automobilismo

automobilismo

(

s m [DEP]

Utilización deportiva do automóbil. O automobilismo desenvolveuse a partir do 1895, cando se percorreu por vez primeira o traxecto París-Bordeos-París. Esta data significou o comezo dun progreso rapidísimo do deporte do automobilismo e popularizou as carreiras por estrada. Despois da tráxica carreira París-Madrid (1903), as competicións empezaron a ser organizadas en circuítos pechados ou autódromos, nos que foron aparecendo as medidas de seguridade que hoxe son regulamentarias. Actualmente se poden clasificar as diferentes probas automobilísticas en: carreiras de velocidade, de resistencia, de montaña, rallyes e autocross. A FIA (Federación Internacional de Automobilismo) organiza anualmente varias probas que puntúan para os campionatos de cada especialidade, entre os cales destacan o Campionato do Mundo de Fórmula 1 e o Campionato do Mundo de Rallye. Na modalidade de rallyes, o coruñés Luís Rodríguez Moya proclamouse Campión do Mundo en dúas ocasións (1990 e 1992) como copiloto do madrileño Carlos Sáinz. Ao redor deste deporte móvense cantidades millonarias de cartos, pois alén da repercusión publicitaria que supoñen os éxitos deportivos para os construtores e patrocinadores, a competición é un banco de probas indispensable para o desenvolvemento das innovacións técnicas en todos os sistemas (propulsión, seguridade, refrixeración, transmisión, etc) antes de que estas sexan aplicadas nos automóbiles destinados ao mercado.

Palabras veciñas

automedusa | automnesia | automóbil | automobilismo | automobilista | automobilístico -ca | automoción