azarí
(< topónimo Acerbaixán)
-
adx
Relativo ou pertencente ao Acerbaixán.
-
adx
Relativo ou pertencente aos azarís ou á súa lingua.
-
s
Individuo do pobo azarí.
-
s
[ETN]
Pobo de orixe turca instalado no Acerbaixán dende o s XIV, habitan na parte baixa da conca do río Kura ata o Mar Caspio e nas proximidades do Cáucaso. Basean a súa economía na agricultura, a súa lingua é o azarí e son maioritariamente musulmáns.
-
s
m
[LING]
Lingua do grupo turcomano da familia altaica falada no Acerbaixán e no norte de Irán por uns cinco millóns de persoas. Desenvolveuse ao longo do s XIII e quedou definitivamente fixada no s XVI grazas á obra de Muhammad Fuzuli; xa era unha lingua de uso literario na época clásica da literatura turca. Nos primeiros textos azarís empregouse o alfabeto árabe, que cambiou posteriormente polo alfabeto latino e, en 1939, polo ruso. Así mesmo, é lingua franca en toda a Transcaucasia.
-
literatura azarí
[LIT]
As primeiras manifestacións literarias en lingua azarí débense ao poeta medieval Nizami de Gandza. Despois da depresión cultural provocada pola invasión dos mongois e o desenvolvemento da poesía relixiosa nos ss XIII e XIV, no s XV floreceu a lírica. Dende o s XVI e durante o XVII e XVIII a literatura clásica atopou unha fonte de inspiración na literatura popular. Dende o comezo do s XIX, momento no que o Acerbaixán pasou a formar parte do Imperio Ruso, adquiriron importancia as relacións cos rusos fronte aos turcófilos, creáronse círculos literarios, desenvolveuse a poesía satírica e madurou a tendencia realista. No ano 1926 creouse a asociación de escritores proletarios Gyzyl Galemier (As plumas vermellas) e en 1932 a Unión de Escritores da RSS do Acerbaixán. Entre os máis destacados representantes da literatura azarí actual cómpre mencionar os dramaturgos Akhverdov e Vezirov, o poeta Zakir, o poeta e dramaturgo Vurgun e o novelista e dramaturgo Ibragimov.