azteca

azteca
  1. adx

    Relativo ou pertencente ao azteca.

  2. s [ETN/HIST]

    Individuo dun pobo de fala náhuatl que habitaba no altiplano central de México. Os aztecas, chamados tamén tenochcas ou mexicanos, apareceron no val de Anáhuac ao redor da segunda metade do s XII. Por mor da súa extraordinaria organización militar dominaron en pouco tempo todas as outras poboacións do país e estableceron un imperio que se estendeu desde o límite sur do actual Michoacán ata máis alá do istmo de Tehuantepec. Cara ao 1325 os aztecas fundaron Tenochtitlán, erixida nunha illa do lago de Texcoco, que converteron en capital do imperio (actual Cidade de México). En pouco tempo convertéronse en excelentes agricultores, aproveitaron as tradicións culturais dos toltecas, adoptaron a vida urbana e desenvolveron unha importante civilización. En 1376 escolleron o seu primeiro monarca, Acamapichtli. Os primeiros reis foron tributarios das cidades de Atzcapotzalco, dos tepanecas e de Texcoco, o Emperador Itzcoatl (1428-1440) que derrotou as cidades rivais e estableceu unha alianza cos chitchimecas de Tlacopán. O val de México quedou baixo o dominio de Texcoco, Tlacopán e Tenochtitlán, que formaron unha especie de federación. Os emperadores Moctezuma I (1440-1469) e Ahuitzotl (1486-1502) estableceron a soberanía azteca sobre os tonotacos de Veracruz e os huastecas do río Panuco, e polo sur ata o actual estado de Guerrero. Durante o reinado de Moctezuma II (1502-1520), Hernán Cortés desembarcou en Veracruz (1519) e conseguiu, en pouco tempo, desmembrar o Imperio, auxiliado decisivamente por unha revolta xeral de moitos dos pobos sometidos aos aztecas. O derradeiro soberano azteca foi executado polos conquistadores en 1524. Os elementos máis importantes da cultura material dos aztecas foron a agricultura de chinampas ou illotes de terra flotante, establecidos mediante estacas nos lagos e nas terras enlamadas da rexión -onde cultivaron o marisco, verduras e flores-, a metalúrxica, o tecido, a artesanía e unha arquitectura moi desenvolvida. Comercializaron con todos os pobos dominados e con outros independentes. A relixión azteca dominaba toda a vida social; a sociedade, o exército e o goberno estaban supeditados á relixión como unha crenza, como unha concepción e unha forma de vida. Os aztecas eran politeístas; sen embargo, tiñan o coñecemento intelectual dun ser supremo creador da existencia. As divindades principais eran Huitzilopochtli, deus da guerra; Tezaxtlipoca, deus da vida; Tlaloc, deus da choiva; e Quetzalcoalt, deus do aire e heroe cultural. O cerimonial azteca era moi complicado e estaba ligado aos dous calendarios utilizados. Practicaban sacrificios humanos e a antropofaxia. Coñécense casos de sacrificos en masa: entre 20.000 e 40.000 prisioneiros de guerra. En materia de coñecementos científicos aplicaban o cálculo matemático a base dun sistema vixesimal. Tiñan un calendario solar de 365 días, dividido en 18 meses de 20 días cada un, os 5 días sobrantes, nemonteni, considerábanos nefastos, durante eles cesaba toda actividade. Cada 52 anos formaban un ciclo. Tamén tiñan un calendario relixioso ou cerimonial, tonalpohualli, de 260 días, dividido en 20 períodos de 13 anos cada un. Desenvolveron unha escritura pictográfica e ideográfica e, nalgúns casos, fonética. Só era letrada a clase superior. Escribían sobre peles de animais preparadas e follas de papel elaboradas con maguey prensado. A organización social azteca nas súas orixes foi igualitaria; baseábase no calpulli (institución derivada dos primitivos clans exogámicos), existiron 20 calpulli e catro campan ou barrios. O calpulli era unha unidade que agrupaba a un conxunto de persoas emparentadas. A propiedade da terra era común, e cada calpulli posuía unha proporción que distribuía en usufruto aos cabezas de familia. Esta organización foi progresivamente modificada e a sociedade tornouse fortemente estratificada. No cume do estado e da sociedade azteca situábanse o Tlatoani e o Cihuacoalt. O Tlatoani (Emperador), era elixido polos xefes dos calpullis, tiña o poder militar e relixioso. O Cihuacoalt substituía ao Tlatoani en moitas ocasións e tiña tanto poder coma el. O estado era autocrático e militarista. A nobreza, que gozaba de grandes privilexios, estaba constituída polos xefes dos calpullis, os xefes militares e os gobernadores de provincias. Os vinte representantes dos vinte calpulli, chamados tlatoanis ou oradores, formaban o Gran Consello ou Tlatocán, organismo de carácter directivo, administrativo e xudicial. Ademais desta aristocracia gobernante, as clases baseábanse na función social: sacerdotes, administradores ou calpixque, militares, mercaderes, artesáns, artistas, mestres, cantantes, agricultores libres, traballadores anexados á terra, cargadores e escravos ou tlacotin. O exército estaba constituído en parte por profesionais. Sobre os labradores e artesáns ou macehualtin caían as cargas, o traballo e os tributos, e os escravos estaban totalmente desposuídos de calquera dereito. En 1521, cando Hernán Cortés entrou en Tenochtitlán, a poboación estimábase en 100.000 habitantes, e a do val nuns cinco millóns. Actualmente quedan numerosos grupos de fala náhuatl en México e noutros lugares de América Central (uns 700.000), algúns deles descendentes dos antigos aztecas.

