Associação Cultural de Língua, Literatura e Cultura Lusófonas-Irmandades da Fala da Galiza e Portugal
Institución creada en 1982 en Pontevedra (A Seca) e, en 1991, en Braga. Legalizada no Estado español (20.7.1983) e portugués (8.8.1991) está presidida por Jose Luis Fontenla (Galicia) e Mª Rosa da Rocha Valente (Braga), contando ademais cos codirectores Antonio Gil Hernández (Galicia), Cristrina Mello (O Brasil) e J. L. Pires Laranjeira (PALOP). O seu obxectivo é a defensa da Lusofonía e a promoción da lingua portuguesa en Galicia, O Brasil, nos Palop (Países Africanos de Lingua Oficial Portuguesa), Timor, etc. Esta asociación organiza congresos sobre lingua, cultura e literatura dos pobos lusófonos; defende o Acordo Ortográfico de 1990 que unifica as variantes galega, portuguesa e brasileira dentro do diasistema portugués e promove o intercambio cultural e científico entre os países de lingua portuguesa, tendo colaboradores nas principais universidades galegas, portuguesas, brasileiras ou africanas, así como nas de San Petersburgo, Nova York, Utrecth, Hamburgo, Kyóto, etc. Baixo o nome de Irmandades da Fala de Galiza e Portugal edita as revistas de carácter técnico-científico Nos, Cadernos do Povo e Temas do Ensino de Lingüística, Sociolingüística e Literatura, dirixida por José Luís Fontenla. Á parte dos estudios lingüísticos e literarios, estas revistas conteñen a creación literaria (poesía, narrativa, ensaio, teatro) de autores lusófonos mesmo versionada en hebreo, ruso, xaponés ou inglés. A asociación recibe subsidios do Ministerio de Educación e Ciencia e do Ministerio de Asuntos Exteriores de España, do Instituto Camões e da Fundaçao Calouste Gulbenkian de Lisboa.