autógrafo -fa
(< auto- + gr γραϕός‘escrito’)
-
adx
Escrito da mesma man do autor.
Ex: Recibín un texto autógrafo onde recoñecín os rasgos caligráficos do famoso escritor.
-
s
m
[LIT]
Manuscrito dunha obra realizado polo autor da mesma. Os autógrafos dos escritores medievais son moi escasos. Xeralmente os autores ditaban as súas obras a copistas de oficio e eles limitábanse a engadir unhas palabras de salutación da súa propia man. A xenética textual valora os autógrafos na medida en que poden ser borradores que dean conta do proceso de creación dunha determinada obra.
Confrontacións: antetexto. -
sinatura autógrafa
[ARQUIV/PALEOG]
Nos documentos, as sinaturas autógrafas aparecen xa no s III en papiros exipcios, tradición que continuou en Occidente ata o s VII. Despois, ao minguar o número de persoas que sabían escribir, os nomes eran redactados polos notarios; o autor e as testemuñas só facían unha cruz, un punto ou un pequeno sinal autógrafo. O interese por recoller manuscritos autógrafos de persoas insignes data da época clásica, na que apareceu xa mencionado por Plinio o Novo. Considérase que a colección máis antiga pertenceu a Loménie de Brienne, secretario de Enrique IV de Francia. A compilación de autógrafos en forma de álbum xurdiu en primeiro lugar entre universitarios da Alemaña do s XVII, baixo os nomes de Album amicorum, Philoteca, Liber memorialis, etc. Dende hai tempo vén existindo un importante mercado de autógrafos a través de catálogos e poxas.