autocar
(< fr autocar < auto + ingl car ‘coche’)
Autobús concibido fundamentalmente para o transporte por estrada dun número relativamente reducido de persoas a distancias longas ou medias. Distínguense o autocar de liña, destinado a servicios xeralmente regulares, de distancias medias, do autocar de gran turismo, destinado a servicios xeralmente discrecionais, de longa distancia. Son vehículos xeralmente constituídos por un chasis, un motor posterior (de potencias semellantes ás dos autobuses), caixa de cambios manual de oito ou dez velocidades, freo eléctrico ou hidráulico e suspensión pneumática. Os autocares de gran turismo son espaciosos, están dotados con sistemas de acondicionamento de aire, pequenos lavabos, salóns de reducidas dimensións, cociña, bar, etc, e de grandes maleteiros para as equipaxes. Hai tamén modelos de dous pisos.