1567 Álvaro de Mendaña descubriu as illas Salomón e posteriormente (1606) Luis Vaes de Torres o estreito que se chamou de Torres. Non obstante , foron os holandeses os que iniciaron as viaxes de exploración. Os barcos da Compañía das Indias Orientais, que facían o traxecto do cabo da Boa Esperanza a Batavia, percorreron as costas oeste e norte de Australia, que logo serían chamadas costas de Nova Holanda (1644). Así, Willen Jansen descubriu o golfo de Carpentaria (1606), Dirk Hartog chegou á Shark Bay en 1616 e Abel Tasman, quen despois de descubrir a illa de Tasmania en 1642, viaxou cara á costa de Nova Celandia e nunha segunda viaxe explorou a costa norte australiana. Durante o s XVIII os británicos amosaron un grande interese polo novo continente: James Cook, no transcurso dunha das súas viaxes (1770), explorou as costas da Australia oriental dende Sidney ao estreito de Torres. Flinders propuxo en 1814 a adopción do nome de Australia para o novo continente en lembranza da lendaria terra Australis. O recoñecemento do interior realizouse durante o s XIX. Entre 1817 e 1845, Oxley, Evans, Sturt e Mitchell percorreron a conca hidrográfica do Murray. Eyre explorou o centro de Australia (1839-1941), Leichhardt o norte (1844-1848), e Gregory o oeste (1846-1856). Burke (1860-1861), Mackinley (1861-1862) e Mac Donall Stuart (1862) atravesaron o continente de sur a norte. No ano 1770 James Cook tomou posesión, en nome da coroa inglesa, da costa suroriental de Australia, que se converteu en colonia penal. O primeiro convoi de presos, comandado polo capitán Phillip, chegou a Botany Bay en 1788 e instalouse en Port Jackson (Sydney); nacía así a primeira colonia británica, denominada Nova Gales do Sur. A partir de 1793 comezaron a chegar os primeiros colonos libres (settlers). Cara ao 1797 introduciuse a produción de bens. Os colonos conseguiron que despois de 1840 non chegasen novos convitos a Nova Gales do Sur. No 1842 creouse un consello lexislativo de 36 membros, dos que 24 eran electos. Durante todo este tempo as loitas a propósito da venda de terras entre os squatters -colonos usurpadores-, e os settlers -colonos regulares- foron constantes. Mentres tanto, fundáronse novas colonias: Tasmania, que primitivamente era unha dependencia de Nova Gales do Sur, constituíu unha colonia en 1825. En 1829 fundouse Australia Occidental. A deportación, comezada no ano 1843, foi abolida en 1868. A colonia de Australia Meridional, obra da South Australian Association de Edward -que quería trasladar ao novo continente un fragmento da sociedade británica-, foi creada en 1834, conseguindo un réxime xurídico semellante ao das anteditas en 1850. Victoria, comprendida dentro de Nova Gales do Sur, acadou o estatuto de colonia en 1851. Algúns colonos que se estableceran en Queensland no ano 1824 separáronse de Nova Gales do Sur en 1859. Cara ao 1850, o descubrimento de ouro en Victoria provocou unha grande inmigración. Ese ano o Reino Unido autorizou réximes autónomos ás colonias aparecidas no transcurso dos 25 anos anteriores (Tasmania, Australia Meridional e Victoria), ás que se engaden Queensland en 1859 e Australia Occidental en 1890. O novo réxime comprendía unha asemblea lexislativa elixida cada cinco anos polos electores censatarios (agás en Australia Meridional, onde rexía o sufraxio universal) e un consello que formaba a cámara alta, composto por membros nomeados polo gobernador ou escollidos polos electores. No ano 1852 inaugurouse a Universidade de Sydney e en 1854 a de Melbourne. Tamén se crearon novas vías de comunicación e explotaron novos xacementos minerais: prata, cobre, etc. En 1883 a Convención de Sydney propuxo a creación dun Consello Federal, que tivo unha curta existencia por mor da oposición de Nova Gales do Sur. En 1891, 45 representantes das colonias reuníronse en Sydney e presentaron un proxecto de Constitución que foi aprobado en 1899. Finalmente, o 1 de xaneiro de 1901, o Parlamento Británico proclamou a Commonwealth de Australia, que estableceu o sistema constitucional actual. Durante os primeiros anos da Commonwealth enfrontáronse librecambistas e proteccionistas. O Partido Conservador, dirixido por Alfred Deakin, triunfou sobre os liberais librecambistas coa axuda do Partido Laborista. O seu programa estaba baseado na expulsión dos inmigrantes non europeos, especialmente os asiáticos, o establecemento de fortes tarifas aduaneiras e a organización do exército. A chegada ao poder dos laboristas en 1908 acentuou estas medidas. Os sindicatos, organizados seguindo o modelo das Trade Unions