Association Pour Darwin

Association Pour Darwin

Institución constituída en 1997. O seu presidente é Zoé Barboff e o secretario xeral Patrick Tort. A sede social está en Romanville (París), aínda que o seu ámbito de actuación é internacional. Está declarada de utilidade pública polo goberno francés debido ao seu importante traballo científico e ao seu proxecto educativo. A asociación organizou o Congreso Pour Darwin (1997) e é a promotora do Institut Charles Darwin International. Os obxectivos desta asociación son: facer coñecer e desenvolver as investigacións orixinais en materia de bioloxía da evolución; publicar a obra completa de Darwin; rectificar os erros históricos de interpretación da teoría da evolución e loitar contra os usos ilexítimos do darwinismo con finalidades racistas, euxenésicas ou discriminatorias; demostrar a inexactitude das teses creacionistas ou neoprovidencialistas na bioloxía evolucionista; defender o laicismo na ciencia, tanto no seu exercicio como no ensino; promover un diálogo prioritario entre as ciencias naturais, humanas e sociais; desenvolver a cooperación europea ao redor das ciencias da evolución, abríndoa aos países en vías de desenvolvemento; enriquecer a reflexión ética para unha demarcación racional de confrontación entre as ciencias, e formar a través de seminarios, exposicións, etc, no coñecemento rigoroso das ciencias biolóxicas e sociais.