Avión
Concello da comarca do Ribeiro, situado na provincia de Ourense no S da Comunidade Autónoma (42° 22’ de latitude N e 8° 14’ de lonxitude O). Limita ao N cos concellos de Beariz e Boborás (comarca do Carballiño), ao L cos de Leiro e Carballeda de Avia, ao S cos do Covelo (A Paradanta) e Melón e ao O cos de Fornelos de Montes (Vigo) e A Lama (Pontevedra). Abrangue 120,52 km2cunha poboación total de 2.693 (2007), distribuída nas parroquias de Abelenda, Amiudal, Avión, Baíste, Barroso, Córcores, Cortegazas, Couso e Nieva. A capital está na parroquia de Avión. Dista 55 km de Ourense e 131 de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Ribadavia e á diocese de Ourense.
Xeografía física
O termo municipal de Avión atópase no dominio climático oceánico de montaña. Situado a sotavento das serras meridionais da dorsal occidental galega, os rexistros pluviométricos vense matizados por este factor, acadando valores medios situados ao redor dos 1.500 mm anuais fronte aos 2.800 que se rexistran a barlovento. A distribución estacional das precipitacións amosa unha tendencia á seca estival, recolléndose nestes meses o 9% do total fronte ao 38% do inverno. A primavera e máis o outono son estacións de transición con valores medios. As temperaturas acadan unha media anual de 11°C, sendo o mes máis cálido xullo, no que se superan os 18°C, e os máis fríos decembro e xaneiro, nos que se supera en pouco os 5°C de media. Encadrado entre a serras do Suído, ao O, e a do Faro de Avión, ao S, aséntase sobre unha litoloxía antiga (do Precámbrico ao Ordovícico) moi heteroxénea e fracturada, na que predominan os xistos e as cuarcitas, habendo tamén un batolito de granodioritas no S do municipio e filóns de granitos e rochas ácidas. As máximas cotas do concello establécense nos 1.027 m de altitude do Coto de Puzo, na parroquia de Abelenda, no límite coa de Xesta, do concello da Lama, nos 1.048 m do Coto Miñoto, no vértice entre as parroquias de Nieva e as da Laxe (Fornelos de Montes) e da Graña, do concello do Covelo, (ambos no Suído) e nos 1.044 m da Portela do Pau (no N do Faro de Avión), que marca o linde das parroquias de Nieva, Prado (O Covelo), Quins (Melón) e Vilar de Condes (Carballeda de Avia). A rede fluvial artéllase ao redor do río Avia, que dende o SO recolle os regos que drenan o municipio ata o encoro de Albarellos, no límite cos concellos de Boborás e Leiro, destacando polo N o río Couso e polo SL o Cubeta.
Xeografía humana
A evolución da poboación do concello de Avión ao longo dos últimos dous séculos amosa un saldo neto moi negativo. De feito o continxente demográfico en 1996 era tan só o 61% respecto ao rexistrado en 1900, e o 62% respecto a 1887 (4.846 h). Nas primeiras décadas do s XX rexistráronse incrementos a ritmos moderados ata 1940, data na que acada o seu máximo histórico (5.583 h). A partir de entón, a corrente migratoria ultramarina, dirixida fundamentalmente neste caso cara a México, provocou un gran baleiro no municipio, que perdeu no intervalo 1940-1970 o 43% da súa poboación. O retorno de emigrantes dende a década de 1970 xerou unha leve recuperación moi conxuntural. Non obstante a fenda na pirámide de idades non se puido recuperar malia a chegada destes retornados, que adoitan volver sen os seus fillos, que quedan nos destinos da emigración. Entre 1996 e 2001 Avión perdeu o 7,83% da poboación e entre 2001 e 2007 o 2,95%. En 2006 a taxa de natalidade era do 1,8‰ e a de mortalidade do 13,6‰, polo tanto o crecemento natural é negativo -11,8‰. Esta evolución produce unha poboación moi avellentada, na que os maiores de 65 anos representan o 36,7% fronte aos menores de 20 anos que son o 9,3%; o grupo intermedio representa o 54% da poboación.
