autoestrada

autoestrada

(

  1. s f

    Estrada de catro ou máis vías con sentidos de circulación separados por unha mediana central, con control total de acceso e proxectada para poder circular a velocidades elevadas. Os cruzamentos con outras vías de comunicación fanse con pasos a distintos niveis, e ás veces co emprego de viadutos para sortear zonas urbanas, depresións importantes, etc. Ao proxectar unha autoestrada téñense en conta, entre outros factores, a intensidade do tránsito, as velocidades previstas desexadas, as características dos vehículos, as do terreo e especialmente as posibles variacións destes factores no futuro. O radio das curvas en planta, os peraltes e a distancia de visibilidade dependen da velocidade específica do proxecto, que se adoita considerar de 120 km/h en terreo chan, de 100 km/h noutros tipos de terreo, e de 80 km/h en zonas urbanas. Nas autoestradas de campo aberto e de terreos chans acostúmanse a limitar as pendentes ao 3%, e a adoptar curvas verticais dunha lonxitude mínima de 150 m e radios mínimos de 800 m para curvas horizontais. No trazado en planta, as aliñacións rectas máis longas son substituídas por curvas de gran radio (de 5.000 a 10.000 m), que rachan a monotonía da marcha e evitan os cegamentos dos condutores. As velocidades elevadas permitidas nas autoestradas e a complexidade da manobra nas zonas preto dos enlaces obrigan a instalacións complementarias de sinalización, barreiras de seguridade, iluminación e áreas de mantemento e servicio. As autoestradas adoitan ser construídas e xestionadas por empresas particulares en réxime de concesión por parte das Administracións Públicas. Estas concesionarias impoñen aos usuarios unha peaxe para amortizar o investimento e obter os beneficios aos que aspira calquera sociedade mercantil. A primeira autoestrada foi construída na Italia de Mussolini, entre Milán e os lagos alpinos. Posteriormente, na Segunda Guerra Mundial, construíronse na Alemaña nazi con fins militares, e comezaron a facerse tamén nos EE UU. A partir do 1945 a maioría dos estados da Europa occidental e Canadá emprenderon a súa construción. Nas áreas máis densamente poboadas, as autoestradas constitúen, xunto cos ferrocarrís, a infraestrutura máis empregada para o transporte de persoas e de mercadorías. En España as autoestradas máis importantes son as que enlazan Bilbao e Barcelona, e a fronteira francesa con Murcia. Dado que o modelo inicial seguido para a construción de vías de alta capacidade foi a autoestrada, as rexións onde existe unha densidade maior son Catalunya e Euskadi, comunidades autónomas onde antes se dotaron desta clase de vías. En Galicia contamos con tres autoestradas: a autoestrada do Atlántico (A-9), a que comunica A Coruña con Carballo (A-55), e a do Val Miñor (A-57), que cobre o treito Teis-Baredo, entre Vigo e Baiona. A autoestrada A-9 foi promovida desde a administración central e cedéuselle a explotación a Autopistas del Atlántico, SA ao poñerse en servicio. A A-55 foi construída pola Xunta de Galicia e posta en servizo en principio para a circulación libre, pero logo dun breve período pasou á modalidade de pagamento. A primeira, máis importante tanto pola súa maior lonxitude como pola súa intensidade de tráfico e transcendencia económica, é a que une A Coruña con Vigo, ademais de estenderse cara a Fene e á fronteira con Portugal. A súa transcendencia é capital para Galicia: vertebra as áreas de maior dinamismo e riqueza económica da nosa Comunidade Autónoma, pois comunica os núcleos de poboación máis importantes do occidente do país e fai os seus servicios a preto dun millón e medio de cidadáns. A súa construción iniciouse en 1974, abríndose en primeiro lugar o treito A Barcala-Santiago Norte no ano 1979. No ano 1981 continuouse coa apertura do que une Pontevedra Sur e Vigo, e en 1984 construíuse o acceso á cidade da Coruña. Logo destas aperturas, o ritmo de construción sufriu unha forte demora ata o ano 1988, cando se abriu o paso que comunica Santiago Norte con Santiago Sur. A partir dese momento iniciouse un proceso de aperturas sucesivas de tramos, culminando coa unión entre Santiago Sur e Pontevedra Sur, co que remataba o substancial da Autoestrada do Atlántico. Máis recentemente (1998) abriuse o ramal Guísamo-Cabanas, rematando o traxecto ata Ferrol coa apertura do tramo Cabanas-Fene en xuño de 1999. No S, o tramo Rande-Puxeiros inaugurouse o 24 de maio de 1999, quedando pendente o inicio das obras entre Puxeiros e Tui, previsto para xuño do 2000. En suma, unha obra na que se investiu máis de 220.000 millóns de pesetas no período 1979-1995 e que, unha vez rematada, acadaría unha lonxitude de 206 quilómetros. As outras autoestradas en funcionamento son máis recentes pero, a diferenza da anterior, xa están totalmente rematadas, debido ao seu carácter local. Polo momento son os únicos viais de titularidade autonómica explotados de xeito indirecto na modalidade de peaxe. A súa finalidade é alixeirar de tráfico a sobresaturada estrada comarcal C-550 nos treitos que unen Carballo coa Coruña e Vigo con Baiona, e servir como medio para estruturar axeitadamente a conexión das comarcas de Bergantiños e do Val Miñor cos grandes eixes de comunicación de Galicia. A primeira destas vías, a A-55, foi construída en dúas fases: unha primeira con apenas 20 quilómetros partía da Coruña e chegaba ata Laracha; a segunda supuxo a súa prolongación ata rematar en Carballo. A A-57 foi construída dunha soa vez, e supuxo un investimento de 15.000 millóns de pesetas (90 millóns de euros). Nun futuro máis ou menos próximo ampliarase a rede de autoestradas, primeiro coa finalización dos tramos que aínda faltan por construír da autoestrada do Atlántico e, en segundo lugar, coa conclusión de novas vías independentes da anterior. A relacionada coa autoestrada do Atlántico é a que comunicará Santiago de Compostela e o Alto de San Domingos, aprobada en novembro de 1999. Este vial será promovido polo Ministerio de Fomento e, previsiblemente, continuará cara a Ourense nunha segunda fase.

  2. autoestradas da información [INFORM]

    Concepto ideado polo vicepresidente dos EE UU Albert Gore para referirse ás redes de comunicación de gran capacidade para a transmisión de datos. Popularmente chámaselle autoestrada da información á Internet, posto que a través dela é posible mandar e recibir todo tipo de datos. A diferenza estaría en que a súa capacidade tecnolóxica é moi limitada en numerosos aspectos; e por esa razón en 1999 se inaugurou a rede Abilene, primeira das que integrarán Internet 2. Aínda que esta nova rede non será accesible para os usuarios finais, senón para universidades, investigadores e empresas implicadas no seu desenvolvemento, servirá para probar novas tecnoloxías IP (Internet Protocol), aplicacións de seguridade para o comercio electrónico e a telemedicina, transmisión de vídeo en tempo real e outros servicios. Incluirá asemade unha nova versión do IP coa que se superará a falta de identificativos numéricos no sistema de dominios vixente.

Formas incorrectas

autopista