  3. s m [LING]

    As linguas faladas no s XVI no territorio que abranguía do denominado Imperio azteca foron moi numerosas. Entre elas destacan o macro-iuma, macro-mixe (totonaca, mixe, etc), mangueño (tlapaneco, chiapaneco, etc), macro-mixteca (mixteca, zapoteca e otomí), chinanteco, tarasco, etc. A lingua do Imperio Azteca era o náhuatl, pertencente ao grupo macro-azteca, que se pensa debeu chegar ao de México a comezos da era, procedente talvez do suroeste dos EE UU. Este grupo de linguas abrangue dende esa rexión ata Centroamérica, entre elas destacamos o shoshon, o iute, o papago, o pima, tarahumara, o tepehua, o huichol, o náhuatl dos toltecas e pipiles, etc. Do náhuatl consérvanse documentos escritos en caracteres latinos, polo tanto pódese trazar a súa historia dende a chegada dos españois ata a actualidade na que aínda conta con un millón de falantes aproximadamente.

  4. arte azteca [ARTE]

    Arte desenvolvida e difundida polos aztecas. Estes asimilaron as tradicións e estilos dos pobos veciños, especialmente dos toltecas e os mixtecas, e despois de marcalos cunha impronta propia, difundíronos grazas ás súas expedicións guerreiras e comerciais. Consérvanse poucos restos da súa arquitectura. Xa que os palacios e os templos foron destruídos polos conquistadores. Os templos, teocallis, estaban formados por pirámides truncadas e con chanzos, de base cuadrangular; na plataforma das pirámides había un pequeno habitáculo para o deus, ante o que se celebraban as cerimonias relixiosas principais e as públicas con sacrificios de víctimas. O templo principal de Tecnochtitlán, de 30 m de alzado estaba formado por dous templos xemelgos dedicados a Tlaloc e a Huitzilopochtli. Contaba tamén con outras dependencias como unha cerca de caveiras, un xogo de pelota, dependencias sacerdotais ou un templo ao Sol. Na mesma praza alzábanse outros templos e edificios, todos eles destruídos. Consérvanse noutros centros arqueolóxicos monumentos importantes, como os templos de Tenayuca, Calixtlahuaca, de forma circular, Teopanzolco e Tepoztlan. É extraordinario o santuario rupestre de Malinalco, cerca de Toluca. Con respecto á escultura, os aztecas, seguindo aos toltecas, empregaron a pedra dura, que traballaron sen a axuda das ferramentas metalúrxicas. Os temas da escultura azteca son as imaxes dos seus deuses, realizadas para ser situadas nos templos. Estas imaxes sagradas son convencionais, adornadas con atributos de tipo expresionista (deusas da morte, da guerra, da fecundidade, etc). As esculturas de tema profano (cabaleiros, xaguares, aguias, figuras de Chacmool, vasos para os corazóns das víctimas en forma de xaguar e toda clase de animais) son de gran realismo. Decoraron templos e altares con numerosos relevos, dos cales se conservan importantes exemplos: o Calendario do solo Sol, monolito de 3,60 m de diámetro e 24 toneladas de peso ou A Pedra de Tizoc. Os escasos restos de pintura que nos chegaron, os frescos (Malinalco) e as miniaturas dos códices (borbónico, Borgia, etc), están moi relacionadas coas dos mixtecas, así como a ourivería e a cerámica. Practicaron cunha grande habilidade a arte do mosaico (máscaras, mangos de coitelos, discos, xerras) e traballaron as pedras durísimas (cristal de roca, obsidiana, pórfido, diorita) coas que fixeron esculturas. Foron moi orixinais na arte das plumas. Para realizar os mosaicos de plumas debuxaban primeiro a imaxe sobre papel de maguey e logo pegaban as plumas. As plumas de quetzal proviñan de Guatemala; as da graza rosa da costa e as de colibrí de Chiapas. Con elas realizaron capas, escudos e tocados, como o que Moctezuma enviou a Hernán Cortés en 1519, a quen cría Quetzalcóalt; orixinariamente tiña forma oval e estaba decorado con plumas de quetzal, colibrí e láminas de ouro.

Palabras veciñas

Azrael | Azraq, al- | AZT | azteca | azteca-tanoano | Azua | Azua de Compostela