autonomía

autonomía

(

  1. s f

    Calidade de autónomo.

    Ex: Fabricaron un novo modelo de avión con maior autonomía de voo ca os anteriores.

  2. s f

    Facultade de gobernarse polas leis propias.

    Ex: Ese concello ten autonomía suficiente como para non depender das decisións doutros.

  3. [DER/POLÍT]
    1. autonomía administrativa

      Autonomía da que gozan os concellos, as provincias e outras entidades territoriais, recoñecida e garantida pola constitución ou polo Estatuto de Autonomía. Comporta a potestade regulamentaria e a función executiva no ámbito das competencias previamente determinadas pola lei. É unha forma de descentralización.

    2. autonomía política

      Condición xurídico-política daquelas entidades ou daqueles organismos que, dentro da estrutura constitucional dun estado, teñen facultades para dotarse de leis propias. Permite exercer unhas facultades de plena liberdade lexislativa dentro do marco establecido por unha lei do estado, xeralmente de orde constitucional, dentro do cal actúa a entidade autónoma. Esta disposición da potestade lexislativa e a de carácter regulamentario exércense sen tutela nin vixilancia dos órganos do estado, pois de ser así trataríase dunha simple descentralización. A autonomía non implica, sen embargo, a facultade de declarar normas sen limitación; neste caso equivalería á autodeterminación constituínte, e a súa manifestación sería a plena soberanía e a creación dun estado. Historicamente, a autonomía concedida a distintas porcións do territorio, dentro do marco do estado unitario, responde á necesidade de dotar dun estatuto xurídico-político diferenciado a aquelas entidades que presenten fortes particularidades respecto das do resto do territorio. É un xeito de facer compatible o principio unitario da soberanía co particularismo nacional ou de calquera outra natureza de grupos intraestatais. A entidade accede á autonomía mediante a manifestación da vontade que neste sentido declara parte da poboación, e a promulgación dunha norma de xerarquía máxima (constitución, estatuto) elaborada e aprobada nun principio polos interesados e sancionada despois polos órganos do estado. A organización interna da entidade autónoma, segundo o esquema clásico de organización de funcións e poderes estatais, abrangue un organismo lexislativo, un executivo e un xefe ou líder que representa á entidade e dirixe as súas funcións. Os conflitos que se poidan producir pola interferencia de competencias entre o estado e a entidade autónoma, resólvense por un órgano xudicial ao que lle soe estar encomendada a vixilancia da constitucionalidade. A Constitución Española de 1978 recoñece o dereito á autonomía para as diferentes nacionalidades e rexións do estado español. O artigo 2 e os artigos do Título VIII fan referencia á organización territorial do estado e determinan o xeito de acceder á autonomía e de obter o Estatuto de Autonomía. Deste xeito, entre 1980 e 1982 constituíronse 17 comunidades autónomas no estado español, abranguendo a totalidade do seu territorio. Por último, en 1995, as cidades norteafricanas de Ceuta e Melilla, acadaron o status de cidades autónomas. Este dereito á autonomía comporta a potestade de ditar normas xurídicas primarias (potestade lexislativa), a potestade regulamentaria e a función administrativa, reguladas todas elas polo que dispoña a constitución e polo que preveñan os correspondentes estatutos de autonomía. Tomando o sistema liberal, unitario e centralista, como o punto de referencia, máis ou menos compatible con el, foron aparecendo no panorama político de Galicia movementos como o Provincialismo, o Federalismo, o Rexionalismo, o Solidarismo, o Mancomunalismo ou o Autonomismo. Todos tiñan en común o principio autonomista, se ben non se formulaban os límites que os separaban nin os que o facían compatibles co poder central ou que desbordaban as súas posibilidades xurídico-políticas. As propostas abranguían dende o rexionalismo descentralizado e remataban nos bordos mesmos dunha concepción separatista; sen embargo, coincidían no intento de desenvolver funcional e gradualmente a asunción de competencias. En Galicia houbo modelos constitucionais de organización autonómica, como o presentado polo Partido Federal Gallego na súa Constitución para el Estado Galaico (1887) no que se pretendía formalizar unha comunidade política galega integrada no seo dunha federación española. No desenvolvemento constitucional da Segunda República española volveu intensificarse inicialmente o esforzo para o recoñecemento de Galicia como estado autónomo. O 4 de xullo de 1931 a Asemblea da Coruña aprobou unha proposta de Estatuto. Os esforzos culminarían co Estatuto de Autonomía de Galicia plebiscitado en xuño de 1936, pero que non chegou a estar vixente por mor da Guerra Civil española. O actual Estatuto de Autonomía, nacido ao abeiro da Constitución Española de 1978, foi aprobado pola Lei Orgánica do 4 de abril de 1981. Para Catalunya a autonomía política chegou na Segunda República Española en 1932, e para Euskadi xa en plena Guerra Civil española. De distinta maneira e por distinto tempo, as experiencias destes dous procesos autonómicos puideron contrastarse na práctica: a experiencia catalá (1932-1939) permitiu que o Tribunal de Garantías Constitucionales tivera que definirse sobre aspectos da compatibilidade entre os poderes centrais e periféricos. Esta compatibilidade conta, ao abeiro da Constitución de 1978, cunha ampla xurisprudencia emanada do Tribunal Constitucional.

      Confrontacións: autodeterminación.
  4. s f [FILOS]

    Calidade do suxeito que está determinada por el mesmo, independentemente de toda constitución externa. Unha moral é autónoma cando se basea en fundamentos e criterios intrínsecos ao suxeito da moral e non impostos dende fóra.

  5. s f [INFORM]

    Tempo no que pode funcionar un aparello informático con baterías sen estar conectado á corrente eléctrica.

  6. s f [LING]

    Relación que se dá entre dous termos dun paradigma, cando a existencia dun deles non presupón a do outro (Hjelmslev).

  7. s f [LING/POLÍT]

    Independencia política e social dunha lingua con respecto a outra.

  8. s f [TRANSP]

    Capacidade máxima dun vehículo aéreo, marítimo ou terrestre de facer un percorrido sen ter que parar nin recibir combustible nunhas condicións dadas; a velocidade á que o vehículo obtén a máxima autonomía chámase velocidade económica.