británicas, obtiveron en 1856 a xornada de 8 horas en certos sectores produtivos e no 1905 conseguiuse o dereito a voto das mulleres. Durante a Primeira Guerra Mundial, Australia púxose do lado da ex-metrópole, polo que unha vez rematada se apropiou, xunto con Nova Celandia, dos antigos dominios alemáns ao sur do Ecuador. Nos anos da posguerra desenvolveu unha industria local apoiada polo capital estranxeiro e polas medidas gobernamentais promovidas por unha coalición nacionalista e agraria que reforzaron as medidas proteccionistas (1921). En 1927 a capital trasladouse a Canberra, incrementáronse as relacións co Reino Unido para favorecer a inmigración e o Banco da Commonwealth foi autorizado a emitir papel moeda. A finais da década dos vinte as eleccións deron o goberno aos laboristas, que debido á depresión económica do 1929 aplicaron un programa proteccionista e de forte austeridade. En 1932 asinouse o acordo de Ottawa, polo que os produtos australianos obtiveron un mercado privilexiado dentro do Imperio Británico. Ao principiar a Segunda Guerra Mundial accederon ao goberno os conservadores con Robert G. Menzies á fronte, e Australia volveu loitar como aliada do Reino Unido. En outubro de 1941 volveron ao poder os laboristas, dirixidos por John J. Curtin, e dous meses despois enfrontáronse aos xaponeses. Curtin solicitou o apoio dos EE UU e tralo bombardeo de Darwin (febreiro de 1942) decidiu o recrutamento en masa. Os xaponeses desembarcaron en Nova Guinea e nas Salomón, pero a vitoria da flota americana no Mar do Coral (maio de 1942) impediu a invasión nipona de Australia. Despois da guerra, Australia foi admitida na ONU. Entre 1949 e 1972 gobernou unha coalición liberal-nacional; o cargo de Primeiro Ministro foi ocupado sucesivamente por R. G. Menzies (1949-1966), H. Holt (1966-1967), Mc Ewen (1967), J. G. Gorton (1968-1971) e Mc Mahom (1971-1972). Na política exterior potenciouse o aliñamento cos EE UU: envío de tropas a Corea (1950-1953), adhesión ao ANZUS (1951) e á SEATO (1954), e envío de tropas ao Vietnam (1966-1971). No 1972 o Partido Laborista, dirixido por E. G. Whitlam, gañou as eleccións e levou a cabo un amplo programa de reformas sociais e unha nova política exterior menos dependente dos EE UU: recoñecemento oficial da China Popular e do Vietnam do Norte en 1973, e concesión da independencia a Nova Guinea en 1975. No mesmo ano, unha crise constitucional levou ao poder á coalición liberal-nacional de Malcolm Fraser, que gobernou ata 1983, cando retornou ao poder o Partido Laborista liderado por Robert Hawke, Primeiro Ministro ata 1991, cando foi substituído por Paul Keating. A crise económica e o aumento do desemprego en 1983 e 1989-1990 combatéronse con medidas de austeridade e restricións á inmigración. En 1986 a Australian Act derrogou os últimos poderes de intervención directa do Reino Unido nos asuntos australianos. En política exterior Australia negouse a secundar as sancións a Nova Celandia polo seu abandono do ANZUS (1984). As eleccións de marzo de 1993 confirmaron no poder aos laboristas, liderados por Keating, que acentuou aínda máis as reformas de signo liberal, ata o punto de abandonar en gran parte o elevado grao de protección social do estado australiano. Así mesmo, Keating impulsou as relacións cos estados do sueste asiático, en detrimento dos tradicionais vínculos co Reino Unido e cos EE UU, e adoptou algunhas medidas tendentes ao recoñecemento dos dereitos dos aborixes sobre a terra, feito que provocou unha forte polémica pola oposición, sobre todo dos gandeiros e das empresas mineiras. Malia o considerable éxito da súa xestión, Keating non puido evitar o desgaste do seu goberno, cada vez máis acosado polas acusacións de corrupción, e nas eleccións do 2 de marzo de 1996 foi derrotado pola coalición conservadora Partido Liberal-Partido Nacional. O seu líder, John Howard, asumiu o cargo de Primeiro Ministro. Froito dos problemas creados pola política liberal e pola globalización, o país quedou colapsado en abril de 1998 por unha forte protesta sindical que bloqueou o tráfico portuario e provocou cuantiosos danos aos agricultores e gandeiros que exportan gran parte dos seus produtos. En canto ao recoñecemento dos dereitos violados dos aborixes aprobouse unha indemnización a título de resarcimento; sen embargo, o goberno rexeitou presentar escusas oficiais. En política internacional Australia participou cun forte continxente na misión da ONU para a pacificación de Timor Oriental no verán de 1999; ademais, o porto de Darwin foi o lugar dende onde partiu esa misión internacional.