Aquiles
Aquiles
[ONOM]
Antropónimo procedente do grego Akilleus (Ảχιλλεύς), que chegou a nós a través do latín Achilles. É un nome de longa tradición en Grecia, quizais a pegada dalgunha lingua pregrega e, xa que logo, cunha etimoloxía difícil de clarificar. O poema épico de Homero a Ilíada desenvolve como tema central a cólera do heroe grego Aquiles, o dos pés lixeiros, quen despois de loitar contra os troianos morre no campo de batalla ao ser alcanzado no calcañar por unha frecha. A raíz deste feito fíxose moi sonada a expresión o “calcañar de Aquiles” para referirse ao único punto vulnerable do heroe aqueo. A festividade de santo Aquiles, mártir en Roma, celébrase o 12 de maio.