austronesio -sia

austronesio -sia
  1. adx [LING]

    Relativo ou pertencente ao austronesio.

  2. s m [LING]

    Grupo de linguas asiáticas que, xunto co grupo de linguas daicas, forma a variante austro-tai da familia aústrica. Comprende máis de 900 linguas, a maioría delas pertencen ao subgrupo malaio-polinesio, que inclúe entre outras: o indonesio, o malaio, o xavanés, o tagalo, o malgaxe, o taitiano, o hawaiano, o maorí, o fidxiano e o samoano. A familia austronesia abrangue unha ampla área xeográfica dende Madagascar ata as Illas Orientais e dende Taiwán ata Nova Celandia, unha extensión territorial que se reflicte nun nome alternativo que ás veces se lle dá, familia malaio-polinesia. Constitúe unha das familias máis grandes, tanto polo número de falantes, uns 200 millóns, como polos seus membros, entre 500 e 700. Adóitase diferenciar dentro da familia austronesia dous grupos principais que atravesan a illa de Nova Guinea: O grupo occidental comprende ao redor dunhas 400 linguas, que se falan en Madagascar, Malaisia, as Illas de Indonesia, Filipinas, Taiwán, zonas de Vietnan e Kampuchea, e o extremo occidental de Nova Guinea. Inclúe tamén dúas linguas de Micronesia: o chamorro e o palavano. O grupo oriental, tamén coñecido como oceánico, abrangue unhas 300 linguas, a maioría delas faladas en Nova Guinea e nas 10.000 ou máis illas que constitúen Melanesia, Micronesia e Polinesia. A pesar da súa diversidade xeográfica e lingüística, o grupo oriental conta unicamente cun pequeno número de falantes (menos de dous millóns). As numerosas diferencias estruturais entre as linguas austronesias levou a pensar que esta familia se desenvolveu durante máis de 4.000 anos. Os datos arqueolóxicos e lingüísticos indican que a súa orixe xeográfica se sitúa probablemente na área de Nova Guinea, aínda que as súas orixes históricas seguen sendo escuras e moi discutidas, a pesar das múltiples investigacións realizadas nos últimos anos sobre os seus membros xa se propuxeron varias subclasificacións lingüísticas opostas. Nesta parte do mundo resulta especialmente difícil establecer a identidade das linguas podendo ser designada unha mesma lingua con diferentes nomes e resultando especialmente dificultosa a delimitación entre lingua e dialecto; por exemplo, rexistráronse máis de setenta nomes diferentes para designar os distintos dialectos da lingua dayaco, falado no noroeste de Borneo e o sur de Sarawak, aínda que a investigación puidera descubrir que as diferencias entre estes dialectos responden en realidade a que se poderían considerar linguas distintas.