Asociación Galega de Artesáns

Asociación Galega de Artesáns
Nome científico: [AGA]

Entidade creada en Santiago de Compostela en xaneiro de 1983 por iniciativa de vinte artesáns profesionais de toda Galicia co obxectivo de promover a artesanía. Presidida por Manuel González Arias, conta cuns 300 asociados de diferentes oficios en toda a comunidade autónoma. Organiza feiras comerciais como Mostrart (A Coruña), Ofeitoaman (Vigo), Navidart (Ferrol) ou Artesanoia (Noia); promove exposicións non comerciais como Outrasartesanías (Coruña, 1983-1984), Textil contemporáneo (A Coruña 1987), Cartón (Ribadavia 1988 e A Coruña 1989) e tamén ten presenza internacional (O Porto, Bruxelas, Aviñón, Lisboa, Berlín). Organiza xornadas de artesanía, encontros de Ceramistas europeos en Galicia, cursos monográficos de comercialización e deseño, etc. Presentou material promocional sobre Artesanía de Galicia en feiras como Fitur, Congreso FEGAEX (O Brasil), Feira de Braga, Feira Iberoamericana de artesanía (Canarias), Exposición Ministerio de Industria (Cuba), Celtic Excellence (Bruxelas). Promove xunto con outras asociacións profesionais do Estado, a Organización de los Artesanos de España, constituída en Toledo en abril de 1992, coa presidencia de membros da AGA ocupándose da redacción e edición da revista bimensual Oficio y Arte. AGA dispón de dous representantes na Comisión Galega de Artesanía. Colaborou na redacción do Estudio de Artesanía de Galicia e na edición da Guía de Artesanía de Galicia de 1995 e publica a Revista Artesán, o Catálogo de regalos de Empresa de Artesanía e a Guía dos Oleiros de Buño.