Asociacións de Prensa
O nacemento das asociacións de prensa en Galicia, como institucións de agrupamento e defensa dos xornalistas é un fenómeno que se sitúa entre os anos finais do século XIX e primeiros do XX. Galicia é, neste ámbito, unha das primeiras comunidades na que xorden este tipo de entidades, con perfís netamente asistenciais, por riba doutras consideracións de xeito gremial ou mesmo sindical. As asociacións de prensa de Galicia corresponden, no seu primeiro momento, ao proceso histórico que vén definido polo paso do xornalismo esencialmente político ou comercial e mercantil a un verdadeiro xornalismo noticioso ou informativo, que demanda profesionais dedicados a actividades informativas, fronte ao período anterior no que personaxes do mundo político, editores de periódicos, reclamaban ser xornalistas de seu, facendo do periódico unha ferramenta máis dentro dunha estratexia de expansión das súas ideas partidarias. A primeira asociación de prensa que xorde en Galicia é a da Coruña, datada en 1905. Seguen as de Vigo, 1909; Ourense, 1918; Pontevedra, 1925 e Santiago de Compostela, 1945. As asociacións da Coruña e Vigo atópanse entre as primeiras creadas en España, tralo nacemento da primeira asociación de prensa de España que é a de Málaga (1877) ou a de Madrid (1895). Na historia das asociacións de prensa de Galicia, como no resto do país, obsérvanse cinco períodos esenciais: o que vai desde 1877 ata 1923, e a Ditadura de Primo de Rivera. O período 1923-1936, desde a Ditadura ao levantamento militar contra a Segunda República; o período comprendido entre 1936 e a Lei de Prensa de Fraga, de 1966; a etapa que se estende desde a Lei Fraga (marzo de 1966) ata a Constitución de 1978, e desde entón ata o principio do século XXI. As funcións das asociacións de prensa eran inicialmente meramente benéficas ou asistenciais, a fin de socorrer aos familiares dos xornalistas falecidos. Este carácter asistencial foi criticado desde o primeiro momento polos periodistas máis conscientes e sensibles á necesidade de artellar unha profesión propia. Nin eran un sindicato nin tan sequera un gremio. Nestas primeiras asociacións convivían editores e propietarios das imprentas cos redactores dos xornais, mesmo os primeiros impuñan que a entidade se abstivese doutro labor que non fose o benéfico, moral ou asistencial. Pola contra, dada a situación de abandono no que se atopaban os primeiros xornalistas profesionais, unha das súas primeiras angueiras era contar cun montepío que os amparase. Especialmente relevante foi a creación en 1922, en Santander, da Federación de Asociaciones de la Prensa de España, organismo integrador de todas as entidades provinciais ou locais, e no que se formula máis seriamente a verdadeira defensa corporativa dos periodistas. Moi cedo, a Federación intégrase na Federación Internacional de Xornalistas e conecta deste xeito co resto do movemento asociativo da prensa no mundo. Nun primeiro período, os redactores e amanuenses dedicados ao xornalismo de modo único ou principal, percibían baixas remuneracións polo seu traballo, ata entón considerada non unha actividade propia, senón unha vocación ou ferramenta utilizada por avogados, políticos, médicos, homes de empresa e outros da máis diversa procedencia. Un informe sobre esta profesión da Oficina Internacional do Traballo, difundido en 1928, indica que só existen periodistas profesionais de dúas ou tres xeracións máis atrás. Xa daquela se denunciara a precariedade deste traballo intelectual e se recomendaba o establecemento de contratos colectivos. Pouco despois, o célebre Informe Brachard, elaborado por un deputado francés en 1935 sobre a situación desta profesión en Francia, advertía que o xornalismo estaba invadido por afeccionados e intrusos, poderoso exército contra o que tiña que combater o verdadeiro profesional. En Galicia, o periodismo profesional naceu pouco a pouco, primeiro en Vigo e na Coruña, onde xornais como Faro de Vigo ou La Voz de Galicia comezan a artellar redaccións profesionalizadas. O proceso é máis lento no resto de Galicia, onde os redactores dos xornais adoitan ser funcionarios, profesores e mestres, ou mesmo cregos que simultanean a súa actividade co traballo na redacción. Esta situación vai pervivir no chamado “periodismo de provincias” ata finais do século XX. En Madrid, nos primeiros anos deste século, menos do dez por cento dos douscentos redactores dos diarios da capital eran propiamente profesionais. En canto ao proceso histórico, entre 1877 e 1923, a profesión vaise artellando lenta