A distribución por sexos mostra a preponderancia das mulleres (54,32%); outro dos trazos característicos dunha poboación avellentada, afectada ademais pola maior incidencia da emigración no continxente masculino (45,67%).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Avión é do 21,8% (27,1% a masculina e 17,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 19,5% (24% a masculina e 16% a feminina) e a taxa de paro é do 10,7% (11,3% a masculina e 10% a feminina). A pesar dos datos da taxa de paro, o concello de Avión é un dos de maior renda per cápita de Galicia. O éxito dos negocios emprendidos na emigración americana proporciona aos retornados uns cuantiosos ingresos. Non obstante , os investimentos destes non repercuten na dinamización produtiva do concello: os seus capitais continúan investíndose en América ou nas comarcas máis desenvolvidas do noso país, principalmente en Vigo, cidade na que moitos dos retornados fixaron a súa residencia. A agricultura dá emprego ao 34,6% da poboación activa. As actividades agrarias oriéntanse a un policultivo para consumo doméstico, pois na maior parte dos casos unha porcentaxe alta das rendas familiares procede dos investimentos no exterior ou, debido ao avellentamento da poboación, dos subsidios e pensións. O réxime de propiedade das explotacións é directo. Do mesmo xeito a gandaría bovina e porcina oriéntase ao autoconsumo familiar. O sector forestal, estendido ao 75% do solo, concentra a actividade industrial no municipio (serradoiros), e só dá emprego ao 6,6% dos traballadores. A construción, favorecida polos investimentos en fastuosas vivendas dos indianos, ocupa ao 12,2% dos empregados. Por último o sector servizos achega o 46,6% dos postos de traballo, porcentaxe que aumentou nos últimos anos. Destacan dentro delas as actividades bancarias, cun elevado índice de entidades por número de habitantes. As vías de comunicación quedan restrinxidas á estrada local OU-212, que enlaza con Beariz e Ribadavia, e a través desta última con Vigo e Ourense pola A-52. O Carballiño, ao que se accede dende Beariz, tamén exerce algunhas funcións comerciais con Avión.
Historia
As primeiras mostras do poboamento das terras de Avión dosn os restos dun antigo castro, con foso, muralla e contrafoso, atopados no Coto do Castro. Na Idade Media, os distintos cenobios da comarca exerceron o dominio sobres as terras montañosas de Avión, circunstancia que se mantivo nos séculos seguintes. Durante o Antigo Réxime as parroquias do concello quedaron baixo o señorío do conde de Ribadavia (agás a de Couso que compartía co mosteiro cisterciense de Melón). Co establecemento primeiros concellos en 1813, este territorio erixiuse en concello co nome de Abión, pertencente á Provincia de Galicia e, dende 1820, ao partido de Ribadavia. Coa división de Galicia en catro provincias en 1822 establecéronse os concellos de Avión e Couso de Avión, integrados na nova provincia de Ourense e no partido de Ribadavia. Derrogada a Constitución en 1823, tornou a situación do Antigo Réxime, suprimíndose os axuntamentos. Restablecidos o constitucionalismo e máis o municipalismo en 1835, no ano seguinte creouse o concello de Amiudal, que integraba as parroquias da xurisdición e do primeiro concello de Avión, mudando unicamente de capital. A capital pasou en 1843 á parroquia de Abelenda, sendo Abelenda de Avión o nome do concello. En 1860 aparece de novo co nome do concello de Avión, e en 1873 a capital trasladouse definitivamente a esta parroquia.
Patrimonio cultural
Da arquitectura relixiosa do concello destacan as igrexas de Santa María de Abelenda, románica de finais do s XII e que pertenceu á Orde do Temple, e a igrexa dos Santos Xusto e Pastor en Avión, con predominio do estilo barroco. Na igrexa de Santa María de Couso destaca o baldaquino de estilo gótico. Do seu patrimonio etnográfico destacan os hórreos, os fornos do pan e os muíños. Ademais das festas parroquiais celébranse, entre outras, a Festa da Vincha e a Festa Mexicana, e en novembro o magosto.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Ribeiro, O |
| Extensión | 120 Km2 |
| Poboación Total | 2693 h |
| Poboación Homes | 123 h |
| Poboación Mulleres | 1463 h |
| Densidade de poboación | 22.44 h/Km2 |