e contraditoriamente. Entre 1923 e 1936 teñen lugar acontecementos tan relevantes como a creación do carné de periodista, a concesión das Follas do Luns ás asociacións da prensa, o descanso dominical dos periodistas, e o establecemento dos xurados mixtos (período de Primo de Rivera) que desemboca nos comités paritarios (Segunda República) de amplas funcións na regulación das relacións entre traballadores e editores da prensa. Nestes dous períodos, a censura preséntase de dúas formas: censura e notas oficiosas -con Primo de Rivera-, e as limitacións impostas pola Lei da Defensa da República. Co levantamento militar de 1936, as asociacións da prensa de Galicia (como o resto da chamada España nacional) son militarizadas ao servizo da causa nacional. O mando militar designa os directivos da corporación e establece qué parte dos beneficios das follas do luns se dedique ao esforzo de guerra. Logo de rematada a Guerra Civil, as asociacións de prensa de Galicia, titulares das follas do luns, explotaron o periódico dos luns, único día da semana no que non saían os xornais, e deste xeito os xornalistas puideron completar os seus ingresos cunha remuneración suplementaria, ao tempo que se financian e dotan ás propias asociacións para fins benéficos, sociais e asistenciais. En realidade, benefíciase todo o mundo: os traballadores do taller, que tamén completan os seus ingresos, e os xornalistas asociados. O réxime de Franco converte o antigo Censo Oficial de Periodistas no Registro Oficial de Periodistas e crea (1941) a Escola Oficial de Periodismo, pola que será obrigado pasar para obter o carné e, polo tanto, a inscrición no Rexistro Oficial de Periodistas. Malia todo, en 1963, un decreto do Ministerio de Información e Turismo, que ten á súa fronte a Manuel Fraga, establece unha vía (chamada a terceira vía) para outorgar o famoso carné a aqueles xornalistas que, traballando nos medios de prensa, cumpran determinadas condicións de profesionalidade, mesmo que non teñan pasado pola Escola Oficial. En 1966 publícase a Lei de Prensa e desaparece a censura previa, ao tempo que se define o Estatuto Profesional do Periodista. Coa chegada da democracia, a Lei de Prensa derrógase e o Rexistro Oficial de Periodistas convértese en Rexistro Profesional de Periodistas, depositado non no ministerio (primeiro de Información e Turismo, e logo de Cultura), senón na Federación de Asociaciones de Prensa de España. As asociacións de prensa de Galicia tentan constituír unha federación, que non logrou consolidarse. En 1981, por iniciativa do PSOE, as asociacións de prensa perden o privilexio da edición dos luns, e unha a unha van desaparecendo as Follas do Luns. En Galicia existen as asociacións de prensa da Coruña, Lugo, Santiago de Compostela e Vigo, integradas na Federación de Asociaciones de Prensa de España. Defínense como órganos de representación, coordinación, xestión e defensa da profesión periodística no marco do artigo 20 da Constitución Española. As asociacións de prensa de Galicia viviron unha vida desigual. A da Coruña segue a convocar, coa colaboración do concello daquela cidade o premio Pérez Lugín, un dos máis prestixiosos do país, dedicados á profesión periodística e especialmente ao xornalismo literario. A Asociación de Prensa de Vigo conta, entre os seus membros máis destacados, con escritores como Álvaro Cunqueiro, Xosé María Castroviejo ou Xosé Landeira. Ao mesmo tempo, todos os xornalistas que exerceron en Vigo ata 1936 pasaron polo seu seo, destacando a figura de Blanco Torres, exemplo de compromiso e xornalismo militante. A Asociación de Prensa de Ourense foi dada de baixa, dada a súa inactividade no seo da FAPE no ano 1996. A adscrición é voluntaria, xa que para o exercicio profesional do xornalismo non se esixe oficialmente no noso país nin título nin colexiación. Non obstante , a maioría dos profesionais que exercen en España pasaron por alguna das numerosas facultades de Ciencias da Información que existen no país. A FAPE está formada polas asociacións de moitas cidades españolas. Ademais das asociacións federadas, o Colexio de Xornalistas de Catalunya ten un representante permanente na FAPE, incluído no seu consello rector. En total, a Federación representa a máis de seis mil xornalistas de toda España. Na LVIII Asamblea Xeral celebrada en València, a FAPE decidiu promover a creación dun Sindicato Nacional de Periodistas, de ámbito estatal. Segundo os seus vixentes estatutos, a FAPE defínese como “órgano de representación, coordinación e defensa da profesión periodística española”.